20:48 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-10-2011

O 28 de outubro do ano pasado, o Presidente Obama asinou o maior orzamento militar da historia dos EUA

A política imperialista de Obama

Valorar (15)

LEILANI DOWEL



Non cabe dúbida de que a elección dun Presidente negro marcou un momento histórico significativo. Mais a política seguida polo goberno de Obama deixou claro que a cabeza do Imperio sempre debe estar do lado do Imperio, sexa cal for o seu historial persoal. E non é só que a política bélica do goberno de Obama non diferise a respecto da de Bush, senón que foi aínda máis alá.

Vexamos a seguinte citación extraída dun artigo publicado no Washington Post no mes de xullo de 2010 co título A 'guerra secreta' dos EUA espállase polo mundo, cun destacado papel das forzas das Operacións Especiais: "Escondido detrás do seu compromiso para coa diplomacia conciliadora e para alén das zonas de combate en Afganistán e Iraq, o goberno de Obama emprendeu unha importante ampliación dunha guerra en grande medida secreta en contra de Al-Qaeda e outros grupos extremistas [...]. Segundo un mando militar de rango superior, Obama ten permitido cousas que non se permitira o goberno de Bush [...] xa case terminaron as disputas entre os departamentos de Defensa e do Estado que marcaron a época Bush".

Durante o mandato de Obama, o Comando dos Estados Unidos para África (AFRICOM) recibiu máis fondos, e en 2008 o exército estadounidense realizou un exercicio militar en Pensilvania co propósito de simular unha resposta militar fonte á 'pirataría', as insurreccións na Somalia e a caída do goberno da Nixeria.

O 28 de outubro do ano pasado, o Presidente Obama asinou o maior orzamento militar da historia dos EUA, a Lei nacional de autorización para a defensa de 2010. Cunha dotación de 680 mil millóns de dólares, trátase do meirande gasto militar do mundo, chegando a superar a suma total dos orzamentos militares do resto do mundo.

Se a iso se lle suman os gastos militares adicionais reais que non figuran -moi oportunamente- no orzamento, o total duplícase, cifrado en 1,449 billóns de dólares en 2009 segundo a Internacional de Resistentes a la Guerra.

O orzamento militar foise disparando até tal punto que hoxe por hoxe ameaza con paralizar a capacidade de investir no social. Pese ás continuas tentativas de desvincular o gasto militar do gasto social, cabe lembrar que se trata dunha repartición dos mesmos fondos dedicados a unha cousa ou á outra.

Unha das tácticas máis insidiosas do goberno consiste en ligar o gasto militar a outras propostas lexislativas progresistas para que lles deamos o noso visto e prace, de tal xeito que un proxecto de lei relativo á negociación colectiva para o funcionariado encargado da seguridade pública presentada recentemente ante o Congreso viña acompañado por outro proxecto de lei para financiar a guerra en Afganistán. Do mesmo xeito, a revogación da política homófoba practicada polas forzas armadas dos EUA coñecida como 'Non preguntes, non contestes' foi tramitada ao mesmo tempo que o informe anual dos inxentes gastos presentado polo Departamento de Defensa. Aínda que non queremos que ninguén -sexa cal for a súa orientación sexual- se aliste nas forzas armadas, seguimos a defender o dereito das persoas homosexuais a serviren nas forzas armadas sen discriminacións, sobre todo cando o clima económico non lles deixa outra alternativa.

A magnitude do gasto militar está a tornar imposíbel investir en calquera outra necesidade humana. As cidades estadounidenses están a virse abaixo, como demostra o informe anual emitido pola Asociación Estadounidense de Enxeñeiros Civís, segundo o cal a calidade das infraestruturas básicas, desde as pontes e os encoros até a auga potábel, os diques e o tratamento de residuos perigosos, estaba no límite do aceptábel en 2009.

Mentres tanto, a taxa de desemprego xa se achega ao 10% segundo as cifras oficiais, e en termos reais duplica esta porcentaxe, chegando a alcanzar o 50% entre a poboación negra e latina. Catorce millóns de crianzas estadounidenses viven por debaixo do limiar de pobreza.

No medio dunha crise económica que ten efectos devastadores para o pobo traballador, os enormes subsidios recibidos por algunhas das corporacións máis importantes dos EUA -nomeadamente aquelas que subministran armas e sistemas militares- están sendo aprobados case sen debate. Segundo cálculos do Gabinete de Administración e Orzamento (OMB), en 2010 dedicarase 55% do orzamento total ao gasto militar.

Mentres, por un lado, non para de crecer o orzamento militar cun aumento anual de entre 5 e 10%, os fondos asignados polo goberno central aos diferentes Estados e cidades diminúe entre 10 e 15% cada ano, provocando a crise do déficit que afecta tantas cidades hoxe.

O que todo iso deixa moi claro é até que punto o imperialismo está disposto a levar as cousas ao extremo no seu empeño desenfreado de conseguir maiores lucros.

O imperialismo non é outra cousa que a expansión do capitalismo a escala mundial, sendo o obxectivo principal do capitalismo conseguir lucros sexa como for. A fase do imperialismo está caracterizada pola expansión do capitalismo para rodear o mundo enteiro cos seus tentáculos nun afán de explotar o máximo número de pobos, recursos naturais e países.

Mais teimar en espremer até a última gota de lucro é xustamente o que fai que o capitalismo se torne miope e irracional, mesmo no que se refire á preservación do seu propio sistema. Así, aínda que nalgún momento o goberno dera relanzado a economía capitalista recorrendo a inxeccións de capital destinadas ao sector militar, estas xa non abondan para resolver o problema no seu conxunto.

Nin o orzamento militar, nin os rescates financeiros da banca, nin mesmo (recoñezámolo) os 'incentivos' para que os empresarios creen postos de traballo serven realmente para xeraren emprego. Non son máis que estímulos artificiais para manter a bolsa, mais en última instancia han de fracasar. Mais os capitalistas son os seus peores inimigos e sempre optarán por subvencións e grandes lucros inmediatos no canto de miraren pola súa propia supervivencia a longo prazo.

Iso fai tamén que sempre anden á procura de novos lugares no mundo aínda sen conquistar e asoballar para extraeren máis recursos, explotaren máis man de obra barata e venderen os seus produtos, o que leva a miúdo á desaparición dos produtos endóxenos dun país xunto coa poboación indíxena que os produce.

É por iso que libran unha guerra no Medio Oriente e polo que crearon un comando militar para a África. É por iso que a diminuta illa de Cuba constitúe unha ameaza tan importante, por ser unha illa que fica pechada aos seus mercados mentres que revela o potencial dunha sociedade que coloca o pobo do mundo por encima dos lucros.

Tamén non cabe esquecer a guerra interna, que segue moi viva. E mentres se segue a dar diñeiro á banca, se despide a xente, e a policía segue a matar persoas afroamericanas, latinas ou asiáticas con total impunidade.

Non é ningún azar que o país que conta coa máquina militar máis importante do planeta tamén teña o maior número de reclusos do mundo, pois a medida que o capitalismo estadounidense se tornou menos interesado na creación de postos de traballo, a formación profesional e a educación, as únicas alternativas que fican son o cárcere ou o exército. Os presos e as presas tamén representan outra fonte potencial de man de obra para os imperialistas, sendo este o único sector industrial en crecemento nestes momentos.

Polo tanto, resulta imperativo loitarmos para combater todo iso, sabendo que, aínda que teñan o poder, a miopía dos imperialistas creará máis xente como nós que comezamos a medir as nosas forzas para resistirmos, como se pode comprobar ao redor do mundo onde a vantaxe xeopolítica dos EUA non para de recuar ano tras ano a pesar das armas de alta tecnoloxía que manexa o Pentágono.

En todo o mundo, hai xente que está a resistir para defender o seu dereito a decidir o seu propio futuro. E aínda que non se produza nin hoxe, nin mañá, máis tarde ou máis cedo o imperialismo vai ser derrocado.

[Artigo de opinión asinado por LeiLani Dowel, publicado en Left Hook (outono 2010, Vol. 1. Nº 4), boletín da organización Fight Imperialism Stand Together (F.I.S.T.: Unid@s para Combater o Imperialismo). Traducido e adaptado por Robert Neal Baxter.]

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña