16:15 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-10-2011

8º Congresso Alemão de Lusitanistas, intitulado Descobrimentos e utopias: a diversidade dos países de língua portuguesa

O galego nas augas do Danubio

Valorar (25)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Danubio


Quen isto escribe participou hai unhas semanas no 8º Congresso Alemão de Lusitanistas, intitulado Descobrimentos e utopias: a diversidade dos países de língua portuguesa. Na sesión de abertura foi atinadamente poderada pola organización unha asistencia nunca antes atinxida no respectante ao número de palestrantes e de matrícula. O evento tivo lugar na cidade austríaca de Viena, atravesada polo famoso río en cuxas augas conflúen as culturas xermánicas e as eslavas. Deste modo, a universidade vienesa foi a anfitrioa das sesións de traballo que se orientaron en diferentes temáticas, como a lingüística galego-portuguesa, as literaturas de expresión galego-portuguesa, a historia cultural do ámbito lusófono etc. As linguas oficiais do congreso foron o alemán, o galego e o portugués, de modo e maneira que as solemnes cantarías do edificio principal da universidade, ben como as salas en que tiveron lugar as máis das conferencias, sorriron ás sonoridades e á musicalidade do alemán (nas súas variedades) e do galego-portugués (tamén nas súas principais variedades, isto é, a modalidade galaica, a lusitana e a brasileira).

Apelando á benevolencia do público lector que acompaña estes escritos, e a ter Viena e ese marco congresual como referencias, gostariamos de facer algúns comentarios, os cales, quer como simples anedotas persoais, quer como produto das tertulias e debates do Congresso, fixeron con que reflectísemos, máis unha vez, na lingua e nas linguas, e en especial na nosa, unha vez que a distancia entre a Galiza e a Austria favorece en certa forma ese tipo de reflexións. Un primeiro apuntamento ten que ver coa utilidade do noso idioma: todas as linguas, tiveren o número de falantes que tiveren, son úteis entanto que instrumentos de interacción social e tamén entanto que elementos de identificación colectiva e compactación social. Asumida esta sentenza, xorde a cuestión, tantas veces citada neste noso país e vernizada cunha suposta necesidade de tornar a nación trilingüe, de para que serve o galego fóra dos actuais limites administrativos que impón o axustadísimo corsé autonómico. A resposta parece obvia neste caso: para nos comunicarmos, no mínimo, co resto de congresistas que acudiron a Viena e, no máximo, coa cidadanía dos países de lingua oficial portuguesa cando tivermos ocasión de os visitarmos.

Porén, á marxe de tal evidencia, e aquí comeza ese anedotario particular antes referido, tamén foi útil o galego para falarmos co recepecionista do hotel, que, natural de Angola, alegre e rapidamente abandonou o seu alemán para se comunicar connosco na súa primeira lingua, na nosa, ao se decatar do sotaque. E tamén foi válido o noso idioma para nos dirixirmos a unha española que traballaba como empregada nun estabelecemento de hostalaría, a cal, nada nunha localidade de Badaxoz próxima de Portugal, percibía sen problemas o galego, pois tamén sabía falar portugués. Así pois, reparemos na suposta "inutilidade" do idioma, promocionada conscientemente desde poderosas megafonías institucionais e gobernamentais... cando se afirma que nos isola do mundo. Resulta cando menos ridículo, nunhas situacións como estas que acabamos de comentar, escoitarmos en bocas de moitos individuos preguntas e afirmacións do tipo "Onde vas co galego?" ou "De Pedrafita para alá o galego xa non serve de nada" ou até "O galego non vale para andar polo mundo". Acaso non se comproba un dos valores básicos de calquera lingua, que é a capacidade de interaxirmos e nos comunicarmos mediante ela en contextos variados? Non vira estrambótico, en fin, que moita xente teña aferroada na súa cerna cerebral esa nefasta opinión do galego consistente en lle negar a súa validade?

Tornemos ao Congresso. Ao final de cada ciclo temático de palestras tiñan lugar, segundo é habitual neste tipo de reunións, debates e tertulias entre as persoas asistentes que se mantiñan mesmo máis aló das sesións e que, nalgunha ocasión, continuaban como interesantes conversas durante as refeizóns. Nunha desas atraentes tertulias falouse da diversidade lingüística do alemán, a cal impide inclusive a intercomprensión entre falantes do sur de Baviera e de Berlín  se non utilizaren a lingua padrón. Tamén saíu como tema de debate a situación do alemán da Suíza, que conta cun sistema ortográfico algo diverxente a respecto da variedade estándar e que é, segundo comentaban os colegas xermánicos, o máis complexo de percibir até para unha persoa que tiver o alemán como lingua inicial. Até se falou da reforma ortográfica para o alemán do ano 1996, asinada xustamente en Viena por representantes dos gobernos dos estados de lingua oficial alemá (Alemaña, Austria, Liechtenstein e Suíza; Luxemburgo tivo unha postura ambigua e finalmente decidiu non subscribir a proposta); con todo, a tal reforma só coñece unha aplicación rigorosa no ensino, pois o vello sistema de escrita anterior ás modificacións dese ano continúa a ser empregue por unha notoria parte da populación e mesmo en Luxemburgo non se usa.

Nese coloquio, abrochou igualmente o recente acordo ortográfico para a lingua portuguesa, que contaba alí con detractores e defensores, ben como a ortografía oficial vigorante para a modalidade galega. Corresponde a un asunto que, polo que teño lido nesta mesma páxina do Terra e Tempo, inspira opinións asaz encontradas, algunhas das cales proveñen xa do século XVIII, cando o Padre Sarmiento optaba por unha liña ortografica máis etimoloxista e o cura de Fruíme, Xoán Cernadas Castro, prefería unha opción máis popularizante. En me valendo de novo da paciencia das lectoras e dos lectores, tamén aquí gostaría de sinalar algunhas das ideas que se levantaron na tertulia a que antes se fixo mención. A totalidade das persoas intervinientes nese debate -e quen isto asina tamén- concordaba en que, á marxe da cuestión gráfica e á marxe tamén de como se representase por escrito, o galego sempre será máis unha variedade lingüística dentro do rico mosaico do dominio galego-portugués, de maneira similar a como acontece coas diversas modalidades de alemán, que, mesmo con sistemas ortográficos nin sempre concidentes, non deixan de pertencer ao mundo de expresión alemá. E tamén todas as persoas que participaban naquelas reflexións puñan o acento en que o principal elemento que define unha lingua e que a caracteriza é a sintaxe: esfarelada esta, os idiomas hibridízanse, mestúranse con outros e poden chegar mesmo a confluír con linguas diferentes. De aí que, desde a perspectiva de moitos lusitanistas alemáns, austríacos, romenos etc., non se percibía como as principais discusións lingüísticas na Galiza moderna tiveron (e aínda continúan a ter) a ortografía como albo en que procurar a maior dose de autenticidade idiomática, mais nunca ou rara vez a sintaxe, que era considerada por profesores e profesoras de portugués nas universidades europeas moito máis importante do que a reflexión ortográfica; de parecido modo, se a fundamental ameaza para a sobrevivencia do galego é o español, tamén non comprendían como manuais destinados ao aprendizado da lingua, ora de filolofía claramente isolacionista, ora de orientación etimoloxista ou reintegracionista, recomendasen o castelán como referencia ou acudisen a esta lingua para a solución de dúbidas ortográficas, morfoflexionais etc.

Determinadas sesións do evento congresual tiveron como eixo temático a variación e a diversidade dentro do dominio lusófono e, precisamente, tamén de diversidade vocabular é que tratou outra das conversas producidas após un xantar. Para prestixiosos e ben coñecidos vultos do ámbito da lingüística galego-portuguesa, tan incomprensbíbel resultaba que o galego acollese termos do español ou doutras linguas románicas diferentes do portugués para a súa renovación lexical (despacho por gabinete, paso de peóns por pasadeira, perrucaría en vez de cabeleireira/o, romanés en lugar de romeno etc.) ou mesmo que se xerasen no propio idioma (beirarrúa por paseo, beiravía en lugar de berma etc.), como ilóxico era que se dubidase para o padrón galego entre comboio (empregado en Portugal por 10 millóns de falantes) ou tren (utilizado en todo o Brasil por varias decenas de ducias de millóns de persoas). Noutra ocasión, a opinión foi practicamente unánime: o portugués debe servir como modelo tanto para recuperarmos vocabulario xenuíno canto para o arrequentamento lexical e a incorporación de novos termos, mais non debería excluír o léxico galego sen interferir por non ser coincidente coa variedade lisboeta (conforme preguntaba un colega, para que "secundarizarmos pena ou repolo do galego porque no padrão lusitano se emprega penha ou repolho?").

De calquera modo, resulta sempre gratificante revermos colegas doutras institucións e mesmo coñecermos persoas que partillan intereses pesquisadores dentro do mesmo ámbito lingüístico. Acho, finalmente, que foron unhas xornadas moito produtivas para a reflexión sobre a transcendencia actual do mundo lusófono, co Brasil cunha economía emerxente, e nomeadamente sobre os camiños que teñen diante de si os moitos territorios de expresión galego-portuguesa. É mágoa que haxa que ir a outras nacións e países para verificarmos como se acredita académica e comunicacionalmente na grande proxección que ten a lingua propia da Galiza e no interese que desperta en universidades alemás, austríacas, holandesas, romenas etc. E támén produce pena constatarmos como desde a Xunta e desde diversos organismos municipais e provinciais se dedican ciclópeos esforzos a fender esa notabilísima proxección internacional do galego, investindo millenta horas en reduciren ou acabaren co noso máis elementar sinal de identidade.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña