20:21 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-11-2011

A crise ten os rostros da vitoria e os millóns de rostros da derrota

A estupidez ao poder

Valorar (13)

PABLO CARRACEDO GOLDAR



Hai razóns que non chego a entender, partiremos tal vez de premisas ben distintas ou e que a realidade se nos presentan dun xeito diferente a cadaquén.

O PSOE leva enfrontando esta crise coa receita europeia: recortes, privatizacións, préstamos á banca, etc. Como un caciño manso obedece sen chiar o que os emperadores Franco-Alemáns lle ordenan. E en este sentido esta tamén, de paso, a facer o que o PP e a Patronal lle esixen. Así temos a reforma das pensións, a reforma laboral, os recortes en educación , sanidade, o rescate con diñeiro público á gran banca privada, a privatización das caixas de aforro... Logo destas políticas da tesoira e a contención do gasto público que é o que nos queda? O maior endebedamento do estado dos últimos anos, a maior taxa de paro, o menor consumo da nosa historia, etc...

Non creo que teñamos que ser especialmente intelixentes para darnos contas de que todas estas medidas do goberno do PSOE de Zapatero e Rubalcaba non serviron absolutamente para nada.

O PP promete entrar con toda a súa propaganda austera (da cal o señor Núñez Feijoo xa nos ten acostumados e que tan bos resultados nos está dando aquí en Galiza) para devolvernos a felicidade e seguir cos recortes ata que non quede máis tela que cortar. Propostas concretas para afrontar a crise: seguir na liña do PSOE dobregándose aos mandatos europeos de contención do gasto público, mentres a gran banca segue a facer negocio coa nosa débeda pública. A receita é deixar de gastar o que non se ten, aínda que isto se leve por diante a sanidade, o ensino público e o estado do benestar. En ningún caso se fala de facer ingresos ó estado ou de medidas de concretas e eficaces de creación de emprego.

Mentres isto é o que realmente vai acontecer, que é o que nos venden? Estupideces. Estupideces para facernos estúpidos. E a través da estupidez e da idiotización da sociedade os gobernos popular e socialista se intercambian os  mandatos. Cortinas de fume continuas e bombardeo de globos sonda.

Exemplos de globos sonda, burros voando e cortinas de fume:

"¡Que se acaban as pensións!". Agora que zp, ccoo e ugt venderon as nosas pensión á banca obrigándonos a xubilarnos dous anos máis tarde para cobran o 27% menos, parece que xa non rematan.

"¡Que difícil é despedir a un traballador! ¡Hai que flexibilizar o mercado laboral para crear máis emprego!". Reforma laboral e asunto arranxado e como vemos a taxa de paro segue baixando.

"¡Hai que adelgazar a administración, hai moito gasto público!". Esta é a traxicomedia de cómo a débeda privada dos bancos se transforma en débeda pública. Baixámoslle o soldo so funcionarios, privatizacións de servizos públicos e asunto (case) arranxado.

O futuro con este bipartidismo da política da estupidez é francamente negro. Non teñen capacidade para sacarnos desta crise. Só  teñen eficacia para seguir consolidando este sistema no que os mercados especulativos nos pasan por riba.

A crise ten os rostros da vitoria e os millóns de rostros da derrota. O rostro de Botín, Alierta, Amancio Ortega e de todos os accionistas das empresas do Ibex 35 e da gran banca especuladora, de Rodríguez Zapatero (que rematará sendo asesor do Santander ou de Telefónica), e de tantos outros que non coñecemos. Pola contra ten o rostro da derrota nos 5 millóns de parados que ten o estado español, estado que nos ten de colonia para cando lle facemos falta e de estorbo cando se lle esixe máis financiamento ou máis autogoberno.

Por outra banda están os nosos rostros: o rostro do desempregado/a, do traballador que cobra en B, da muller que ten que deixar o seu traballo para facerse cargo dos dependentes que ten na casa, do autónomo que as pasa canutas para chegar a fin de mes, do pequeno empresario que fecha a súa empresa, do comerciante que non lle dá saída aos seus produtos e non pode pagar o aluguer, do pensionista...

Mentres miramos os burros pasar e facemos nosos os discursos da dereita (PPSOE e CEOE), caemos na estupidez na que os gobernos dos estúpidos nos queren ter. E non é doado, nada sinxelo. Entre a desinformación continua e o seu bombardeo sistemático de falacias escapar da estupidez é moi complexo.

Estou canso de ver como as idioteces veñen dende distintos puntos cardinais. Escoitar a compatriotas que, cos terribles problemas que temos en Galiza sendo gobernados pola dereita máis fascia que coñecemos dende a ditadura, van a votar a Bildu. Loxicamente é a opción máis galega que perciben. Neste senso hai algo aquí que falla e gravemente. Traballadores/as que van votar ao PP baixo a premisa estúpida de que a dereita é quen ten os cartos e cando entre os van a soltar e todo vai ir mellor. Agora co PP vai haber un cambio, os recortes tiñan que ter sido antes... Pensionistas que van a votar a Rajoy porque aquí o que fai a falla é man dura. Agora temos tamén a un Rubalcaba "comunista" que promete todo o contrario ao que fixo como lacaio do poder económico sendo ministro de zp. Promete o imposíbel porque sabe que non vai a gañar e xa comeza a facer oposición agora.

Só hai un partido que mira polos intereses da maioría dos galegos e das galegas e ese é o Bloque Nacionalista Galego. Faino sempre dende unha perspectiva galega e de esquerdas. Podemos coas nosas mans metendo un voto nunha urna colocar a Galiza no mapa político do estado ou podemos non votar ou votar aos de sempre. Eu agardo que cando menos haxa uns poucos miles que recuperen a cordura antes das eleccións e deixen de facer que este burato sexa máis fondo ou que deixen de poñerse a si mesmos desculpas de falso purismo e mal pagador.

O BNG non é perfecto, tampouco vai transformar a sociedade dende o Congreso ou o Parlamento galego,  non vai a cambiar este sistema nin o estado das cousas, pero si que vai a defender como leva facendo no Congreso dos Deputados dende o 1996 os interese dos galegos e galegas con honestidade e con políticas sociais. Fará como leva facendo de muro de contención dos recortes facendo unha oposición construtiva na que Galiza sexa o único centro de interese. O que se fecha en banda a esta realidade isto non o verá. Os medios de comunicación non llo van a dicir. Todo o contrario; seguirán tocando a frauta con estupideces e falsidades para como os ratos do conto levarnos cara o precipicio. O que se achegue con predisposición a escoitar, participar, debater... sempre será benvido.


[03-11-2011 12:28] Marcos GZ comentou:

Coma sempre o Jasper levantando ampoias entre o independentismo e os sociaisdemócratas. A visión oficial de sempre que eu non comparto.

[02-11-2011 23:09] Indignado 2 N comentou:

"Escoitar a compatriotas que, cos terribles problemas que temos en Galiza sendo gobernados pola dereita máis fascia que coñecemos dende a ditadura, van a votar a Bildu". As circunscricións eleitorais son por provincia. Ninguén se atopará no dilema de escoller entre Bildu ou o BNG. Ou queres crear ambiente ou es un ignorante. Á vista deste artigo e doutros teus decántome polo segundo. Rapaz aclárate. Xa tes anos.

[02-11-2011 10:35] ultreia comentou:

"Podemos coas nosas mans mentindo un voto nunha urna colocar a Galiza no mapa político..." Como unha palabra pode cambiar o significado dunha expresión.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña