19:40 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-10-2011

Todo está precarizado, convirtamos tamén os servizos públicos en servizos precarios

José Ramón Moire, un afiliado do PP ao servizo de quen manda

Valorar (10)

PABLO CARRACEDO GOLDAR



Sorpréndeme a facilidade coa que determinados persoeiros ocultan a súa verdadeira identidade. Este é o caso de José Ramón Moire, que baixo o epígrafe de Presidente da ANPA do Ceip de Vila de Cruces, expresou nas páxinas locais dun periódico tradicional as súas supostas simpatías polo profesorado do seu centro e a súa adversión ao sindicalismo. E digo que se oculta baixo este epígrafe porque dun xeito falso e dende este cargo fixo propaganda barata do seu partido: o Partido Popular. Non é difícil para quen o coñece saber que foi candidato suplente nas listas do PP ao concello de Vila de Cruces nas últimas eleccións municipais.

Dende a miña experiencia e dende o contacto directo cos compañeiros e compañeiras que traballan no CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, pódolles asegurar que a maioría do profesorado do centro está en contra dos recortes ocasionados polo aumento horario.


A terxiversación e manipulación interesada da Consellaría de Educación do Partido Popular e do seu fiel seguidor, obvia o feito de que este aumento horario recorta profesorado e polo tanto isto repercute negativamente na calidade do ensino. É sangrante que este señor, parapetado detrás da Asociación de Pais e Nais, esquenza o feito de que o centro de Vila de Cruces foi pioneiro a nivel comarcal nos recortes de persoal. Como pode este señor xustificar ante os pais dos nenos dos alumnos con necesidades educativas especiais o feito de que a mestra especialista en AL e a orientadora xa non sexas exclusiva do centro e se lles obrigue a compartir centro con dous máis? O alumando que ten que ser atendido por elas vai a ter moitas menos horas de apoio. Onde está aquí a calidade do ensino que tanto predica?

Tamén abandeira dende a súa posición  de representante de pais e nais de alumnos o lema estrella desta Xunta de Galiza: o "R" de recorte. Como todo vai mal hai que tamén recortar nos servizos público. Como todo está precarizado, convirtamos  tamén os servizos públicos en servizos precarios. Esta interpretación tan simplista da realidade esquece que onde se recorta queda un oco baleiro e este oco hai que enchelo. Se se recorta na sanidade pública, a onde irán os pacientes? Á sanidade privada. Se se recorta en unidades e en profesorado da pública, a onde irá o alumando? Aos centros privados. Este é o obxectivo do PP: privatizar e privatizar para con servizos básicos e que deben ser universais, gratuitos e de calidade; facer negocio.

Que o profesorado non secundase a folga pode ser por motivos moi diversos pero podo aseguravos que en ningún caso foi porque estén dacordo coas medidas da Consellaría de Educación, nin porque non sexan conscientes desta situación, nin porque estén de acordo cos recortes da Consellaría. Diría máis ben que todo o contrario.

Responsabilidade é a que debe ter este señor que se dí representar ás familias do alumnado, deixando de aplaudir os recortes e a merma en calidade de ensino no seu centro, en lugar de cómo un can obediente facer de antena de repetición dos mandatos do seu partido.


[02-10-2011 12:17] Duarte comentou:

Moi acaído Jasper

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña