02:55 Xoves, 07 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-10-2011

Haberá en fin, que seguir formando individuos responsables e críticos ou acaso só interesa que saibamos que o sobre branco vai na urna branca e o sobre sepia vai na urna sepia?

Atravesando o ensino

Valorar (16)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Nestes últimos anos asistimos desde as escolas unitarias, colexios, institutos e outros centros de ensino público á chegada de centos e centos de profesionais formados nas universidades do país. Se miramos os seus documentos de indentidade veremos que son docentes daquel chamado desarrollismo ou bum demográfico dos 60-70 e mesmo de anos posteriores dependendo da xeografía galaica.

VÍÑAMOS


Do final dunha tremenda ditadura, que hai quen añora. Dun interminable bacharelato pasouse ó BUP da reforma educativa Villar Palasí -carteira ministerial sempre de escasos recursos- despois de cursar EXB obrigatorio ata os 14 anos. Tocounos a moitos cun profesorado, o meu, comprometido cos novos tempos, animosos na práctica docente e espallando entre outros valores a democrática idea de ensino público e de calidade para homes e mulleres! Naceran os institutos de bacharelato que fixeron con poucas ferramentas moito traballo para ducias de estudantes por aulas.

CHEGAMOS


A un punto no que deberíamos estar daquela nun idílico país onde mesmo cada alcalde arrecadou para o seu municipio un CPI ou un IES para non ser menos que o alcalde do concello do lado -agora os alcaldes chochean e soñan con rotondas, paseos marítimos e piscinas. Temos entón máis de trescentos cincuenta centros na Galiza, só de ensino medio, que han de cubrir as expectativas desta sociedade actual. Aínda hai máis: conserxes, subalternos, educadores, especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, coidadores, psicopedagogos en coordinación coa asistencia social dos concellos, centros de menores; programas especiais de ensino PDC, PCPI, PROA... Transporte escolar gratis ata os 16 anos. Hai renovadas aulas multimedia, algún acondicionado salón de actos, bibliotecas mesmo bastante ben dotadas de materiais faltando nelas, iso si, persoal cualificado. E comedores e cafeterías en moitos centros -que tamén pensaba nelas a LOGSE- onde por poucos cartos pódese tomar un bo almorzo, froita, bocadillos,... E todo isto para preparar ó alumnado para o mundo de aí fóra dos muros da escola. Leccións que se han de complementar sempre baixo o signo da educación en valores e transversalidade con actividades específicas no centro ou múltiples saídas extraescolares para abarcar todas as etapas e todos os cursos aplaudidas por ANPAS e munícipes. Persoalmente valoro moito esto último, a min non me deixaban ir a ningunha excursión e tiven, durante moito tempo, a impresión de que era gafe pois sempre me dicían que podía dar volta o autobús!

Os nosos fillos xa non falan de pretecnoloxía, traballan con materiais reciclados, saben que son as enerxías renovábeis mentres sobe oscenamente o petróleo, fan pequenos planos e inxeniosos trebellos electromecánicos, tocan nas clases metalófonos, teclados, baterías e algunhas das guitarras que escoitamos en you tube debémosllas a estupendos profesionais e pacientes músicos de secundaria. Hoxe calquera rapaza danos un bo repaso nas destrezas dixitais e en gramática galega e en aptitudes para aprender outras linguas comunicándose co estranxeiro, cando non é polos seus propios medios é con programas varios de intercambios pilotados por docentes altruístas.


A ONDE IMOS


Con 342 centros públicos de ensino medio, 9 conservatorios de música 6 escolas de oficios e teatro,... a panca forxada por todos e que ha de mover o mundo tórnase nestes últimos anos para a clase política gobernante como un estorbo. Son demasiados números. Vese ó ensino público como unha sección dun organigrama político que non ten utilidade nun contexto empresarial capitalista. Como un impresionante tren desprazado a unha vía morta, oín dicir. Mesmo é unha clase social a do docente moi deostada: o mundo ó revés! O actual sistema neoliberal, paraugas de moquetas douradas e cadeiras tapizadas, quere facernos crer que a crise, que o obreiro non provocou, afróntase con refeudalización e destrución, eufemisticamente chamada recortes. O primeiro recorte no ensino por estes pagos foi mundialmente comentado: os libros de texto gratuítos do anterior goberno da Xunta ó almacén. As protestas da comunidade educativa non penetraron as coirazas. O problema non radica en que un fillo dun recoñecido empresario A ou a filla dunha duquesa B que estudan nun centro público teñan libros de balde, o problema está en definir a igualdade no ensino público e o que non queira esta universalidade que pague integramente un ensino privado. Claro está, que aínda por riba oímos neste contexto "a lingua galega limita", coño! igual que o castelán en China ou o francés en Portugal, digo eu; teñen por suposto todas as linguas os mesmo límites. ¡Como aprender linguas estranxeiras sen antes dominar a túa propia!

E agora no inicio deste curso toca darlle unha volta máis ó torno: menos profesorado contratado, aumento da ratio por aulas e maior carga de traballo para os centros, e non falemos xa do salario! Menos profes con máis ampliación de tarefas en detrimento doutras accións educativas; mestres e outros especialistas facendo as labores dos conserxes e bedeis por non querer quitar das listas do paro a centos de persoas amplamente cualificadas para desenvolver esas tutelas. Que país promulga a autoridade do funcionariado á vez que desaproveita a centos de especialistas docentes como coidadores?

Hai que sacarlle partido xa a estas xeracións preparadísimas coas que sempre soñaron os hoxe xubilados obreiros e emigrantes, mariñeiros e redeiras,... para poder ver un futuro esperanzador. A emigración non pode seguir sendo unha estampa típica. Xa temos un pequeno paso dado en logros sociais de centros de ensino, médicos ou de maiores. Ou centos de quilómetros de estradas novas feitas para unir e non criar xestas e codesos. Todos estes bens fixan poboación e conforman unha sociedade madura. Haberá que dar xa o seguinte paso adiante creando postos de traballo e fomentando a natalidade. Pero non ir a recú desmantelando servizos públicos que tanto custou conseguir. ¡Que chovan empresas para os quilómetros e quilómetros cadrados de pantasmagóricos parques industriais! ¡a enchelos coa materia prima que da o país para alí transformala!

Haberá en fin, que seguir formando individuos responsables e críticos ou acaso só interesa que saibamos que o sobre branco vai na urna branca e o sobre sepia vai na urna sepia?

O ensino xa que logo se amosa como un estupendo remedio para todas as crises. Aínda que ensinar sexa un verbo marabilloso non todo o mundo o conxuga ben. Hai que esforzarse pois todas as persoas somos quen de poder ensinar, e estamos pedagoxicamente autorizados a facelo cada un no seu papel: o pai e máis a nai, o irmá e a aboa; o varredor, o concelleiro, o médico, .... para evitar termos persoas -creo- mal ensinadas como as que hoxe nos gobernan.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña