02:32 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2011

E así seguimos, na lealdade a Patria, por cada seu camiño, pero sempre na Patria até hoxe

Din que morreu o Rufo Pérez

Valorar (58)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Din que morreu o Rufo Pérez e estouno vendo. Un rillote longueirón de 16 anos na Misión Biolóxica de Galiza, coa casaca verde e o trisquel vermello ao pé de Don Álvaro. Nacen os Ultreia e en posición de firmes a percorrer Galiza enteira naquel balandro, que cantou o Bouza Brei, ou a pé, mar e terra, que é nación para convertela en patria, si o amor xa converteu a nación en patria. E xa namorado, a vida convertese nun camiño longo tras a amada, naquelas mocidades de lume tornadas ao pouco en sangue, naquel partido de ferro ao pouco tronzado. E así o lembro naquelas Asembleas que continuaban a de Lugo, naqueles comicios onde fervía a nación, naquelas campañas onde avanzabamos ou retrocediamos e tamén loitando polo Estatuto, e defendendo a integración do Partido no Fronte Popular, e  reclamando que a mocidade rachase co termo galeguismo, como xa o decretaran os patrucios en 1918 en Lugo, e cantando o "Himno de Galiza" de Brañas. Unha Galiza nova en marcha, arrombada pola barbarie española en 1936.

E seguín ao pé de Rufo Pérez mobilizado a forza para loitar contra os seus naquelas compañías da democrática Italia que Musolini poñía ao servizo de Franco. E acompañeino nos campos de traballo forzados na Galiza irredenta e en Vigo, naqueles terreos que foran do irmán Peinador, após reconvertidos en Aeroporto, e na Asemblea de Coruxo, 1943 desorientado, e nas academias privadas onde subsistían dando pasantías os que non eran afectos ao réxime e así até a liquidación do Partido. E xa no ensino público, esixente catedrático de matemáticas no Instituto de Vigo, e na fundación de Galaxia, naquel cadro do outrora Ultreia Xoán Ledo, e tamén descolgado do mesmo, xunto ao Tucho Beiras, vello irmán, leal a idea sacra, non xermanofilo, galego, antigalaxian. E volta a empezar, porque os amores para que non morran hai que coidalos, e namorado camiñou de novo con Galiza, repartindo "A Nosa Terra" ou o"Adiante" que chegaban de Bos Aires e eran nacionalismo de lei e como hai amores que non morren seguiu na busca de casa onde compartilo.

Rufo Pérez, segundo pola esquerda suxeitando unha bandeira, un dos rapaces vestido coa camisola dos Ultreia en 1932

E volvémonos a cruzar, 1961 ou 62, pouco ten, estabamos a refacer a vella casa con vimbios novos, e persistimos, outra vez desde a mesa camilla ordenan parar, e xa non podíamos e non queriamos e fixemos aquela vella casa de novo. Esta xa sen pasar pola pía bautismal, porque asumíamos xa sen tabús aquela que afirmabamos pola boca pequena antes do 36, que nacionalismo e marxismo son unión de feito e fixemos, empezamos a edificar a UPG. E xa a nosa, foi vida de trepias ou células, caída do 67, a primeira celebración pública do Día da Patria Galega ou as folgas do 72. De novo xa vello, 56 anos e na cadea, e seguimos na UTEG, galeguicemos o ensino, ou no Colexio de Licenciados e Doutores de Pontevedra, e organizando na AN-PG povo, e xa co nacionalismo en pé, outra vez, para sempre. E así seguimos, na lealdade a Patria, por cada seu camiño, pero sempre na Patria até hoxe.

E non é certo que morreu Rufo Pérez, o noso Don Rufo, aquel rapaz do Freixeiro, nado en 1916, Profesor do Santa Irene, militante nacionalista desde 1933, irmán e camarada.


[22-11-2011 18:44] Xavier Vence comentou:

Homaxe sentida a quen en 1976 tiña a sabia habelencia para explicar nun galego ricaz o concepto matemático de límite ao tempo que informaba aos inxénuos mozos de instituto da crueldade das balas "dum dum" coas que a artillería musoliniana rebentaba os corpos dos demócratas republicanos. Benzón e memoria eterna para os xenerosos.

[22-11-2011 14:01] Mario Solinho comentou:

É bom saber!

[22-11-2011 01:05] cavanardá comentou:

Fermoso, Moncho.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña