11:11 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-09-2011

As axudas públicas ao sistema financeiro do Estado sitúanse a dia de hoxe en preto de 99.240 millóns de Euros

Castellanos, o enterrador

Valorar (67)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



O problema non é a crise senón a xestión que da mesma está a facer o grande capital. Após anunciarnos un empeoramento na situación económica no último semestre do ano, como se esta non estivese en caída libre desde 2008, arestora infórmanos da necesidade de volver a  recapitalizar o sistema financeiro. Máis unha vez a conta do erario público toca enxugar as perdas das entidades de crédito, o pagador en última instancia, que din os Keynesianos, amosa a súa autentica natureza como instrumento de clase, e comeza outra vez a roda de socialización das perdas. Os recursos amósanse infinitos cando se trata de rescatar  aos sectores oligárquicos, aquí a débeda e o déficit deixan de ser un problema, mentres comezan os retallos nos servizos públicos, que en tanto piares do "Estado de Benestar", convértense no aval da factura estatal. Non hai dúbida algunha que esta longa crise que arranca de mediados da década dos setenta, en tanto paradigma dunha fenomenoloxía característica da etapa do capital monopolista, é unha crise que ten a súa orixe na esfera financeira - a esta altura nas formacións sociais do capitalismo avanzado é o único capitalismo  realmente existente e mesmo posíbel-. Isto é a  evidencia que as reformas acometidas en materia económica no último trienio non son máis que outro capitulo da loita de clases que se está a librar e non tiñan outra intención que garantir a taxa da ganancia aos sectores oligárquicos. Así as cousas os movementos que se están a dar no contexto do sistema financeiro internacional, tamén no estatal, enmárcanse na lóxica do capital de garantir unha saída da crise que reforce o poder dos grandes núcleos oligárquicos e que no altere o patrón de desenvolvemento que garante a viabilidade do capitalismo dos monopolios.

O correlato de calquera crise que afecta ao sector financeiro é a crise da débeda. Se ben é  insignificante a contía que representa a débeda pública no monto total da mesma, o 63% do PIB, o endebedamento público e privado no Estado, situase no 355% do PIB, cantidade só superada por Xapón, 410% do PIB, e Portugal, 366% do PIB. Xa que logo a débeda total do Estado Español supera de longo a Grega, o 262% do PIB, ou mesmo a de Estados Unidos, o 268% do PIB, tendo cruzado a esta altura o nivel de endebedamento todas as liñas vermellas que as diferentes escolas económicas cifran nun máximo do 250% do PIB. Hai que reparar que en 1990 a débeda total do Estado non superaba o 187% do PIB polo que este aumento de 178 puntos en trinta anos só se explica, no contexto das políticas do Euro que asentaron a dubidosa doutrina de que era o mesmo cubrir os gastos a través  da débeda que dos impostos e tamén no marco dunha ofensiva de clase que pretendeu paliar a perda de poder adquisitivo dos asalariados pola vía do crédito. Os dados que vimos de referir, extraídos do último informe do Banco Internacional de Pagos de Basilea, indícanos de xeito rotundo que a Península Ibérica é unha autentica  bomba de reloxería, posto que cos actuais niveis de crecemento e as previsións para os vindeiros anos, o pago da mesma non é posíbel, pero anúncianos algo máis grave, isto é a transformación da débeda privada en débeda pública.

Os dados que ven de facer públicos o Banco de España no seu informe do primeiro semestre de 2011 non deixan dúbidas da situación de quebra no que se atopa o sistema financeiro. Mesmo dando por boas as contas que se nos presentan, unhas contas que maquillan as miserias de bancos e caixas, a información que fornecen é reveladora. As axudas públicas ao conxunto do sector desde 2008, situábanse a 31 de Xullo de 2011 en 88.994 millóns de Euros, ao que lle debemos sumar as aportacións de 2.465 millóns a Nova Caixa, de 1781 millóns a Catalunya Caixa e os 6000 millóns a Caja del Mediterráneo, o que significa 99.240 millóns de Euros, isto é preto do 10% do PIB do Estado Español. Mesmamente sen ter que enfrontar unha incontinxencia como a acontecida coa CAM, cuxa conta de resultados como é publico, unha vez intervida, non se correspondía coa presentada previamente pola entidade de Alacant, é máis que probábel que os números se sitúen a finais de ano arredor dos 113.000 millóns de Euros se atendemos as peticións de financiación realizadas por BMN (600 millóns), Liberbank (500 millóns), Caja España-Duero (463 millóns) e a Unnim (568 millóns). Aínda así o autentico Talón de Aquiles de caixas e bancas atopase na súa elevada exposición ao sector inmobiliario, o crédito a promotoras e construtoras sumaba en Xullo 414.000 millóns de Euros nun contexto de desvalorización dos activos, e aos créditos hipotecario, cando a mora se ten situado en niveis históricos o 6,9%, isto é 124.717 millóns de euros. Poren non rematan aquí os problemas para a banca que terá que facer fronte, antes de que finalice o ano, a vencementos no interbancario por preto de 100.000 millóns de Euros co Santander (27.400 millóns) e o BBVA(11.999 millóns) e Bankia (2.877 millóns). Sexamos claros, a política do regulador bancario vai seguir a ser a de mirar para outro lado, posto que sanear o sistema significaría intervir varias entidades, co custo económico que representa, favorecer as fusións, que na práctica son absorcións a entidades en estado crítico como a operación do BBVA e Bankia, e tamén porque un control rigoroso implicaría poñer ao descuberto o verdadeiro furado do sistema financeiro, que tanto o Banco Internacional de Pagos de Basilea como o mesmo Banco de España cifran en preto de 250.000 millóns de Euros.

Os problemas de Nova Caixa Galiza Bank non se lle escapan a ninguén, ate o punto de que neste derradeiro cuadrimestre do ano poderiamos a estar escribindo as liñas do que fica do sistema financeiro galego. A información que coñecemos sobre o balance da entidade, cuns beneficios netos declarados no primeiro semestre de 26,3 millóns de euros, o que significa unha caída do mesmo respecto do ano anterior do 76,3%, a pesar de contabilizarse as plusvalías obtidas pola venta das participacións en GALP e Pescanova, cunha taxa de morosidade do 6,73%, un desconto do valor contable da entidade entre o 75% e o 85%, cunha valoración do patrimonio das antigas caixas que representa preto do 10% do banco resultante e sen outras participacións de capital, á marxe do FROB, que non sexan a de fondos de inversión americanos, fan pensar o peor. Dando por boas as contas da entidade, e sen entrar a analizar a desvalorización real dos activos ou a cobertura efectiva das provisións, sen non procedese as desinversións e as reducións de gasto corrente, fundamentalmente pola vía da redución de persoal, a esta altura deberíamos a estar falando dunhas perdas para o período sinalado de case 70 millóns de euros. O certo é que dos inversores que comprometeu Castellanos, descoñecemos o nome e tamén a cantidade a investir, así como que até a data ningún dos "capitalistas autóctonos" confirmou a súa presenza no accionaríao da entidade. Aínda máis, todos os dados apuntan que o papel que lle corresponde ao antigo executivo de Inditex e Presidente de NCG Bank, é o de enterrador do mesmo ou se quere doutro xeito, utilizase o "prestixio" deste para que pilote o proceso de despezamento e venda por separado da entidade. Unha operación a esta altura xa aprobada pola Xunta e o Goberno do Estado no que estarían interesados o Banco Popular e o Sabadell, no suposto de que o Banco de España garanta un Esquema de Protección de Activos, isto é un mecanismo que permita absorber as perdas que poidan xurdir no futuro, como consecuencia da xestión anterior, a conta de fondos públicos. Non é hora para o optimismo, pero tampouco para un Goberno Galego ausente nunha cuestión central para o País. Vontade política, máis vontade política.


[27-09-2011 13:25] breoghain comentou:

Dacordo com Helena. No Bng cada dia mais espanhóis e espanholizantes e isso que o Bng vai para o fundo eleitoral. Cegas e cegos.

[26-09-2011 09:26] Anónimo comentou:

Gosto do artigo, mais lamento que estas análises non chegasen antes. Podemos dicir "tarde piaches", aínda que "máis vale tarde..."
Cal foi o papel do BNG neste proceso visto desde hoxe? Semella que foi o de "palmeros" nunha operación que on tiña nada que ver cos intereses deste país.

[23-09-2011 08:48] Helena comentou:

O artigo está bem, gostei dele, mas está escrito num dialeto do castelhano, a nossa língua há que coidá-la,fala de nós
todo ele é estrutura e construçoes castelhanas e vocabulário desse campo castelhano

NO BNG cada dia dá mais pena o galego, é como dizer aos galegos e galegas: isto nao serve para muito, a norma de correçom é o castelhano

[22-09-2011 20:07] Carnacedo comentou:

Por qué non se fan públicos os contratos blindados e millonarios dos sinvergoñas que lárganse pola porta de atrás, o seu destino tiña que ser a cadea, iso si, perpetua. So nos queda a mais quea dubidosa existenza do inferno para que ardan por toda a eternidade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña