07:43 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-10-2011

Na historia desta patria de nós xa houbo demasiada indiferenza e prostración fronte ao noso porvir colectivo

En Compostela non estamos para sempre derrotados

Valorar (20)

MANUEL LÓPEZ FOXO



Aínda os que carecemos de biografía, ás veces temos a sorte de vivir intensamente momentos históricos que valen por toda unha vida. Por exemplo, o tempo esperanzador que houbo á saída da ditadura, no albor da Transición. Para un rapaz de dezasete anos que andaba a descubrir por libre o seu país e ao que non lle pasara desapercibido o 25 cabodano da morte de Castelao nin o pasamento de don Ramón Otero Pedrayo, nada había de máis interese que o ambiente político e cultural que se vivía aqueles días. Precisamente por esa miña temperá paixón pola loita pola democracia e non por ningunha afinidade ideolóxica que eu tivera coa xente do PCE, máis aló da admiración que sentía por Rafael Alberti e María Teresa León, asistín ao primeiro mitin do PCG nada máis saír ese partido da clandestinidade, e lembro ben que foi nun local social do Inferniño, nun barrio obreiro de Ferrol, no que non cabía nin unha agulla. Tamén por ese mesmo entusiasmo pola política escoitei a Santiago Carrillo nun multitudinario mitin que se celebrou pouco despois no campo de fútbol "Manuel Rivera". Mais nada do que se dixo naqueles dous actos do Partido Comunista me transmitiu o que si conseguiu unha simple volantina que un día collín do chan, nunha cuneta da estrada de Ortigueira. A propaganda que esa tarde estivo a espallar por alí un 127 clarificoume politicamente moito máis que todo o discurso dos dirixentes do PCG e do propio Carrillo. Aquela folliña, editada en Gráficas Bemposta, que aínda hoxe a conservo no medio do libro A nación incesante, traía por unha cara a candidatura do PSG, que encabezaba un Xosé Manuel Beiras Torrado de 41 anos, e pola outra, a seguinte mensaxe: "Pra que os teus votos non emigren, vota ao PSG, Partido Socialista Galego". E debaixo da estrela vermella de cinco puntas coa folla de carballo no medio, outra mensaxe: "Os socialistas galegos somos nós". Esa foi toda a propaganda do PSG que chegou ás miñas mans no 77. Non tivera a ocasión de asistir a ningún mitin dese partido nin lera aínda naquel momento O atraso económico de Galicia nin escoitara nunca a Beiras. Só sabía da personalidade de Xosé Manuel pola lectura da conversa que viña no libro Unha ducia de galegos, un libro ao que eu regresaba unha e outra vez.

Como lector que era de Teima, revista creada pouco antes das primeiras eleccións xerais, puiden ler por ese tempo nas súas páxinas unha entrevista con Moncho Valcarce, "o crego das Encrobas", que non me deixou indiferente. Así que cando un día, xa en plena campaña electoral, vexo nun periódico que vai haber en Cariño un mitin do BN-PG no que está prevista a participación do cura de Sésamo,  collín o coche de liña e aló fun eu. A decepción foi enorme, porque nin estaba Moncho Valcarce nin os oradores daquel acto me entusiasmaron moito. Lembro que entre os que interviron estaba Elvira Souto, Ramón López Suevos e Xosé Fernández Barcia, o actual Alcalde de Mugardos. A única mensaxe que me quedou daquel mitin foi unha frase de Suevos: "Votar ao Bloque Nacional-Popular Galego é votar a Galicia". Supoño que sería unha das ideas forza da campaña electoral, xunto co lema "Gobernemos nós a nosa Terra!". Tamén por esas datas chegaron ás miñas mans as Bases Constitucionais, que foran asumidas como programa pola AN-PG e a UPG, logo da desaparición do Consello de Forzas Políticas Galegas. Trouxéramas de Viveiro meu pai un domingo á noite, nun formato de libriño de 38 páxinas, que tamén conservo. E con este outro documento creo que me deberon de brillar os ollos: Galiza tiña dereito a outro futuro e podía vivir como una nación.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Nos meses previos a xuño do 77 asistín en Ferrol a conferencias de figuras moi destacadas da cultura galega, como Manuel María, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro ou Méndez Ferrín ("en vísperas dun tempo novo e unha patria liberada", escribiume Ferrín na presentación de Con pólvora e magnolias), e na miña cabeza íase formando unha idea de Galiza sen máis clarificación política que a que eu era capaz de elaborar co que escoitei nestas conferencias, co panfleto  do PSG, coas Bases Constitucionais e co que ía lendo na prensa e nos libros que mercaba semana tras semana. Cando estabamos xa ás portas da xornada electoral, El Ideal Gallego publicou dúas páxinas nas que a través dun cadro se podían ler todas as candidaturas que se presentaban no país, co nome de todos os candidatos e as candidatas que as integraban, e tamén coa posición que cada organización mantiña a respecto do tema territorial e da economía. Esas dúas follas do xornal coruñés tamén as fun gardando ao longo de todos estes anos, e entre as 16 candidaturas que aparecen na provincia da Coruña hai dúas que eu teño subliñado en cor: a do PSG e a do Bloque Nacional-Popular Galego. Para estas dúas opcións políticas traballei o voto boca a boca entre familiares, amigos e algúns veciños. Eu aínda non podía votar, mais meus pais e miña avoa votaron nas eleccións xerais do 15 de xuño do 77 por Xosé Manuel Beiras para o Congreso e por Ramón Valcarce para o Senado. Naquelas primeiras eleccións -que se celebraron coa UPG e a AN-PG sen legalizar, non o podemos esquecer-, a UCD acadou 20 deputados, 4 AP e 3 o PSOE. Tanto o PSG como o BN-PG quedáronse en pouco máis do 2 por cento, con 27.197 e 22.771 votos no conxunto de Galiza, respectivamente. Non era precisamente un resultado que animara ao compromiso político co nacionalismo. Mais eu, cos meus dezasete anos de idade, saín daquel proceso electoral moito máis firme nas ideas.

Chegou o verán e, tamén por libre, sen que ninguén me convidase, quixen ir ao Día da Patria daquel ano, mais nese tempo non había coche de liña entre Ortigueira e Santiago e aquela viaxe era para min como ir a Barcelona. Creo que só fora unha vez a Compostela. Quedeime, pois, coas ganas de ir ao 25 de xullo. Ao día seguinte recortei o que traía a prensa: o acto político da carballeira de Santa Susana, cun Celso Emilio que  militaba aínda no PSG, e a manifestación do Bloque Nacional-Popular Galego, que prohibira o gobernador civil da Coruña. Na cabeceira, Bautista Álvarez e Elvira Souto, puño en alto e suxeitando un cartaz co rostro de Moncho Reboiras. Seguramente desde a época da República non se vira tanta alegría revolucionaria polas rúas de Santiago. Lembrades, verdade, meus camaradas?: "Estatuto nunca máis! Bases Constitucionais!", con aquel incidente final fronte ao Derby, que o Ferrín, cunha forte carga de veleno, como el moi ben sabe facer cando o amor/odio o motiva, recolleu logo nun dos seus relatos: ...das paredes das casas emerxen reiterados letreiros que chaman a manifestarse no 25 de Xullo. Atronadoras voces insurrectas invaden o seu recebre e un jeep lánzase Preguntoiro abaixo sobor de moitedumes enfervorizadas... A tensión política vai in crescendo e chega de súpeto ao corpo a corpo. Todo iso seino ao día seguinte pola prensa, e algúns anos máis tarde contaramo con detalle Manuel María estando os dous un día no Derby. Pouco despois, nos primeiros días do outono, entrei xa na AN-PG. Un meu amigo, Andrés Pardo Pita, realmente o meu introdutor no nacionalismo organizado, puxo intencionadamente nas miñas mans os Poemas pra construír unha patria. E o paso seguinte foi militar na AN-PG, de inmediato. E até hoxe. A forza das ideas é poderosa, e nin a falta de votos nin a escaseza de propaganda poden deter o compromiso e o entusiasmo dunha persoa se se cre de verdade o que se defende e o que se defende se leva no corazón.

Seguramente naquel momento, aos meus dezasete anos, eu non era consciente do grande naufraxio que se acababa de producir. Mais a galerna fora certamente terríbel e de resultado dramático para a xente de Tagen Ata. Aquela frustración histórica está por escribir. As naves varias que navegaban rumbo á ruptura e ao goberno provisorio galego chegaron ao peirao desfeitas e coa tripulación das embarcacións malferida. Na competición por alcanzarmos a vitoria que tanto levábamos soñado mesmo nos acabamos danando gravemente entre nós. Á altura do outono do 82 aínda as feridas estaban a cicatrizar e aínda alguén de nós regresaba do descenso aos infernos aos que o conducira aquela experiencia de compromiso político e humano. E houbo que andar o camiño de novo. Un paso adiante e outro atrás (...) Aran os bois e chove. E non fomos de vitoria en vitoria. Unha e outra vez bebemos da copa do licor amargo. Tempo de proseguir e non dar nada. E sen perder en ningún momento o rumbo e a ilusión, seguimos a travesía. A paciencia, como ben sabedes, é unha virtude revolucionaria. Somos unha nación en marcha e de nós son os soños, de nós as leiras de liño e os campos de azafrán. Podemos sentirnos orgullosos de sermos o que somos e de levarmos ben alta a bandeira que noutrora portaron xa Antolín Faraldo, Aurelio Aguirre e Rosalía. Hai unha vella bandeira que se axita esfarrapada contra do vento. Non hai razón para a derrota. Si para o compromiso e para o combate. Exerzamos o pesimismo da intelixencia, mais non deixemos nunca que o pesimismo da razón derrote a forza do optimismo da vontade. O futuro está sempre por construír. Galiza ten que proseguir o seu camiño. Nin un paso atrás. Pola nosa dignidade colectiva como pobo e polo porvir das xeracións que han de vir. "Moncho Reboiras, a loita continúa!", berra un coro de voces cada 12 de agosto pola rúa da Terra arriba. Hoxe coma onte, coma sempre: soñando a Alba de Gloria para a nosa patria, facendo posíbel o que é necesario e imprescindíbel para a presenza e a defensa da nación galega. A quen ama co corazón o seu país e quere un pobo galego en pé construíndo día a día o seu futuro, non lle pode ser indiferente, non lle é indiferente, que nesta difícil circunstancia histórica Galiza teña ou non teña voz e voto en Madrid. Na historia desta patria de nós xa houbo demasiada indiferenza e prostración fronte ao noso porvir colectivo. En Compostela non estamos para sempre derrotados. En Compostela pode un vento duro / estremecer o corazón da Europa campesina / que todos temos dentro sen decilo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña