Consulto o dicionario antes de titular este artigo. Roubar: "Tomar para así o alleo". Como intuía non é un título esaxerado. Pódese cualificar doutro xeito o que está a pasar con Novacaixagalicia?
Hoxe vemos con claridade a punta do iceberg contra o que se dirixe a toda máquina este barco chamado Galiza capitaneado polo sr. Feijoo.
Punta de iceberg con forma de indemnizacións multimillonarias a tres exdirectivos das caixas de aforro galegas, que se van embolsar a nada desprezábel cifra de 23,6 millóns de euros pola súa pre-xubilización. (por certo, seguimos sen saber canto se embolsou o sr. Méndez por marchar coa boca calada, pero -evidentemente- non será inferior a destes tres).
Pero como todo iceberg, debaixo da súa punta visíbel, baixo a auga, atopamos o verdadeiro petate. O nacionalismo galego leva avisando desta colisión -que era evitábel- desde o comezo desta singradura, pero o sr. Capitán, os seus correlixionarios e todos os tentáculos do gran cefalópodo popular, lonxe de cambiar o rumbo, descualificaron esas previsións de colisión e deron orde de a toda máquina á sala de caldeiras, ao tempo que non deixaban de berrar a xeito de arenga patriótica "Caixa, galega e solvente!"
Agora temos a punta do Iceberg enfronte. Podémolo mirar e case tocar: o Banco de España rebaixa o valor de NCG en case un 90%, quedando entorno aos 181 millóns de euros. É dicir, só as indemnizacións dos tres señores dos que vimos de falar, supoñen aproximadamente un 13% do valor da Caixa.
Hoxe non temos caixas de aforros. Temos un dos maiores pelotazos financeiros da historia do estado español: a privitización do aforro dunha grande parte dos galegos e galegas. Sabemos tamén que o único que vai ter de galego o enxendro resultante será o nome (mentres non se cambie) porque ao final nin 15%, nin 10%, nin 7%.... Novacaixagalicia só controlará o 6,8% de Novacaixagalicia Banco (outro dos grandes éxitos persoais do sr. Feijoo...), polo que o control da Caixa será de quen pague. Tanto pode ser de fondos de Qatar, México, EUA, Australia ou da Conchinchina... até acabar inmersa, no curto-medio prazo, nunha nova operación especulativa de concentración do capital financeiro español ou transnacional. E por último, tamén sabemos que, tal é como acredita a valoración da Caixa, que a obra social tal e como a coñecemos ten os seus días contados.
En definitiva: nin caixa, nin galega, nin solvente, nin obra social... Pódese facer peor, na defensa dos intereses de Galiza? Sinceramente creo que non. Iso si, algún marchan cos petos cheos para casa e outros -sen lugar a dúbida- serán recompensados no futuro polos servizos prestados.
Tentar que isto pase desapercibido é un insulto á intelixencia colectiva do pobo galego.
Hoxe comparten oco nos medios de comunicación o peor dato de paro no mes de setembro no estado español desde 1996 cos 23 millóns de euros que se embolsaran pola súa grande xestión ao fronte das caixas estes tres directivos... Cando as entidades máis dificultan o acceso ao crédito, cando che embargan a casa e aínda lles debes cartos, cando aumentan a idade de xubilación, cando soben os impostos indirectos, cando se privatizan e malvende empresas públicas rendíbeis, cando se recorta en educación e sanidade, cando se abarata o despido e se precariza aínda máis o mercado laboral, cando se impón unha reforma Express da Constitución sen referendo para limitar o déficit público ao tempo que se rescatan entidades bancarias cos cartos de todos.... É simplemente obsceno.
O barco comeza a afundirse e aínda queren que nos quedemos a escoitar á orquestra. Mentres, e coma sempre, mentres os de primeira clase son os primeiros en salvarse a incompetencia e irresponsabilidade do capitán Feijoo pagarana todos o resto de pasaxeiros.
As cadeas españolas están cheas de xente que cumpre condena por roubar, como que di, un radiocassete, pero coma sempre, despois de todo isto non só ninguén vai ir á cadea, ninguén será xulgado nin tan sequera ninguén asumirá responsabilidades políticas voluntariamente. Este modelo de fusión e privatización das caixas de aforro galegas -que era a crónica dunha morte anunciada- foi unha das grandes apostas políticas do sr. Feijoo, da que por moito que tente botar balóns fóra e facer como se isto non tivese nada que ver con el, é un dos máximos responsábeis a todos os niveis. Queren seguir a mexar por nós e que digamos que chove, pero desta vez agardo que non sexa así. Por moito que neste país este siga a ser un tema tabú, isto tense que investigar e esixir responsabilidades até as últimas consecuencias.
[05-10-2011 12:50] Manuel Veiga comentou:
Por suposto concordo co artigo. A verdade é que debería concordar case calquera. Isto é moi importante, porque o das caixas é o tema central para o nacionalismo neste momento.
É o que mellor nos diferencia de PP e PSOE e coloca o debate en clave de país.
Lembremos quen está detrás: o Bilbao e o Santander e desde hai anos. Aproveitaron a crise para lexitimar o roubo do 45% do aforro galego (o pedazo da torta que que estaba en mans das caixas).
O goberno central, co seu brazo, o banco de España, foi o artifice e Feixoo, en vez de actuar como presidente da Xunta, actúa como simple peón de Madrid. Por suposto, Raxoi está dacordo con esa manobra centralizadora do aforro.
A clave é que aos empresarios galegos, pequenos e medianos (os grandes están noutra onda crediticia) non lles vai ir nada ben cando teñan que pasar pola "ventanilla" de Madrid para solicitar un préstamo para a súa pequena empresa. Na cola vai haber moita xente, de Murcia, de Logroño, e ninguén os coñece.
O BNG debería encontrar máis permisibidade, social e mediática, para facer este discurso de defensa dos intereses galegos. É fundamental insistir por aí.
Propoño un lema: Primeiro inténtannos roubar a lingua e agora queren a nosa carteira.
Lingua e economía van sempre unidos no fondo. Non é casualidade. Esa é a nosa tese como nacionalistas e o que nos diferencia. Hai que machacar con iso todo o que poidamos. É o que nos traerá réditos, senón inmediatos, si a medio prazo.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.