02:16 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-11-2011

O dono do local contestaba cun “arriba España” unha chamada que se anunciara co “Cara el sol”

Casa Pepe

Valorar (30)

MARICA CAMPO



Leo na prensa que  un matrimonio de Nova Xersei que bautizou os fillos cos nomes de Adolf Hitler e Nación Aria perdeu a custodia de ambos e non os poderá criar na casa decorada con esvásticas e outros símbolos nazis. A noticia tróuxome á memoria un episodio que vivín en compañía dun grupo de amigos cando nos dirixíamos a Granada, hai ben anos, mais xa no réxime actual. Tras varias horas de condución, necesitados dun café e apremados todos pola urxencia de visitar a Mister Roca, paramos nun restaurante situado na entrada de Despeñaperros. Coas présas ninguén se decatara de onde nos metéramos até estar na barra, de volta do servizo. Lembro que ficamos brancos e mudos antes de decidir se tomabamos o café ou saiamos fuxindo do que era un auténtico santuario franquista. Fotografías do ditador a todas as idades e en todos os escenarios, bandeiras coa aguia e de Falanxe, produtos varios para mercar, adornados cos mesmos motivos, camareiros con mandil encarnado e amarelo, un retrato de José Antonio, cabezas de touros e fotografías con toureiros e folclóricas, e mil e unha xoias máis de rancio españolismo. Nunca esquecín o nome: "Casa Pepe"; mais, por se a memoria non me era fiel, pinchei en Google e un vídeo de Youtube levoume de novo alí. Puiden comprobar que cos avances da tecnoloxía (cando aquela viaxe non había móbiles) a cousa fora a máis. O dono do local contestaba cun "arriba España" unha chamada que se anunciara co "Cara el sol". Había algúns seareiros despistados, coma nós outrora, pero moitos estaban perfectamente integrados e entregados á devoción ultra.

Que eu saiba, "Casa Pepe" nunca foi sancionada nin moito menos cerrada pola súa apoloxía dun réxime criminal. Certo que se pode entender como produto dunha mente tan tarada como esperta á hora de facer negocio e, xa se sabe, estas cousas sempre se toleraron en España.

O caso é que o que no restaurante de Despeñaperros é esperpéntico, e polo tanto menos eficaz á hora de transmitir a mensaxe, en Intereconomía reviste formas máis sofisticadas e daquela máis perigosas. Cando se podía esperar que a ideoloxía fascista minguase, aínda que só fose pola distancia no tempo, renace con máis forza da que nos atrevemos a sospeitar. E, o que é peor, sen marca propia como tiña nos tempos de Blas Piñar. Agora solápase entre os presuntos demócratas que, se non se produce un milagre, nos gobernarán pronto. Aí está e séntese o seu alento no discurso dos que van salvar este país da crise, a ruptura, o relativismo, o laicismo e outros males procedentes das adegas de Satán.

Propóñolles un exercicio hixiénico para cando se sintan cansos, queimados, sen ánimos para loitar polas cousas en que acreditan: Visiten "Casa Pepe" (en Google "casa Pepe Despeñaperros") ou conecten Intereconomía. Só é cuestión de elixir entre a versión cutre ou a outra, o demais tanto ten.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña