03:23 Luns, 23 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-10-2011

Tapar a xestión do que probablemente é o peor goberno que tivo o noso País

Cortinas de fume para tapar a evidencia

Valorar (16)

VÍTOR SIERRA NIEVES



Unha vez máis, o noso País volta a vivir a traxedia dos lumes. A provincia de Ourense ardeu en diferentes focos chegando a ser visualizado dende o satélite como unha gran mancha gris. Grandes incendios, como o de Manzaneda combatidos por tan só tres axentes forestais por parte da Xunta e ringleiras de veciños e veciñas, que, xesta en man, van minguando as lapas.

Os PACs de toda a provincia víronse colapsados nalgún momento non só por urxencias de queimaduras, senón, até alí onde non hai incendios (coma no caso de Valdeorras), están sendo moitos os ingresos relacionados con problemas de respiración e de conxuntivite debido á densa capa gris que cobriu toda a provincia.

O Partido Popular sempre empregou os lumes como arma arroxadiza en política, xa fora na época do ex-presidente Fraga, ou con Feijoo na oposición. Lonxe de facer o mesmo ca eles, só quería poñer en coñecemento das seguidoras e seguidores deste blogue certos puntos que relatarei con obxectividade.

Está claro que arde o noso país. O martes 18, ás 4 da tarde, había 15 lumes activos só na provincia de Ourense, e nos tres días anteriores queimáronse máis de 3.000 hectáreas nesta rexión (segundo datos da propia Xunta, que han ser tomados con coidado). Desde Viana até a Baixa Limia, desde a Terra de Caldelas até Monterrei, desde o Ribeiro até as Terras de Trives, poucas foron as comarcas que libraron da queima. Como dela tampouco se libraron o Xurés ou o Invernadoiro.

E a Xunta de Galiza segue sen efectivos e non ten medios suficientes para enfrontarse a esta vaga de lumes. O presidente que noutrora se fixo fotografar pola prensa coa mangueira, estaba en Bos Aires, e o seu Conselleiro segue a culpar ás outras administracións ou até aos traballadores que a diario apagan os lumes.

A superficie queimada neste 2011 en Galicia ascende ás 25.000 hectáreas, máis da metade neste mes de outubro. A pesares das altas temperaturas e a seca deste inicio de outono, que axudan a propagar os lumes, como di Tareixa Paz, é unha "sorte que non houbese vento, sobre todo do nordés, xa que senón estariamos falando de 50.000 hectáreas queimadas".

Nestes días o Director Xeral de Montes facía alusión á "economía do lume", argumentando que "incrementar as contratacións no servizo contra os incendios sería promover a actividade delictiva". O BNG sempre defendeu unha política forestal anual, xestionada desde Seaga.

A comparecencia nos medios do popular Samuel Juárez (Conselleiro de Medio Rural) anunciando a fin da campaña antiincendios supuxo lanzar a mensaxe aos ecoterroristas incendiarios que o dispositivo estaba desmantelado e, polo tanto, había menos vixilancia, unha situación idónea para prender lume aos montes. Samuel Juárez debe deixar de culpar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e colaborar con eles para deter aos incendiarios a través das brigadas de información e investigación forestal que ten abandonadas.

Noutrora, cando o bipartito gobernaba -e este é outro dos datos obxectivos- os incendios podíanse seguir en tempo real a través dunha web de información no que aparecía un mapa de Galiza con todos os incendios activos, que, na hora, desde os servizos de emerxencia, ían poñendo en coñecemento dos e das galegas. Hoxe non temos como ter conta exacta dos lumes. Até para os xornalistas non é doado pescudar onde hai lumes para darlle a debida difusión. Así por un lado temos a opacidade da Xunta e por outro a censura que fan dun tema coma este que sería de prioridade absoluta e que na TVG chegan a nomealo como unha anécdota. Por moito menos, hai uns anos, dende as filas do PP pedían a berros a dimisión de Alfredo Suárez Canal, anterior Conselleiro de Medio Rural. Ou sería que aquel ano ardeu nos arredores de Vigo e ao longo da franxa atlántica?

O BNG presentará coa maior brevidade unha interpelación no Parlamento para que compareza o conselleiro de Medio Rural, o popular Samuel Juárez e dea a coñecer o número de incendios, medios dispoñibles e medidas adoptadas por esta súa consellaría.

Ao fin, podemos pensar que, neste país haichos ben expertos en crear cortinas de fume que agora xa non deixan ver os escándalos de NCG, que invisiblizan as concentracións contra a reforma sanitaria, que deixa sen voz á protesta polos recortes en educación, que nos entretén ante unha crise que nos afoga, que non nos deixa ver os números da pandemia do paro, que nos fai ver de lonxe unha reforma constitucional que se burlou da cidadanía, que fai que nin imaxinemos como se fagocita a cultura a produción editorial ou a diversidade mediática, en definitiva, cortinas de fume que tapan a xestión do que probablemente sexa o peor goberno que tivo o noso País.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña