10:05 Sabado, 23 de Outubro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-11-2011

Chámame, poderosamente a atención, que hoxe, 2011, oitenta anos despois da famosa frase, aínda se siga a falar dela

Doma e castración de Galiza: da gran mentira e da galegofobia

Valorar (35)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Recentemente nunha serie española unha das personaxes (Mauricio Colmenero/ Aída) exclamaba "lo peor que le puede pasar a ese niño es que lo adopte un catalán", non é esta a única expresión en contra de todo aquelo que soa a distinto dentro da concepción centralista española. Seguimos a ver como se espalla a idea de que ser nacionalista vasco é sinónimo de terrorista. Seguen vixentes os estereotipos tardofranquistas nos que un andaluz era folgazán, un vasco violento e un catalán agarrado. E nós? Nós, somos vistos coma os xanciños, os infantiloides, os sinxelos de convencer, en definitiva "gallego, en el sentido más peyorativo de la palabra", que diría a señora Rosa Díez.

Mais eu estou orgulloso de se-lo que son, galego. Estou orgulloso de pertencer a esta terra, de querela, da miña lingua, da cultura que me rodea e do meu pasado.

Porque estou orgulloso do que son dóenme os lategazos da galegofobia que sinto nas miñas costas e dóenme máis cando son mans galegas as que manexan o látego.

Buscando en internet datos sobre os discursos de Castelao atopeime con aquel que pronunciou o 18 de setembro de 1931. O señor Castelao, o noso Daniel, dicía textualmente: "Dende que os chamados Reis Católicos verificaron o feito que Zurita chamou a doma e castración do Reino de Galiza, a lingoa galega quedou prohibida na Administración, nos Tribunais, na ensinanza e a igrexa mesma evitou que nós, os galegos, rezásemos na nosa propia lingoa".

Realmente Castelao, descoñezo se consciente ou inconscientemente, errou, pois na obra de Zurita non se menciona a palabra castración. O historiador aragonés do século XVI di: "Naquel tempo comenzouse a domar aquela terra de Galiza, porque non soio os señores e cabaleiros dela senon tódalas xentes daquela nación era uns contra doutros moi arriscados e guerreiros e vendo o que pasaba co conde (está a falar do Conde de Lemos) -que era grande señor naquel reino-fóronse achaiando e reducindo ás leis da xustiza con rigor do castigo".

Dito isto eu consideraría que o tema da inclusión da palabra castración por parte de Castelao estaría rematado, non debería dar máis que falar. Castelao, tendo en conta os ataques que estaba a sufrir a lingua e a cultura galega, introduce un termo (castración) nas frases de Zurita. Ao meu entender, reitero; levado pola situación do momento, Castelao emprega un termo que fai referencia a unha situación do seu tempo nun texto anterior. Non debeu de facelo, ningún historiador debería facelo, máis as historias oficialistas están pragadas de conceptos, ideas e feitos históricos que nunca existiron, ou que de existir foron retortos tantas veces que agora resulta imposible saber como eran orixinalmente.

Chámame, poderosamente a atención, que hoxe, 2011, oitenta anos despois da famosa frase, aínda se siga a falar dela. Para  criticala e con ela a todo o movemento nacionalista, como se a demostración da falsidade de Castelao levase implícito que toda a concepción nacionalista tamén está errada.

Na rede pódense ler dous traballos históricos sobre o tema da introdución da palabra castración, obra de dous pesos pesados no mundo da historia e moi vinculados co Consello Superior de Investigacións Científicas. ("El hecho que Zurita llamó la doma y castración del Reino de Galicia" e o máis recente "Doma y castración: Galicia y los Reyes Católicos. La argumentación pseudohistórica del nacionalismo y la realidad factual").

Estes traballos, documentadísimos por outra parte, destinados a demostrar que Castelao mentía ou erraba serven para introducirnos de cheo na política dos Reis Católicos, que se amosa coma un momento de paz e desenrolo en Galiza. Sobre este tema poderíamos discutir, dunha maneira respectuosa e documentada por ambas partes, e probablemente non chegaríamos a ningún acordo xa que para uns a incorporación de Galiza ao novo modelo de estado central é beneficiosa mentres que para outros é prexudicial pola perda do grao de independenza que tiña o noso pais nese momento.

A desaparición, física en moitos casos, dunha nobreza autóctona que loitaba pola defensa dos seus propios intereses, contrapostos polo tanto aos intereses do estado central, significará a desaparición de Galiza como territorio indepedente para incorporarse, xa como rexión dominada (ou domada) a un novo modelo de estado.

Non existe ningún problema en que dous investigadores de renome opten por unha interpretación histórica dun feito. O problema radica no uso indebido que fan destes traballos históricos os elementos galegofóbicos do noso país, os mesmos que apoian cos seus votos aos que nos gobernan. Os mesmos que apoian toda medida destinada a acabar co elemento individualizador de Galiza, o galego (supresión das clases en galego, das galescolas, dos programas dirixidos a potenciar e igualar a nosa lingua e a nosa cultura, redución de axudas a publicacións en galego, entre outras).

Se consultamos o seguinte blog podemos comprobar como estes elementos amosan, sen nengún tipo de pudor nin vergoña, a súa galegofobia.

Amparado no anonimato un tal Dekarde escribe: "pone de manifiesto una vez más -mediante la pura y simple exposición de los hechos y de los textos originales- la intrínseca deshonestidad intelectual del nacionalismo gallego (o sección gallega de la Internacional Nacionalista). Yo siempre había encontrado esa cita de la "doma y castración del Reyno de Galicia", tan cansinamente repetida por los nacionalistas, bastante sospechosa (como esas historias supuestamente reales que te cuentan a veces y que casi desde la primera palabra atufan asfixiantemente a leyenda urbana)". Outra persoa, un tal Lothbrok, afirma: "Vaya vaya, pues yo siempre había creído que la frasecita era cierta... Porque así me lo habían contado en el instituto (en clase de gallego, por supuesto). Aún así, como no suelo juzgar el pasado con la mentalidad del presente, no le di demasiada importancia al asunto. Será porque no soy nacionalista y la mayoría de sus "ideaciones" y fantasías se caen por su propio peso... A poco que te pares a pensar".

Lendo estas frases dámonos conta de que Castelao nin errou nin mentiu cando incorporou o termo castración nas frases de Zurita, pois esta xente, galegofóbicos nados e criados na nosa terra, que senten noxo de se-lo que son, non din o que din por estar domados, din o que din por estar castrados.


[11-11-2011 11:18] fran comentou:

Pois non estou dacordo con que foi un erro de Castelao, pois igoal que un cravo saca a outro cravo, unha manipulación tamén desmonta a outra manipulación como é a que sempre nos quixeron vender de que os reises católicos viñeron a "pacificar" e poñer orde e xustiza no noso país, cando o que viñeron foi a dominalo, domesticalo, ou como se queira dicir. Para mín ésto é o que Castelao perseguía argumentalmente nas súas expresións.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña