17:46 Luns, 03 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-10-2011

Até os medios que alardean de ser independentes en certos momentos tiveron que pasar polo aro para poder sobrevivir

O xogo da desinformación

Valorar (38)

VÍTOR SIERRA NIEVES



A ninguén colle por sorpresa que os medios de comunicación son empresas, e que, como empresas, teñen que velar polos seus intereses, sobre todo os económicos. Desgraciadamente vivimos nun País empobrecido neste eido, coma noutros. Ese empobrecemento faise notar cando a prensa (ademais de outros mercados como o editorial, o cultural...) non é libre e alimentase en grande medida do diñeiro público que a través de convenios, publicidade ou reportaxes pagadas manteñen todo o seu tecido empresarial e laboral. Porén, ninguén pode levarse a engano: ningún medio pode mantela súa estrutura co euro que custan os xornais nos quioscos.

Ás veces, estas empresas que din ter o cometido de informar, non só están para cumprir ordes dun gabinete dunha consellería e plasmar o ditado polo xornalista oficial dunha oficina de San Caetano ou dun concello, senón que ás veces os intereses son outros: como o de tratar de cambiar o sentido do voto nunhas eleccións; como xa vivimos en Galiza nos comicios onde o lixo circulou do azul cara o vermello, como se dun país predemocrático se tratara. Nesa campaña colocouse á cidadanía máis alá da liña da estupidez en accións sen precedentes na historia galega do populismo rexionalista desleigado e caciquil, e sen parangón nas hemerotecas da manipulación política do noso País. Tamén, un exercicio común destas empresas que nos ocupan é o desacreditamento público de tal ou cal personaxe, pasando por alto, por exemplo, aberracións que son sabidas con luz e taquígrafos. Poñamos por caso a investigación de como se sosteñen estruturas decimonónicas en mans do Partido Popular como a Deputación de Ourense.

Un claro exemplo é cómo durante unha época La Voz de Galicia tiña un seguimento reiterado e diario para fiscalizar cada paso que daba Construcciones San José, sobrepasando a liña da verdade e cunha falta de estilo que non daría o aprobado nin a peor facultade de xornalismo, xusto na época que saíu Xornal de Galicia ao mercado tratando de consolidarse como un xornal nacional e de calidade, sendo a empresa construtora a meirande accionista do xornal de novas en clave de País. Ou tamén lembraremos como este mesmo Xornal de Galicia, mantivo unha fronte aberta contra Iberdrola co barroso xogo de publicar semana tras semana que era unha empresa pouco sostíbel e que destruía o monte galego para explotar uns recursos dos que Galiza non vería un euro... e non sería que Xornal andaba na teima porque Iberdrola era unha grande competidora de San José na guerra non menos barrosa do vento galego?

Esta é a mentira que nos contan: a liña editorial, esa liña que se desdebuxa cada vez que os gobernos cambian de cor política. Até os medios que alardean de ser independentes en certos momentos tiveron que pasar polo aro para poder sobrevivir, neste País onde abundaban as cabeceiras e escaseaban as opcións con obxectividade.

E falo en pasado porque xa é pasado. Neste último ano asistimos á desaparición de medios de comunicación por mor da falta de esponsorizacións ou subvencións creadas en base aos cartos de todos e todas que dificultou até tal punto o seu día a día e o pagamento dos seus traballadores malpagados que se viron abocados ao fracaso e a recuar do mercado, afianzando así a outros medios que se autoabandeiran da voz do noso País.

Hoxe a situación económica xa non tan nova, na que levamos case 4 anos, e que segundo o New York Times aínda nos quedan outros 10, fai que o medo se apodere da poboación, e lonxe de fabricar un estalido contundente e espontáneo; como os que se producen en Francia ou Inglaterra ante problemas menos graves, ou a Primavera Árabe ante tamaños problemas troncais; a poboación galega e a do conxunto do estado está aletargada con ese medo máis típico da monstruosa ditadura que dunha democracia. A diferenza é que ese medo hoxe reside noutros monstros, e responde a anhelar unha estabilidade que desde crianzas nos din que vén dada por unha nómina á fin do mes.


Este medo instálase en cada recuncho. E tamén en cada andar do xerarquizado plantel dos medios de comunicación. Así, e facendo seu o dito "cando vexas as barbas do veciño cortar..." xa ninguén se quere mollar. E máis en empresas que anuncian despidos inminentes, que suporán unha drástica redución dos traballadores e traballadoras, esas mesmas empresas que están fusionando delegacións por non poder pagar a tanto delegado de medio pelo. Por conseguinte, o xornalismo atesourará o silencio, a impunidade e a vergoña; armarizará a capacidade de dar a cara por problemas que afectan directamente ao piar do benestar da base social, calará ante os recortes sociais que afectan a todos e todas, mirará para riba asubiando cando entren notas de prensa coa contrainformación, e chegará, non só a ocultar, senón a mentir en certas cousas que a cidadanía xa non cre. Entendo!, á fin e ó cabo, interesan máis os 40.000 € semanais das arcas públicas en concepto de publicidade que entran sen ningún esforzo. Eso si, repartíndoa polos caderniños comarcais para que non se note o despilfarro que hoxe ten carauta de austeridade.

Cando un movemento social como o "Somos unha área", a protesta valdeorresa contra a reforma da sanidade galega (a que trata de imitar ao modelo madrileño da Sra. Aguirre), toma a magnitude que está tomando, non é de recibo que se publique como unha fotonoticia ou que nin se nomee na prensa do día seguinte. Quizais deberían baixar das súas montañas para vivilo en primeira fila, e que tomaran conciencia de que, nunha sociedade con medo, desmotivada e desmobilizada, se saen á rúa cada mércores centos de persoas a concentrarse diante do Hospital Comarcal de Valdeorras, o tema non é menor, e non é para ir nun breve desinflado, acompañado da postura oficial da tesoira de Pilar Farjas.

A veciñanza sabe que a decisión de ter sacado un decreto que da o sinal de partida cara unha meta que reside no desmantelamento do noso sistema de sanitario é exclusivamente política. E por que a resposta, parella á social, non ía ser tamén política? É ese o traballo dos políticos!. Ou prefiren o modelo PP no que o cometido dos políticos se reduce a colleitar unha nómina por térense sentado no Senado ou na Deputación? As plataformas cidadás nacen dunha masa social, formada por persoas individuais, e os políticos, tamén temos esa categoría. Por iso, nesas mobilizacións, no só estamos como persoas, que tamén, senón como representantes de todas aquelas que, exercendo o seu dereito ao sufraxio, nos elixen para velar polos seus dereitos, entre outros obxectivos.

Hoxe, coma sempre, os "tabloides" pegan do que lles poñen. Nas páxinas atéiganse mentiras a 5×7 con titulares a 5 columnas con relativo suceso. Un éxito moi valorado polos directores que se cren na posición de xerar opinión non opinábel. Máis a guerra do Vietnam pasou, e aqueles fotógrafos-artesáns que pasaban horas nos laboratorios tratando de borrar as pegadas da barbarie dos hoxe "veteranos" perderon o seu traballo, pois hai tempo que naceu unha nova fotografía case parella a un novo xeito de informar. Hoxe os medios son atacados e contrarrestados por diferentes frontes dende o world wide web evolucionado ao 2.0; e os textos e imaxes de presos políticos nas ditaduras das antípodas chégannos en tempo real, mentres neste Estado os grandes da información perden o tempo en denunciarse mutuamente na guerra de poderes en vez de inverter en I+D+i. Así, mentres a diario, a información circula vertixinosamente polos blogues e polas redes sociais, os medios galegos seguen insistindo en mellorar o papel co que saen á rúa, alleos á modernidade e dando as costas a un cambio xa imparable: a rede. No lugar de facer unha información accesíbel e cercana ao navegante, prefiren xogar na plataforma das TVs dixitais con canles a custe cero levados por becarios en réxime pseudo-esclavista e fotógrafos metidos a operadores de cámara de smartphones.

Por iso seguen na poupanza e nese autoengano que enche egos localistas palurdos, crendo que o que din é a verdade universal. Alguén lle debería explicar como funciona Google Analytics (GA), así caerían da burra para ver como as páxinas que lanzan ao virtual se perden no xigantismo dos servidores mundiais, mentres, a pouco que un blogueiro anónimo manexe algo de técnicas SEO, vaise facendo visíbel aos motores de busca até o punto de ter máis visitantes que o mellor medio do noso País. E aí si que non hai manipulación. A balanza de GA non se inclina interesadamente para un lado ou para outro.


[04-10-2011 22:55] Santiago comentou:

Concordo con case que todo, paréceme un bo artigo, dende un punto de vista diferente.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña