13:58 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-10-2011

A primeira lección que eu gravei na miña cabeza é que a economía é política

Reacción á política economica: cara o 20N

Valorar (9)

ANABEL GULÍAS TORREIRO



Nestes días raros, nestes tempos onde o obxectivo é a confusión, agora que a consigna é forzar a apatía e a abulia, hoxe que parece que estamos permanentemente de ERE´S, nun momento no que a única solución é deixarse levar e ver cando remata todo. É agora ... xusto agora cando para min ten sentido militar nunha organización política como o Bloque Nacionalista Galego. Porque baixo o cliché de "todos son iguais", semella que até nós mesmos cremos a cantinela e caemos ensimesmados na desgana, na desafección. Sendo máis doado isto que optar por facer e intentar seguir picando no sistema co obxectivo final claro (pero tendo na cabeza os tempos) Sobre todo tendo na cabeza que os cambios sociais e as rupturas sempre foron lentas. Quen sabe se estamos agora escribindo as primeiras páxinas do cambio?

Nesta época é preciso tomar leccións de economía acelerada para entender o que acontece o teu arredor. Eu escollín tres que a min me serven para poder situarme neste contexto de novas raras nos xornais, debates de baile de cifras que non deixan claro nada máis que todo está feito. Pero realmente está todo feito ??

A primeira lección que eu gravei na miña cabeza é que a economía é política. Samuelson e Nordhaus definen a economía como o estudo do xeito no que as sociedades empregan recursos escasos para producir mercancías valiosas e distribuílas entre os individuos.

Corresponde logo que escollamos cales son as mercancías valiosas e como é o xeito máis equitativo de repartilo, e dende logo, temos exemplos claros de cómo entenden o Partido Popular e máis o Partido "Socialista Obreiro" español a economía.

Para o PP a economía é repartir sanidade e educación entre concertos privados que convertan as conquistas sociais máis prezadas en bens escasos para que disfruten os individuos que poidan pagar. A estratexia clara: devaluar o público até tal punto que se queremos unha boa sanidade ou educación teñamos que pagar.

Polo seu lado o PSOE recorta pensións, sube a idade de xubilación, aproba reformas laborais restritivas para a clase traballadora .... Ou dito doutro xeito reduce os obstáculos ao PP.

Cada vez que falo de PP e PSOE venme á cabeza a canción das "manis" ... pero teño que dicir que debemos ser xustos e diferencialos. Non son o mesmo. Uns son centro dereita e os outros son dereita neo liberal na súa fórmula máis salvaxe. Queda claro?

A segunda lección que aprendín é como pouco a pouco introducen paradigmas de economía neoliberal no ordenamento legal facendo lóxico algo que non o é.

A economía busca sustentar na praxe a ideoloxía dos grupos políticos, e baixo o aséptico da economía pouco a pouco fan que o seu discurso vaia calando. Ralph Waldo Emerson dicía "a demanda e a oferta manteñen o equilibrio dos valores na sociedade con tanta firmeza como se mantén o nivel do mar: o artificio ou a lexislación recibe o seu propio castigo, mediante reaccións, superabundancias ou quebras" claro que isto escribiuno en 1860 habería que preguntarlle despois do 1929 que hai dese equilibrio falso ... . Mais curiosamente son precisamente as institucións mais neo liberais as que despois deciden como os estados deben amortizar antes as débedas coas institucións monetarias que garantir o desenvolvemento social.

O exemplo máis claro a reforma da constitución limitan o déficit público que implica limitar o endebedamento para políticas sociais. Xa esquilmaron Sudamérica e África e agora necesitan mercado.

E por último a terceira lección e máis importante HAI ALTERNATIVA.

Aprendín que ao sistema non lle interesa a mobilización, e canto máis poidan alonxar o discurso do ámbito de acción mellor. É dicir, canto máis lonxe vexamos a solución mellor para inactividade social.

Fronte isto os do bloque presentamos batalla nesta campaña con alternativas facendo valer ideas polas que sempre se apostou. Sistema fiscal que grave máis aos que máis teñen, banca pública galega, supresión de administracións que non teñan funcións definidas ... Un programa de alternativa e de opción, en dúas claves: a galega e a de clase.

É o momento do nacionalismo galego!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña