Facía tempo que non prendía a televisión. Por iso non estaba ao tanto da polémica campaña publicitaria "estoloarreglamosentretodos.org" Pero as redes sociais ocupan o baleiro que deixa a tele, e visualicei o anuncio, xa que na rede circulan varias contracampañas que denuncian a dobre moral que se agacha tras ela. Fiquei perplexa. Non chegaba con escoitar nos faladoiros do corazón o inxustificado e banal razoamento de por que estamos no medio dunha crise socioeconómica, senón que agora temos que aturar unha campaña publicitaria, na que aparecen deportistas, presentadoras, humoristas e máis xente famosa, tentando convencernos de que para darlle unha volta á situación de desánimo que a crise provoca na xente, hai que facerlles recuperar a confianza.
E para iso crean a Fundación Confianza, na cal colaboran anonimamente e desinteresadamente as principais empresas e organizacións do estado español, aclarando, claro está, que son unha entidade sen ánimo de lucro nin filiación política (por iso de non levantar sospeitas). Así, Repsol, Telefónica, El Corte Inglés, BBVA, Mercadona, Santander, La Caixa, Caixa Madrid, Cepsa, Endesa, Iberdrola, Mapfre, Abertis, Indra, Renfe, Red Electrica, Iberia, as Cámaras de Comercio e ate Seopan (a patronal das grandes empresas construtoras) poñen entre catro e seis millóns de euros, dependendo das fontes, para crear un falso sentimento de comunidade que faga fronte á crise económica. Chaman así, á responsabilidade da clase traballadora para saír desta situación, como se todas e todos tivesemos o mesmo grao de culpabilidade.
E o fan precisamente os promotores e causantes da crise. Chega con saber quen está detrás da mensaxe e quen a apoia para saber que queren dicer en realidade. Parece claro que o obxectivo é animar aos consumidores e consumidoras a que consuman como o facían antes da crise, na época na que as empresas vendían, a xente consumía e os bancos prestaban cartos. Porque despois dos excesos da burbulla inmobiliaria, a psicose da crise fixo que as persoas axustasen o cinto, reducindo así os beneficios destas grandes empresas.
Saben que os factores psicolóxicos inflúen moito no canto de agravar tendencias, aínda que os factores de fondo sexan outros. Para a patronal a caída económica non se debe a problemas económicos reais, senón ao pesimismo e a falta de confianza para saíres a diante. En plena crise, coas taxas de desemprego tan elevadas, o consumo cae e hai que poñerlle remedio.
Así, botan man dun pensamento moi estendido na rúa: que a crise afecta a toda a xente sen excepción. Non parecen decatarse de que non somos iguais, que non nos afecta de xeito similar a crise, e que non temos a mesma responsabilidade. Agora que todo o mundo parece opinar dela, nos medios non se debate ao respecto do xermolo da mesma, o modelo económico que fixo chegar a ela, un sistema inxusto e explotador da clase traballadora.
Porque non desempeñan o mesmo rol as pequenas e medianas empresas ca as grandes, porque as e os traballadores autónomos teñen distintos obxectivos que o persoal por conta allea. Porque dependendo o lugar que ocupamos na produción participamos dun ou doutro xeito nos problemas. Sobra dicer que non é o mesmo a situación que están a atravesar traballadoras que foron despedidas tras o ERE de Caramelo, ca de Manuel Jove, seu maior accionista, unha das grandes fortunas galegas. E que por tanto, non ten a mesma responsabilidade quen participa de xeito activa na crise, que quen a padece, e que agora aparece como destinataria da campaña.
Ben podían empregar a célebre frase acuñada por Barack Obama: Yes we can!, pero coa mesma intencionalidade fan un chamamento ao voluntarismo da cidadanía para saíres dunha crise que crearon eles.
Unha crise, a financeira, que non é máis ca a crise do modelo económico e social do capitalismo neoliberal, baseado no fomento da economía especulativa fronte á produtiva, no desmantelamento do sector público vía privatización de empresas e servizos, no recorte dos salarios e dereitos da clase traballadora e no endebedamento masivo da poboación a través dun interesado fomento do acceso ao crédito para o consumo.
Aqueles que reivindicaban refundar o capitalismo, os especuladores que xogaron coa riqueza de toda a sociedade, as financeiras que multiplicaron os beneficios coa riqueza de todas e de todos, a costa da miseria e da precariedade da clase traballadora escorregan a súa culpabilidade e tentan implicarnos ao resto para que arrimamos o ombreiro.
Porque do que se trata é de salvarlles o negocio. E para iso estamos as abnegadas e abnegados traballadores que aceptaremos abaratar os despedimentos, a baixa de salarios, contratos lixo para a mocidade, ou retrasar a idade de xubilación. A oligarquía financeira, as forzas políticas defensoras do modelo capitalista neoliberal e os gobernos que lle dan cobertura coas súas leis e medidas antisociais, son os únicos responsábeis da crise. Empregando un lema moi acaído nos últimos tempos: A crise do capital que a pague a patronal! E que, por favor, non tenten por máis tempo tomarnos o pelo.
[25-03-2010 ] Medios comentou:
E qué facer cando o Secretario Xeral de CCOO, fala da economía sumerxida como amortecedora dos efectos da crise na clase traballadora. Advertindo ao Goberno do estado español a non loitar contra ela polas súas perigosas consecuencias. En que mundo de tolos estamos.... Traballos non regulados por nengunha relación contraltual.... Esta claro os traballadores estamos e estaremos sempre en crise permanente...
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.