15:27 Venres, 03 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-10-2011

Unha viaxe pola vida de Celso Emilio, a emigración galega, e as orixes da UPG en Venezuela

O "Noso Galeguismo", un capítulo na loita de Galiza en Venezuela

Valorar (31)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez



O documento que hoxe vos achegamos, "O Noso Galeguismo", é un texto de notábel valor histórico, na medida que permite coñecer de primeira man os debates da colectividade galega en Venezuela, achegarnos a experiencia emigratoria de Celso Emilio Ferreiro e rastrear pola primeira andaina da sección local da UPG naquela nación de América do Sur. A publicación, editada a altura de 1967, recolle as alocucións radiofónicas do propio Celso na emisora radial da Irmandade Galega, "Sempre en Galiza", coincidindo cunhas eleccións á directiva da mesma, na que a candidatura impulsada polo poeta de Celanova, rematara por ficar derrotada, o que provocará a saída deste da Irmandade e a perda do seu posto de traballo. Xa que logo, as follas desta publicación veñen a ser o programa da lista perdedora, a "Agrupación Nós", que unha vez rematado o proceso electoral, acabarían por constituír unha agrupación cultural do mesmo nome. Se a candidatura que respondía ao nome de "Agrupación Nós" estaba encabezada por Xosé Gerpe Pallarés e dela formaban parte persoas como Xulio Vázquez, Xosé Tilve ou Anxo Feixó; a asociación do mesmo nome, de vida breve, agruparía até finais de 1968 a eses mesmos sectores críticos coa nova liña da Irmandade que sintetizaba todo o espectro ideolóxico desde o PC até a UPG, pasando por socialistas e republicanos e algúns vellos nacionalistas, disidentes do núcleo Galaxián de Silvio Santiago, como Meilán. Porén non podemos entender este documento como un mero programa electoral, a súa propia lectura deixa claró que alén da liorta á que respondía, a vontade doutrinal é evidente, particularmente no que ten de emenda a totalidade dos supostos teóricos elaborados na mesa-camilla de Xelmírez15, fenómeno que se acentúa pola posición mantida polo home de Piñeiro en Venezuela, Silvio Santiago, en todo este proceso.

A peripecia migratoria de Celso Emilio Ferreiro, literariamente testemuñada en parte da súa produción e de xeito moi particular en "Viaxe ao País dos Ananos" non se explica sen ter en conta o carácter da colectividade galega en Venezuela, cun grande predominio da emigración económica fronte á política, coa escasa tradición do noso asociacionismo e tamén co conflitivo proceso que viviu este antes da fundación da Irmandade. A Irmandade Galega de Venezuela (Caracas), fundada o 12 de Outubro de 1960, xorde da unificación do Lar Gallego, o Centro Gallego e a Casa de Galicia, ambas as tres con impulso de Silvio Santiago, antigo militante libertario que evolucionaría ás posicións do Piñeirismo, e que pronto abandonaría/autoexluiriase as dúas primeiras, acusándoas de comunistas. O proceso de unificación iniciado á altura de 1948 coa chegada de Pepe Velo, Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas na República e nacionalista crítico coa liña de Piñeiro, tardaría moito en callar (1960), non sendo esta aínda real -aínda que formalmente si estaban reunificadas- no momento da chegada do de Celanova ao Cono Sur. Anotacións á marxe, fiquemos con que a primeira entidade galega fundada no País, O Lar Gallego, non se cría até o 9 de febreiro de 1945, esta si con claro predominio de galegos e galegas exiliadas e onde destacaría o liderado de Velo. Unha anécdota clarificadora da falla de peso de Venezuela como destino tradicional da emigración galega, a diferenza do que acontecía con vascos e canarios, é o feito de que nun primeiro momento de reorganización da UPG, o núcleo de Venezuela pasa a chamarse "Aguirre" en referencia ao primeiro lehendakari, mentres o núcleo de México se denomina "Brañas" ou o Cumio Central "Castelao". Agora ben, o elemento chave segue a ser a composición social do grupo emigratorio a Venezuela, onde o peso do continxente por necesidades económicas destaca fronte a calquera outro elemento así como a propia realidade política do País nese momento, que diante dunha situación de forte crecemento económico e de mellora das condicións de vida, permanece impermeábel de xeito maioritario a realidade que no continente americano se está a dar na década dos 60.

O 22 de Maio de 1966, no momento da chegada de Celso Emilio a Venezuela, este ocupaba a responsabilidade de secretario de relacións exteriores do Cumio Central da UPG, organización da que formaría parte arredor de sete ou oito anos, cun compromiso moi desigual. Naquelas datas danse os primeiros pasos para formar un núcleo deste Partido na Patria de Bolívar, integrándose ou colaborando no mesmo neste momento, persoas de xeracións distintas e procedencias diversas. Algúns dos nomes desta etapa da UPG en Venezuela dirixida por Celso Emilio, e que se alongaría até 1969, serán Xosé Sexto, vello militante nacionalista que acompañaría a Bóveda nas súas últimas horas e os seus fillos Ignacio e Farruco, este último escritor en galego e Ministro do Goberno de Chávez, Baldomero Gallego, Xoán Noia, vello nacionalista do Baixo Miño, xunto aos seus fillos, o xornalista de Carnota Xulio Formoso, antigo militante do DRIL, así como o seu fillo, recoñecido músico venezolano do mesmo nome e autor dun dos primeiros discos en galego, no que fica rexistrada a pericia coa pandeireta de Celso Emilio, Xosé Fernández o mítico comandante Soutomaior do Santa María que ocuparía un lugar salientábel na Tricontinental e por suposto Luís Ferreiro, fillo do de Celanova, quen se ocuparía posteriormente da responsabilidade da UPG. Nada aportariamos ao coñecemento desta parte da nosa historia se non clarificásemos que a vinculación destas persoas coa UPG foi, agás excepcións, non formalizada, curta no tempo e cun compromiso as máis das veces anecdótico. Agora ben, esta casuística non é anormal nos primeiros anos deste Partido, onde coa excepción do núcleo de Madrid, a actividade e tamén os efectivos eran escasos. Aínda así debemos salientar o traballo que se desenvolve en Venezuela na elaboración da propaganda do mesmo como son os números tres e catro do Terra e Tempo (numerados cinco e oito), no impulso a plataformas unitaria como o "Padroado de Cultura Galega", de breve vida ou a representación do "Consello de Galiza", fóra da Arxentina, que rematará por desempeñar Carlos Velo en México, Celso Emilio en Venezuela e Méndez Ferrín na Galiza.


[31-10-2011 20:46] Luís comentou:

Interessante artigo mas o nome de Aguirre foi-lhe dado ao cúmio venezuelano em honra de Aurélio Aguirre, autor de um dos brindes do Banquete de Conjo

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña