08:07 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-09-2011

Desde o seu encontro no Xardín de San Carlos, o poeta e o pintor teceron día a día unha das amizades máis verdadeiras e creativas que nós coñecemos

De cando Avilés de Taramancos durmía debaixo dun piano de cola e Urbano Lugrís escoitaba a música secreta que soaba dentro da cabeza do poeta

Valorar (23)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Urbano Lugrís (Luar para Exeria)


Pepa de Pastora era unha labrega noiesa, forte, de carácter rexo e espírito rebelde, solidaria, unha das mulleres que participa na revolta agrarista contra os foros, nos sucesos do Val de Nebra de 1916. Cunha cesta de allos na cabeza para vender na praza de Vilagarcía, a señora Pepa facía o camiño a pé desde San Pedro de Boa a Rianxo, atravesando os montes da Barbanza, e logo alí collía a lancha da pasaxe até a outra banda da ría de Arousa. Tamén ía andando dúas veces por semana desde Taramancos a Compostela para vender os produtos da terra. Casara con Manuel Vinagre, o mesmo ano que morreu súa nai dunha caída dunha cerdeira cando estaba a coller cereixas. Manuel, que traballaba cun boi posto na labranza da terra, emigra algúns anos máis tarde a Cuba co fin de facer cartos para construír un hórreo novo, mais ao pouco tempo xa non se soubo nada del. O poeta dirá que o avó morreu dunhas sopas de cabalo. E foi así como Pepa da Pastora tivo que gañar moi duramente a vida para sacar adiante catro fillos, entre os que está a nai de Antón Avilés, Manuela Vinagre, que casa aos 16 anos con Severiano Avilés, que vive do mar e do oficio de zapateiro polas feiras e de casa en casa. Desta raíz humana nace Antón Avilés Vinagre, un dos máis altos poetas galegos do século XX, coñecido xa para sempre na literatura galega como Antón Avilés de Taramancos.

Cando Antón Avilés chega ás rúas da Coruña con 17 anos para facer estudos de Náutica, trae consigo á cidade o canto do xílgaro, as sombras do souto e a fragrancia da terra, os baños na ribeira nos días calorosos do verán e os grandes navíos fondeados na Ría de Noia, o aroma da madeira recén serrada e as cerdeiras en flor,  e trae tamén todas as lecturas que fixo mentres alindaba as vacas na Xunqueira, os versos de Manuel Antonio e a presenza luminosa de Castelao no seu pensamento, as leccións de galeguismo de Manuel Fabeiro e un primeiro encontro en Noia con don Ramón Otero Pedrayo, que lle fala dos seus paseos con Daniel polo parque de Obre a Taramancos. O pai, que é home de mar, quere que o seu fillo faga estudos de Náutica, mais Antón Avilés xa ten decidido que só quere ser poeta, e do seu paso pola Escola Náutica o único que sabemos é que realizou o ingreso en setembro de 1953. Desde ese momento, durante o tempo que permanece na Coruña, Avilés dedicouse a soñar a vida da man do pintor surrealista Urbano Lugrís, co que vai compartir inesquecíbeis anos de alegría e miseria.

O encontro inicial do poeta co pintor foi no Xardín de San Carlos. Estaba un día Antón Avilés, recén chegado á cidade, diante da tumba de Sir John Moore, lendo os versos que Rosalía dedicou a este xeneral británico, morto na batalla de Elviña, e de súpeto, na calma daquela hora, irrompe a voz dun mangallón de case dous metros recitando de memoria a elexía completa. Era Urbano Lugrís, o pintor dos mundos mariños e submariños, o pintor que tivera a sorte de coñecer toda a intelectualidade galega que vai de Pondal a Castelao, o pintor que vivira cos poetas da Xeración do 27 na Residencia de Estudantes e que recitaba en galego a Rosalía e a Pondal, mais tamén en portugués a Teixeira de Pascoaes, a  Shakespeare en inglés, a Baudelaire ou Verlaine en francés, a Dante en italiano ou mesmo a Rilke e a Hölderlin en alemán. Desde aquel encontro no Xardín de San Carlos, Urbano Lugrís e Antón Avilés teceron día a día unha das amizades máis verdadeiras e creativas que nós coñecemos. A través da figura fascinante de Lugrís, o poeta de Taramancos coñece as profundidades da bohemia, o sabor do viño de todas as tabernas da Coruña, as tertulias sen fin dos cafés, as noites de troula e os longos días de fame con cebolas na mesa da cociña como único alimento, unha fame que mesmo os leva a pescar cunha cana o galo que había no patio da casa de Lugrís, debaixo do cuarto do pintor. De Urbano Lugrís contaranos logo mil anécdotas Avilés de Taramancos ao seu regreso de Colombia. Por el sabemos que Lugrís tocaba fabulosamente o piano cun só dedo ou cos dedos dos pés, que o pintor proclamaba con orgullo por toda a cidade herculina que o seu amigo Antón Avilés durmía nun caixón de labras de Normandía e por el sabemos igualmente que aquel ano que pasou Avilés na casa de Pachola Rilo durmindo debaixo dun piano de cola, Lugrís non paraba de poñer a súa orella na testa do poeta para escoitar a música secreta que segundo el soaba dentro cabeza de Avilés. Urbano Lugrís era así, xenial e histriónico, o mesmo se poñía a recitar a Pondal en voz alta cada vez que pasaba por diante da casa onde o autor bergantiñán vivira en Xoana de Vega como se botaba a correr pola rúa Real para darlle unha grande aperta a un crego con sotana mentres berraba con toda a súa forza "Papá, papá, que alegría!".

Con Urbano Lugrís participa Avilés no famoso "Viafloris da Peña Amanecer", no que andaban tamén Álvarez Torneiro e Miguel González Garcés, que facían procesión desde as sete da mañá cantando "Por eso en esta Peña / la Peña Amanecer / amarnos por el verso / es nuestro gran placer...", que a poderosa voz de Urbano convertía en "amarnos por el verso / y también por el reverso / es nuestro gran placer". Outra aventura daqueles anos foi a peregrinación que fixeron Avilés, Urbano e outros amigos para gañar o Xubileo. Tardaron seis meses en chegar a Compostela. Ao parecer, perdéronse, e cando por fin entraron na Praza do Obradoiro, bicaron o chan dando grazas ao Apóstolo Santiago por telos recibido. ¡E quen pode esquecer a Urbano Lugrís berrando en pleno Cantón ao ver ao seu amigo Avilés traballando de peón de albanel e descargando sacos de cemento, nun dos poucos traballos que o poeta noiés atopa naqueles días na Coruña para poder sobrevivir!: "¡Isto é a poesía! ¡Así se trata ás letras e aos poetas!", berraba indignado Lugrís diante da xente que pasaba polo Cantón.

O pintor é para Avilés de Taramancos un vendaval de imaxinación, de vida, de paixón. Lugrís acaba de rematar catro murais no Banco Hispano-Suizo, ubicado no local onde actualmente está o Vecchio, e vive con súa nai, que xa é moi velliña, na mesma casa onde o pai, Manuel Lugrís Freire, pasou os derradeiros anos da súa vida, derrotado, recluído e escoitando os fusilamentos ao mencer. Con Lugrís percorre o poeta as tabernas e os cafés da Coruña, sempre co temor a que se acabe o viño, bebendo e xantando o que logo Urbano Lugrís paga cos seus pinceis pintando murais nas paredes dos propios establecementos. Xuntos pasan as horas nas tabernas das rúas da Estrela, Olmos, A Galera..., ou na casa de Lugrís, na rúa San Andrés, 200, 2º, ou no seu obradoiro, que estaba nunha canella que daba á rúa Mantelería, e tamén no Café Borrazás, no bar de Antón, na taberna "La bohemia", preto do cemiterio de San Amaro, no bar "O secreto", que rexentaba Eumedre, en "La cosechera", situado na canella do Torreiro, e a última hora da noite Avilés e Lugrís non faltan nunca aos viños e ás talladas de lombo de Casa Enrique, na rúa Compostela. O lugar das tertulias era preferentemente o Café Galicia, no Cantón Grande, onde hoxe está a Fundación Barrié, e o Cantón Bar, onde agora se atopa a tenda de roupa Loewe. "Eu era o poeta con cara de mazán reineta que el protexía olimpicamente coa súa humanidade desmedida", dinos vivamente emocionado Avilés.

Cando Antón Avilés chega á Coruña no outono do 53 instálase na pensión "La Flor Noyesa", na Praza de Santa Catarina, da familia de Aurichu Pereira. Mais cando os pais, en vista do éxito dos seus estudos, deixaron de mandarlle cartos e el xa non podía pagar a pensión, botou un ano na casa dunha amiga, durmindo debaixo dun piano de cola, nun cuarto polo que pasaban Urbano Lugrís, Reimundo Patiño, Xosé Luís e Alexandre Cribeiro. Posteriormente frecuentaría a pensión "La Castellana", na rúa de San Andrés. Un acto imborrábel na memoria daquela mocidade foi "O xuramento de Laracha", que fixeron unha noite do 54 Antón Avilés,  Xohán Casal, Patiño e Enrique Iglesias,  no que todos eles se comprometían "até a morte por unha Galiza ceibe e popular". Mais o lume que máis alimentou a labarada do seu amor á lingua e ao país nesa época foi a casa de Uxío Carré Alvarellos, en Eirís. Na lareira daquel fogar permanecía aínda viva a Coruña mítica de Curros, Pondal, Murguía, a Cova Céltiga, a Academia... Aquela casa será para o poeta noiés un verdadeiro altar da patria: "Da xente que eu amei -que sempre amo- don Uxío Carré fica como un dolmen acolledor que ademais de dar abrigo serve como un altar onde se prende o lume sagrado".

Na Coruña Antón Avilés frecuentará a amizade con outros escritores galegos que pasan pola cidade: Manuel María, Uxío Novoneyra, Álvaro Cunqueiro... Co autor mindoniense, cada vez que se atopaba na rúa Real ou nos Cantóns, saudábanse apertándose fortemente as mans e dicindo os dous a un tempo "Ergueitos no camiño!", que polo visto era o título dun libro de poemas que ía escribir Avilés e que non fixo nunca. Avilés de Taramancos participará activamente na representación no Teatro Colón no ano 59 da obra de Cunqueiro O incerto Señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, na que colabora como axudante de dirección, apuntador e mozo de recados. "O problema era o vento. En Elsinor todo é vento, dicía Álvaro Cunqueiro. Non era fácil encher de vento o Teatro Colón. Houbo que percurar ventiladores que moveran as cortinaxes, e gravar o zunido do vento a fungar na costa fisterrán, con aqueles magnetófonos grandes como bagaxe de astronauta que escomenzaba haber naquel tempo".

Con Avilés de Taramancos, ao pouco de regresar a Ítaca tras vinte anos dando voltas polo mundo, quedamos unha noite de verán Dores, Gloria e eu na Praza das Bárbaras, un dos lugares da cidade máis amados polo poeta. Dores é unha rapaciña nova que anda  a ler O tempo no espello, en Edicións do Castro, e que acaba de descubrir un grande poeta de nós que era xa poeta en galego nos anos cincuenta e do que nunca escoitou falar na Universidade. "Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida...", "Que liiindo é este verso!", dille Dores a Avilés. O poeta, tras un breve silencio, expresa entón todo o seu afecto polo amigo que deixou na Coruña, ese afecto íntimo que nin o tempo nin a distancia quebrou: "Ai, Lugrís, Lugrís! Sinto aínda a calor da súa grande man amparándome". E de seguida o de Taramancos, coa humildade franciscana que o caracteriza e como quen abre o corazón, fálanos da derradeira aperta na estación do tren da Coruña, unha noite do 59, e da carta desesperada que lle escribe Urbano e que Avilés recibe moito tempo despois na selva de Casenare: "Hoy, 17 de Septiembre, me puso en la calle el morlaco de la casa donde, mejor o peor, dormía mis sueños y soñaba mis vinos; estoy en la calle, joder (...) necesito algún dinero, algún material, y alguna ropa. Si fuera factible, gírame 1000 Ptas. a Lista de Correos, pues no puedo más...". Pero xa era demasiado tarde para axudarlle a aquel Urbano Lugrís xenial e cultísimo que estaba a vivir os seus días máis amargos na Coruña, entregado ao alcohol, sen cartos e abandonado por todos, e Avilés só puido escribir o "Pranto por Urbano Lugrís", que remata cun verso dramático e inesquecíbel: "¡E esa dor de non verte, meu amigo!". Evoca tamén o poeta esa noite na Praza das Bárbaras outros moitos nomes daquela época: "A Xohán Casal estou a ollalo aínda agora, feble e cordial -con esa madurez e serenidade do mozo que ten a certeza dunha morte pronta- amparado pola forza de Reimundo Patiño, e escoito a súa palabra repousada..., e que vos vou dicir de don Ramón Otero Pedrayo! Cando publiquei A frauta i-o garamelo, no 59, que se fixo a edición por subscrición popular entre os amigos das tertulias e das tabernas da Coruña, mandeille un exemplar daquel meu humilde libro a Otero Pedrayo a Ourense e contestoume coa carta máis preciosa que se pode escribir: "Mañán vou a Trasalba. Leereille ós paxaros dos meus arboredos os seus poemas. A ver como responden. Iranllo dicir os mais paxaros". Qué fermoso, verdade! Cando don Ramón viña á Coruña  sentíamonos protexidos á súa sombra. Víamos a figura forte e campechana de don Ramón pasar polos cantóns repartindo apertas, e nos nosos corazóns de rapaces sentiamos que algo noso estaba aí, que o espírito da terra permanecía vivo... E neses anos tratei tamén moito a Carré Aldao, a don Uxío, o vello patriarca que eu tanto amei. Don Uxío acollíanos na súa casa de Eirís, construída no sitio mesmo onde os feixistas asasiñaran ao seu fillo, e dábanos sempre unha lección de humanidade e de amor á patria..., e naquel tempo aínda vivía dona Gala, a filla de Rosalía. Eu sinto agora a emoción revivida de bicar a súa man polo que representaba. Ías de emoción en emoción. Lembro que un día Xaime e Xosé Ramón Vilar Chao, os fillos de Ramón Vilar Ponte, leváronme ao pé de Álvaro Cebreiro no seu leito de enfermo. Despois fun outras moitas veces. Conversamos tardes enteiras sobre Galiza, sobre Manoel Antonio, sobre Teixeira de Pascoaes, sobre París...  Aquela figura de Álvaro Cebreiro deitado e moribundo quedoume sempre como un símbolo da Coruña daquel tempo...".

Avilés segue a falarnos con esa súa voz pousada dos que naquel momento da súa vida foron os seus amigos. E no medio do relato do poeta sae o nome de Enrique Iglesias, un dos partícipes no "Xuramento de Laracha". E entón Gloria, nese mesmo intre, descubre que coñeceu ao Enrique do que nos fala Avilés ao pouco de ela chegar á Coruña, naquelas mañás nas que nos acompañaba na tertulia do Kirs. O que nunca soubo Gloria até esa noite na Praza das Bárbaras era que aquel señor maior, que despois nos preguntaba sempre pola rapaza de Viveiro, fora un dos mozos que soñou, xunto con Antón Avilés, Xohán Casal e Reimundo Patiño, nunha patria liberada, nunha Galiza ceibe e popular, xa no 54.  Eran catro ou cinco os guerreiros da patria nos montes da Fieiteira, na Laracha, e soñaban que o exército da nosa liberación estaba en pé. "Aínda sigo a soñar -dinos Avilés. Os soños son parte da vida. Tamén o que soñamos concreta a nosa realidade. O home que non soña anda baleiro".

Invádenos pouco a pouco a noite, e no silencio desa hora, entre a escuridade iluminada da praza, chegan don Miguel González Garcés e dona Elvira e os tres amigos fúndense nunha aperta interminábel e nunha fonda alegría, mentres Antón Avilés, ferido pola emoción, e como quen alza unha copa de fresco licor de limoncello para brindar por tan feliz reencontro, recita un verso de Garcés con voz cómplice e grave: "Nas follas soan os violinos da tarde".


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña