14:37 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-10-2011

Recentemente anunciouse que Fenosa “volvía” a Galiza

Beneficios da enerxía hidráulica en Galiza

Valorar (18)

FERNANDO BRANCO PARGA



Recentemente anunciouse que Fenosa "volvía" a Galiza, no balbordo creado, o Presidente da Xunta chegou a afirmar que era un gran día para a autoestima dos galegos e que Galiza non defraudaría as expectativas desta compañía.

Mesmo concretou que a volta de Fenosa a Galiza suporía a creación de 3.000 postos de traballo; porén, na información entregada oficialmente pola empresa á Comisión do Mercado de Valores só figuran 250 postos de traballo, para chegar aos 3.000 dos que falou Núñez Feixóo hai que incluír os empregos temporais que -hipoteticamente- se podan xerar na construción de novos proxectos.

Entre eles, debemos destacar a pretensión empresarial de repotenciación das centrais de Belesar e Os Peares no Miño e Salas-Concha e Edrada-Santo Estevo no Sil, co que Fenosa incrementaría en 1.500 Mw a súa potencia instalada.

Para valorar este obxectivo, temos que saber que en Galiza hai actualmente 3.031 Mw de potencia hidráulica; é dicir, a pretensión de Fenosa é incrementala nun 50%.

Este interese que, segundo Feixóo non imos defraudar e favorecerá  nosa autoestima, ten unha relación directa cos inxentes beneficios desta enerxía. Nun ilóxico sistema de eléctrico, no que as diversas tecnoloxías, sen importar o seus diferentes custes de produción, son retribuídas co valor da máis cara que en cada franxa horaria é necesaria para atender á demanda.

É dicir, a mesma central hidráulica funcionando as 24 horas do día, pode chegar ser retribuída con 24 valores diferentes, pero sempre co do valor da tecnoloxía máis cara de cada hora, comunmente co custe de xeración con gas natural; isto dálle á enerxía hidráulica, con instalacións altamente amortizadas e usando un recurso público, uns ingresos que non teñen ningunha relación real cos custes de produción, son o que no sector recibe o nome de beneficios caídos do ceo.

Galiza é un exemplo paradigmático do que supoñen estes atípicos beneficios para as empresas con potencia hidráulica instalada; unha enerxía na que se considera que o custe de produción está nos 9 €uros por Mwh recibiu, durante o ano 2010, unha media de 42 Euros/Mwh.

Ou dito doutor xeito, cos resultados do 2010, a produción das centrais hidráulicas de Galiza foi de 9.002 Xigawats, polo que as empresas recibiron 378 Millóns de euros, cando o custe de xeración foi de 81 Millóns; é dicir, un beneficio no ano 2010 de case 300 Millóns de euros.

Non teño claro se favorece a autoestima, pero si que algúns van ter unha mellor conta de resultados empregando os ríos galegos e sen que Galiza sexa compensada.


[07-10-2011 20:47] Xosè comentou:

Este recurso publico ponse en mans privadas que aparte dos benefecios que quitan, ainda por riba hay que darlles subvencions e sempre estan a falar do defecit tarirario.

As administracios parece que non teñen moito interes en falar deste tema en serio, os recursos enerxeticos deben ser pùblicos e non xestionados por uns poucos privelixados que se estan forrando a conta de todos nos

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña