12:48 Xoves, 23 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-11-2011

En 1954 comezan as reunións dos chamados homes (tamén había mulleres) máis poderosos do mundo

Os mercados teñen nome: O Clube Bilderberg

Valorar (16)

XOSÉ ANTÓN BAO ABELLEIRA



É difícil pedir o voto aínda contando con centos de miles de argumentos e propostas que te afasten do común desta sorte de política e políticos de amén e rosario de misericordias da eliminación do pouco estado do benestar que vai quedando entre bomba e bomba destrutiva.

É difícil pedir o voto para que despois, ese sufraxio teoricamente inviolable, forza suprema dos demócratas irredentos que planean polo mundo da grande política, acaba no lixo mentres eses seres chamados "mercados" como pleiade de deuses baixan e suban gobernantes, independentemente dos votos que tiveran. Agora só serve adaptarse ao único sufraxio válido: o da lei mercantil número 1, a única inviolable neste intre, nin sequera pola forza bruta dos votos: os beneficios dalgúns. Perdón, quixen dicir: o "déficit que hai que frear, o único inimigo e ao que todos temos que contribuír a derrotar."

Atención, sen embargo que ninguén crea que os "mercados" son anónimos viandantes que percorren o universo exercendo de vixiantes, controladores e sancionadores de condutas contrarias ao ordenamento mercantil.

Non. Os "mercados" dende o big bang inicial teñen rostros e papeis identificativos. Outras cuestión é que se oculten máis ou menos para gozar aínda máis dese poder para manipulalo todo sen precisar ningún debate nin votación.

O chamado Clube Bilderberg pode ser un exemplo ben claro da existencia real e tanxible dos dominadores, dos que silandeiramente van planificando por nós cada minuto da historia.

Parace ser que en 1954 comezan as reunións dos chamados "homes (tamén había mulleres) máis poderosos do mundo". A primeira desas xuntanzas practicamente secretas impulsouna a coroa holandesa e a familia Rockefeller.

Reunións que tras esa primeira se foron celebrando anualmente e nas que se debatía e analizaba a situación mundial para logo "decidir". Ese clube compóñeno insignes persoeiros como Bill Clinton, Henry Kissinger, Tony Blair, pero sobre todo, cabe salientar que por el pasan presidentes do FMI, do Banco Mundial ou a Reserva Federal, presidentes das cen empresas máis poderosas do mundo, políticos, directores da CIA e o FBI, secretarios xerais da OTAN, etc.

Reunións clandestinas, os poderosos apártanse para decidir en segredo... Parece que ese clube Bilderberg evolucionou máis alá dos seus inicios idealistas para converterse nun goberno mundial na sombra. Eles cada ano deciden en segredo cal é o nosos futuro, planifican todo ás nosas costas. Isto é só un exemplo desa ameaza cada vez máis latente sobre como nos arrebatan o dereito a decidir o noso destino.

Co voto aínda que non o pareza, si podemos paralos.


[15-11-2011 12:49] Natália Seixas comentou:

A última frase de Antón non é críbel nen para el mesmo. Se o nacionalismo non deseña unha estratexia que vaia alén da participación institucional, o voto será sempre inútil para paralos. Só fai falta ollar o que está a pasar en Europa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña