14:39 Luns, 26 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-11-2011

A miña avoa tiña poucas certidumes, moi poucas, pero transitou con elas polo século pasado mais eu a día de hoxe só teño dúbidas

Dúbidas e certidumes

Valorar (9)

BIEITO ALONSO FERNÁNDEZ



A miña avoa Rufina foi unha muller libre. Ao seu xeito, con moitas penalidades e armada dunha coiraza de insensibilidade que a protexeu dos desmáns dunha sociedade incivil. Foi muller que quixo escoller o seu destino, soa, presa de moi escasas certidumes, escéptica de case todo, agás do devalo do día e da noite. O seu maior sufrimento viña polo Nadal, cando había que matar o porco da casa, e iso era moito dicir nunha muller que lle berraba ao lobo que entraba pola porta ou que armada, de legón -vaia-, suplantaba a suposta autoridade dun pai apoucado cando había que organizar as quendas das levadas. Seca, altiva e soa, voluntariamente soa. Eu non sei que sería dela agora, neste tempo de crise pregoada, de alarmas catastróficas, de desatinos verbais (e económicos), non sei que camiño collería, nin sequera se collería algún camiño. Sei, ou así o intúo, que a súa certidume final era a terra, o cerne de todas as vidas, porque ao cabo foi a terra o seu amparo polos días que viviu. Tal que fose un manto telúrico que a gardase dos desatinos que ollou. E ela, que naceu no solpor do dezanove soubo de moitos e terribles. Pero a terra, a súa terra, sempre a gardou. A min sempre me desagradou a súa actitude. Vía nela o espírito do vello, do caduco, do rancio. Eran os farrapos dun mundo conservador e reaccionario; un mundo que (eu) soportaba polo que tiña de antropolóxico pero que non se axeitaba a miña ecuación racional de tradición (ben entendida) e progreso (aínda mellor entendido). Nunca entendín aquel apego feroz á terra. Nunca entendín que aquela materia poeirenta puidera ter calquera función protectora.

Aquela muller non soubo de ningunha crise (que crise! se a vida era unha crise perpetua) no ano 29, de ningún miserable totalitario que asolase o mundo nos anos trinta e corenta, dos devezos por aloumiñar unha Europa de ricos, pero lembraba con extraordinaria viveza os fatos de "castrexos", porque viñan de Castro (de Castro Leboreiro) descalzos e aínda máis pobres, a historia dunha muller de Ferreiros de Abaixo, liquidada polos "civiles" por darlle acubillo a unha partida de fuxidos e a morte da súa filla, diagnosticada de gases cando estaba morrendo de peritonite. Franco, el Rei Alfonso XIII, Azaña e o neto do rei belicista non eran máis que fantasmas atrapallados nunha historia inapreixable. Pero sempre quedaba a terra, a lentura e o agarimo do seu sustento. Non chego a comprender como habería valorar, aquela muller, o debate destes tempos. A traxedia da crise, o azoute do desemprego, o temor colectivo a unha nova debacle... e canto máis? Pero este é un conto de ricos, de moi ricos e de menos ricos, de ricos que non queren perder o tren da riqueza extraordinaria e de aprendices de ricos que non queren perder as migallas do grande. Logo, está o mundo, o outro mundo, o que está á marxe do debate, o que nunca ha chegar a nada porque se chega, acabouse o debate.

Algúns afrontan esta campaña -electoral?- coa urxencia de servir aos que máis teñen. Outros, co discurso enfático da solidariedade e do compromiso social. Ben sei que non é todo igual e que non terman do mesmo pau os que demandan o noso apoio, pero, no fondo, nada do que se dí, nada, altera a realidade dun mundo alucinado. Éche aquilo tan vello de que se salve quen poida.

A miña avoa tiña poucas certidumes, moi poucas, pero transitou con elas polo século pasado coa seguridade de que aportaban o necesario sustento vital. Eu, a día de hoxe, e ben que o sinto, só teño dúbidas, racionais ou irracionais -que tanto me tén-, e a terrible sensación de que a Penélope que nos tece non é máis que unha tola de atar que goza co noso mal.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña