04:41 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-10-2011

Houbo aquí unha guerra civil? Non

75 anos

Valorar (52)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Na segunda semana de setembro de 1936 foron fusilados e soterrados nunha foxa do cemiterio de Grandal (Vilarmaior), entre outros, Xosé Rodríguez, carpinteiro ebanista, veciño da Pena (Cabanas), Xoaquín Rodríguez, comerciante, veciño de Lavandeira, tamén en Cabanas, e Manuel Varela, labrego e concelleiro en Vilarmaior. Están entre os milleiros de persoas na Galiza asasinadas, represaliadas, de múltiples formas, e obrigadas ao exilio, após o golpe militar fascista de xullo de 1936. Pasaron xa 75 anos... O silencio e a autocensura, derivadas do medo incrustado por unha inimaxinábel represión, agocharon moito tempo, e aínda agochan, estes asasinatos de xente indefensa. O seu delito consistiu en pensar libremente, identificárense cos principios democráticos e apostar por mudanzas a prol das clases populares, ás que pertencían, e a prol da Galiza. Censura, autocensura, medo e represión viñeron a agravar o peso na conciencia colectiva galega de sermos unha sociedade indefensa, fráxil, ao pairo, onde só cabe desconfiar de todo e exacerbar o espírito de supervivencia individual...

Fosa común no cemiterio de Grandal (Vilarmaior)

Un domingo de agosto deste ano 2011 o bastón de Olimpia, unha muller de 91 anos, indicou con decisión e contundencia o lugar da foxa que se procuraba no cemiterio. Con dezaseis anos escoitara os disparos contra o seu tío, Manuel Varela, cando a altas horas da madrugada intentaba fuxir da casa familiar, rodeada por unha turba de gardas civís e falanxistas, pola ventá traseira. Atenta observadora, mostrouse aparentemente impasíbel, ao comezo dunha asemblea aquel domingo de agosto para os fregueses da parroquia de Grandal seren informados, despois da misa, da escavación que, con todos os permisos esixidos, se ía realizar no camposanto para atopar a foxa coas vítimas. Após minutos de tensión, entre intervencións sustentadas en manipulacións intencionadas, ignorancias alimentadas, e rostros de comprensión e expectativa, Olimpia declarou que tamén o seu tío estaba na foxa de Grandal. Entrou na atmosfera enrarecida da sacristía un poderoso raio de piedade e razón desde dentro. Non cabía máis que saírmos para que aquela muller sinalase onde xacían os restos dos mártires. Así o fixo. Non tardou en me informar que o seu tío fora o axente electoral de Suárez Picallo. Por primeira vez escoitei na boca dunha muller labrega este nome con rotundidade familiar.

As escavacións realizadas entre o 7 e o 17 de outubro polo grupo de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, con Xosé Lois Vilar Pedreira como director, confirmaron que xusto onde Olimpia espetou o seu bastón estaba a foxa cos corpos a ela asociados, algún con síntomas de impacto de bala no cranio. Todos eles están á espera de seren identificados con precisión, unha vez feito o estudo anatómico e a proba de ADN, polo médico forense Fernando Serrulla. Á xenerosidade destes profesionais, médico e arqueólogos, moitas horas de traballo sen nada material a cambio, debemos os familiares das vítimas a nosa gratitude de por vida. Como lla debemos aos moitos veciños e veciñas da parroquia de Grandal nos que pesou máis a comprensión, a piedade, a luz na propia conciencia que o medo, a intimidación, a intoxicación ou a desmemoria interesada, moitos anos alimentadas, incluído no que estamos.

Cando a desconfianza case estaba desaparecida, Olimpia contoume que ía de moza a Pontedeume, a troulear con xente da súa idade das parroquias da zona. Pregunteille en que falaba. Miroume con natural rotundidade: só en galego. E coa mesma espontaneidade aclaroume que ningún mozo da vila falaba con elas: eran aldeás, galegas. Sen complexos, doume a impresión de que me estaba dicindo que non se debe renunciar nunca á condición natural de un, mesmo que formemos parte dun grupo social e ou nacional discriminado, na propia patria... Constatoume que o galego non estaba na boca dos escolantes e, pensaba, que tampouco na dos políticos nos mitins... Finais da Ditadura de Primo de Rivera e II República... Máis tarde, o terror e a intimidación do "Viva España!" e do "Cara al sol"...

Relacionándome con moi boas persoas da parroquia, comprobei canta resistencia para seguir vivindo, canto esforzo individual para mellorar, sen amparo institucional ningún, canta capacidade e potencialidade, canta dignidade malia a consciencia de non seren respectados nin valorados, como se debese. O eco do "Viva España!", que foi estrondosa e sanguiñenta proclama represiva dos golpistas, resoa aínda. Houbo aquí unha guerra civil? Non. Houbo unha brutal, incisiva, intensa e prolongada represión após un golpe de Estado militar fascista e durante o réxime conseguinte que durou corenta anos. A sombra deste réxime non desapareceu. Reaniman agora o "Viva España!" con parecido desprezo polos dereitos dos pobos do Estado, con teimuda confesionalidade relixiosa, con vocación imperial agresiva dentro e fóra como criados do Imperio global... Hoxe, domingo, cando me dirixo unha vez máis a Vilarmaior, contemplo desde a autoestrada un bandeirón que asoballa en solitario o Torreón dos Andrade, un edificio do concello, en Pontedeume. É "la roja y gualda", sen ningún escudo, que, de forma descarnada, nos lembra quen sobra...


[28-10-2011 22:41] Xosé Luis Picallo comentou:

Eu tamén son de Grandal. Era unha débeda pendente coas familias dos fusilados. Grazas a tódalas persoas que colaboraron neste traballo. ¡QUE NON NOS BORREN A MEMORIA!

[26-10-2011 18:53] amparo vilariño varela comentou:

Eú son de Grandal,gracias a xente que levoú a cabo estos "levantamentos dos fusilados",hoxe sintome mais orgullosa de decilo.GRACIAS A TODOS OS QUE AINDA TEÑEN MEMORIA

[26-10-2011 15:43] Sissi Montero Diaz comentou:

Son de Grandal,os dias que durou a escavacion, pra min foron dias intensos,estou muy contenta da xente maravillosa que coñocin e de abrirme os ollos a temas que descoñocia

[24-10-2011 07:20] Xose Lois comentou:

Parabéns a os familiares, veciños, Instituto de Estudos Miñoranos e ao Sr. Serrulla.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña