07:58 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-09-2011

Porque o espectáculo precisa dos dous, da coalición PPSOE, para sobrevivir e obter beneficio económico

PPSOE: velaí o Pressing Catch!

Valorar (26)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ



Igual de falso que o Pressing Catch. O mesmiño. Xa están a saír ao ring. Dous loitadores con anabolizantes e esteroides até nas unllas dos pés. Meten medo. Música a tope. Aquí rebentan até os decibelios. Olladas de desprezo e zunía entre eles, diálogos de desafío. Preparan o camiño para o dominio emocional do espectador. Non por magnetismo sedutor nin empatía. Puro control.

E comezan as vergalladas. A ostia limpa. Malla o un no outro. Até que se recompón o que recibe e comeza tamén a lle zoupar ao outro. Ódianse até a morte, aparentemente, mais en realidade son bos amigos, e coidan até o milímetros as piñas, couces e fungueirazos para non se faceren dano durante o espectáculo. Tranquilidade, non é sangue: é tomate. O chan do ring é elástico e non fende ósos, e cando un fai escachar unha cadeira na testa do outro, aínda que estrale, ao non ser madeira, funciona case coma un aloumiño. Até unha miñoca anémica sobreviviría o embate.

Os comentaristas teñen tamén o seu papel protagonista. Retransmiten o combate a berros, inserindo brincadeiras ou laiándose pola dureza dos trancazos. Que profesionais. Que dramatismo. Forman parte do espectáculo. Poden xerar simpatía por un dos humanoides e logo fundilo, tomando partido polo adversario. Porque tanto ten. Porque o un e máis o outro, en realidade, son o mesmo e representan o mesmo.

Ese é o Pressing Catch, tan habitual tamén na dialéctica política, practicado profesionalmente e até a extenuación polo PP e o PSOE, polo PSOE e o PP. Contrincantes ultradopados e inxectados de frases feitas, titulares e espazos comúns. Bótanse olladas de odio e agrédense, mais tampouco pasa nada. Tamén rebotan contra o chan e non se fan dano. Todo controlado. Que hai que bancarizar as caixas galegas? Aquí bancarízase o que faga falta. E de común acordo. Cadeiras (ou Audis) á cabeza, mais os dous a favor da LORCA e do FROB. Mandan Madrid e máis o capital. Unha CRTVG menos galega, máis controlada e privatizábel? Aí van os dous. Lei de Disciplina Orzamentaria? Aí a vai! Anulación de Galiza na UE? Feito. Lei de Comercio Interior á medida das grandes áreas comerciais? Adiante. Aventuras militares españolas ao servizo da estratexia USA/OTAN?  Para iso estamos. Política económica,  social e laboral regresivas? Non queda outro remedio. Iso si, golpes aparentemente violentos, mazando o cóvado dun nas fazulas do outro. Mais non se destrúen. Porque o espectáculo precisa dos dous, da coalición PPSOE,  para sobrevivir e obter beneficio económico. Do mesmo xeito que necesita dos comentaristas. Pasen e vexan! Benvidos ao espectáculo e ao divertimento! Acabouse o aburrimento.

Pobriños, non se decatan de que son alieníxenas atrapados en corpos de galegos. E morrerían por se faceren operacións de cambio de especie... Igualiños que Michael Jackson, mais aquí, na colonia.


[25-09-2011 19:24] Xose comentou:

Unha boa metáfora.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña