06:27 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-10-2011

Estannos preparando para que aceitemos unha nova invasión: a de Siria

Sirte como símbolo da resistencia

Valorar (26)

LOIS DIÉGUEZ



Os asasinatos sucédense nesta capital libia que ofrece heroica resistencia. Ao mesmo tempo, estannos preparando para que aceitemos unha nova invasión: a de Siria.

Isto é como unha película de crimes, na que Sirte, a vella cidade libia onde se fundou a Unión Africana e naceu Gadafi, aparece como a vítima procurada que, apuñalada unha e outra vez, se resiste a morrer. O sangue salpica aos asasinos, e teñen os pulsos doridos polos esforzo das puñaladas. Desesperados, míranse uns aos outros como preguntando que terán que facer para que a vítima  morra dunha vez.

Os mercenarios capitaneados pola OTAN deran xa varias veces a noticia da toma de Sirte. Chegaran en flamantes avións ao país africano os asasinos máis directos, os presidentes francés e inglés, agarradiños da man, para anunciar a toma de posesión dun territorio que levaban bombardeando desde había meses, e para deixar claro que os cartos do goberno lexítimo de Libia xa se lles ían repartir aos que eles chaman rebeldes (a loita por posuílos levábaa fundamentalmente o goberno norteamericano nesas peliculeiras sesións da ONU, con protesta da Unión Africana, e á fin parte desa enorme cantidade repartiuse entre as  empresas e intermediarios do petróleo). 

Chegaría tamén a esa toma de posesión ao estilo Colón, pero desde a crenza musulmá, o primeiro ministro turco, que acudiu algo tarde, pois adiantáranselle os occidentais, máis espelidos e coa postura arrogante do chourizo que domina desde as armas a invasión. O Erdogan, á fin, ía a Libia para deixar clara outra cousa: que o país sería, coa súa toma, musulmán, afirmación que o presidente do Consello Nacional de Transición deixou máis concretada: Na nova Libia lexislarase co Islam. Vaia, ho, e nós pensando en que a gloriosa democracia que os occidentais levaban a ese país do tirano tiranísimo, tiña como condición o laicismo liberador. Pero non, agora iso é pecata minuta. A Turquía que se cargou a principios do s. XX a case 2 millóns de armenios e segue aínda cunha cruzada inacabábel contra o tamén resistente pobo curdo,  aínda se atreve a dar leccións.  É un país oficialmente laico desde Ataturk, pero na práctica musulmán por querer imitar mimeticamente a Occidente, historia, esta, na que sería interesante entrar para entender sen dúbidas o conflito relixioso de Oriente-Occidente.

A Libia que a OTAN quere liberar tiña a esperanza de vida máis alta de África continental (75 anos); o PIB máis alto dese continente; o índice de desenvolvemento humano superior; a educación ou a sanidade gratuítas; a taxa de desemprego, cero; menos do 5% da poboación na pobreza... Vamos, que nós, hoxe e aquí, superámola en todo.

Pintura rupestre (Libia-Akakus)

E mentres as bombas seguen a caer en Libia, os do CNT andan a paus para poñerse de acordo no próximo goberno e no programa a levar; Arabia Saudí anuncia como un paso revolucionario a estas alturas que as súas mulleres xa poderán conducir vehículos e votar nas eleccións municipais; e Palestina non poderá acadar a condición de Estado porque llo negan os  pistoleiros ianquis e os seus amigos europeos; e a ONU segue sen obrigar aos sionistas a que cumpran as súas resolucións sobre os territorios palestinos; e o Sahara segue sen o referendo aprobado hai ben anos e obviado polos marroquís, aos que tanto queren Zapatero e a ministra de Asuntos Exteriores, que en paz descansen; e Irak, Irán, Afganistán... continúan desangrándose pola guerra civil que deixaron a perpetuidade os bárbaros invasores do Oeste; e... e o mundo, desde a desaparición do Pacto de Varsovia, está convertido nun auténtico volcán en plena erupción... Sirte, como símbolo da resistencia fronte ao invasor, defende os seus homes, mulleres e nenos coa valentía da heroína, para deixar claro que aínda así a dignidade e o orgullo, hoxe, parece ser que xa son só patrimonio do invadido.

O que está a ocorrer en Libia é un aviso para a outra rebelde de Oriente: Siria. As deformacións e manipulacións sobre o que acontece alí estannos preparando para a invasión. Falamos dun país, tamén, que destaca nun mellor nivel de vida que a maioría dos do seu contorno. E que non se somete aos ditados dos EE.UU. e os seus aliados europeos. A dependencia colonial deste país significaría que os bárbaros do Oeste quedarían xa como amos absolutos de Oriente Medio e nun ambiente internacional de catástrofes e abusos, de invasións e inxustizas, de dictadura do grande capital internacionalizado. A batalla social internacional contra a invasión en Libia, de habela, aínda sendo humilde, afastaría o atrevemento do imperialismo para entrar a saco en Siria neste momento. Non se atreverían. Por iso, tal como van as cousas, e ante o silencio de todo o mundo e do que nós temos máis perto, Europa, póñome a tremer polo que nos próximos meses pode pasar. Os silencios, insisto, insistirei sempre até o último esforzo, tan vergoñentos e torpes, van levar a unha situación que tamén nós sufriremos en carne propia, porque nen institucións nen partidos do ámbito estatal europeo, tan preocupados polo que aquí pasa, se preocupan dos tanques e avións que as potencias imperialistas manexan agora ao seu antollo e sen freo social de nengún tipo. Para que queremos organismos internacionais se están controlados polos invasores?

Só algunha noticia alivia os nosos temores: a denuncia desa manipulación de occidente sobre a muller siria que Amnistía Internacional  deu como asasinada cruelmente (decapitada, mutilada e esfolada) pola policía siria, como exemplo desa continua mentira nos medios de comunicación occidentais; e coa decisión de Rusia e China de non apoiar as novas sancións das Nacións Unidas contra Siria. As cousas, por parte mesmo dos e das que se consideran antiimperialistas, están tan debilitadas e caladas que un  case se sente  extraterrestre. E non sería bo que acabaramos na conclusión de que non podemos facer nada. Cando unha persoa quere mover unha montaña, se loita e está convencida, rematará movéndoa. Mais se se deixa ir, a montaña seguirá aí, como un muro de incomunicación que indubidabelmente vai retrasar a evolución da historia. A daqueles aos que se lles impide e á nosa propia.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña