08:24 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2011

Unha vez máis, o argumento de que o galego sae moi caro

A coartada perfecta

Valorar (8)

IRIA TAIBO CORSANEGO



Desde hai uns meses, parece difícil atopar nos medios de comunicación, entre os políticos ou nas conversas da rúa calquera debate libre de referencias á crise. Ten lóxica, pois hai incontestábeis cifras e realidades que nos din que a estamos a sufrir moi directamente. Tamén entra dentro da lóxica que situacións complicadas como esta obriguen a unha necesaria revisión, entre outras cousas, do moitas veces esaxerado gasto público. Da necesidade poderiamos aproveitar para facer virtude...

A cuestión está, precisamente, en que non hai unha voz unánime na maneira de valorar o nivel de relevancia de cada un dos gastos nos que incorre a administración. Tamén é verdade que en tempo de bonanza é moito máis fácil xestionar os cartos (públicos e privados) e cando hai que facer escollas, igual que na vida en xeral, é cando nos definimos.

Asistimos diariamente a diversas escenas relacionadas co gasto público nas que cada quen leva as mans á cabeza por indignación, sorpresa, raiba, mais por motivos moi diferentes e mesmo nalgúns casos totalmente opostos. Eu hoxe case vou camiño do salón do peiteado despois de ler que o concello de Madrid, un dos máis endebedados de España, paga un salario mensual de 3.000€ a un empregado cuxo cometido é o de servir as comidas ao alcalde cando as fai dentro do edificio do concello...

Mais cando se trata de facer estas escollas, o que se ve é que xeralmente resulta bastante máis fácil desprendérmonos da cultura, da lingua, da educación... Porén só dun determinado xeito de entender a cultura, a lingua e a educación. E utilizando a demagoxia como ingrediente principal do argumentario.

En Galiza levamos unha boa temporada, coincidente de xeito sospeitoso coa chegada de Núñez Feixóo á Xunta, de recortes xustificados no déficit público. Mais todos eles cun cariz bastante escorado cara a unha liña contraria aos servizos públicos e nomeadamente contra a educación, a lingua e a cultura. O relatorio resulta entre espeluznante e tedioso, por repetitivo: a suspensión das axudas aos concellos para normalización lingüística, os recortes radicais no ensino. A todo isto, por acción ou por omisión, podemos sumar o feche de todos os diarios escritos integramente ou en parte en galego, por exemplo.

Un dos episodios máis recentes é o do feche do servizo de normalización lingüística do Concello de Ames, xunto coa radio municipal. Calquera que coñeza algo Ames sabe que o SNL fai un servizo importantísimo de integración da numerosa poboación inmigrante e moitas actividades dirixidas a distintos sectores da sociedade. O argumento é que son servizos insostíbeis e que dependen de subvencións para o seu mantemento. Unha vez máis, o argumento de que o galego sae moi caro.

Outro caso é o da retirada das axudas a entidades e fundacións culturais. A Xunta convocara unhas axudas cun orzamento total para 2011 e 2012 de 300.000€ para todas as entidades e fundacións culturais do país. Despois de abrir a convocatoria, en concorrencia competitiva, de recibir as solicitudes e mesmo abrir un prazo para a emenda de erros, no mes de outubro o DOG deu conta da suspensión destas axudas para cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público.

O mesmo día de publicarse esa suspensión, a Consellaría de Traballo e Benestar dá conta tamén no Diario Oficial dos convenios de colaboración que subscribiu no segundo cuadrimestre deste ano. Entre eles, chaman a atención os convenios asinados o 17 de agosto deste ano con varios grupos de comunicación (por suposto, ningún deles saca á luz información en galego) que sumados, dan 394.800€. O obxecto de todos eles é o mesmo: "dar a coñecer á sociedade os programas e campañas que vaia desenvolver a consellería vinculados á formación, ao funcionamento do servizo público de emprego e aos seus instrumentos, para mellorar a empregabilidade e a colocación das persoas desempregadas".

Outro exemplo nesa liña é a publicación no Diario Oficial, esta mesma semana, da resolución dunhas axudas a empresas xornalísticas e de radiofusión . A suma dos importes é interesante: 1.714.991,53€.

Haberá quen diga que a campaña de Traballo e as axudas aos medios son obxectivos moi lexítimos, mais eu non podo evitar comparalo co anuncio de Cultura por varios motivos. Seguramente o máis importante é que os medios de comunicación son empresas e polo tanto o seu obxectivo é conseguiren beneficios. Varios representantes da administración galega, ao coñeceren as desgrazadas noticias do feche de varios medios de comunicación escritos en galego, argumentaran que eran empresas deficitarias. A idea é que a administración pública non debería intervir para salvalos, nin polos postos de traballo nin, por suposto, por cumprir coa súa obriga de protexer e fomentar a lingua galega. Porén, hai outros medios de comunicación que si merecen as axudas públicas do goberno de Núñez Feixóo, mentres pechamos as portas da cultura de base e de tantos outros servizos imprescindíbeis para a nosa lingua e a nosa cultura.


[26-11-2011 00:05] Eu comentou:

Penso que hai que pasar á ofensiva, denunciar a imposición do español con cifras, coas cantidades millonarias que o PP gasta cada ano desde hai 30 anos para difundir o español a través da prensa e demais medios de comunicación privados. E a inmersión en español no sistema educativo, que no fundamental non cesou coa chegada da autonomía. Aínda por riba temos que aturar que digan que o galego gozou de protección cando foi xusto ao contrario! Desde hai 30 anos lévase a cabo un proceso de normalización do español en Galiza e está dándolles resultado. Polo menos que a xente saiba os cartos que meten nel.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña