13:56 Xoves, 11 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-09-2011

Esa é a política de Feijoo ...! moito ruído pero pouca efectividade ...!

As mentiras do partido Popular: Onde están os xerentes das fundacións comarcais?

Valorar (11)

ANABEL GULÍAS TORREIRO



O primeiro artigo que escribín no Terra e Tempo dixital foi sobre os xerentes das fundacións comarcais, nese intre a polémica estaba nos medios pola disolución das fundacións comarcais e a min a verdade sempre me preocupou a estrutura comarcal creada polo PP no tempo de Fraga.

O titular era a idea era clara o goberno austero do señor Feijoó eliminaba os xerentes das fundacións porque supoñían un gasto para esta administración. Recollían os parabéns de todos e nin sequera os propios xerentes semellaban anoxados con esta cuestión.

Por suposto en ningún momento comentaron que esta idea xa viña de lonxe. A supresión dos privilexios do persoal das Fundacións sempre foi unha vella aspiración do Bloque e parecía que por fin alguén botaba man deste asunto para reorganizalo.

O asunto viña de lonxe no comezo dos noventa Andrés Precedo, por encargo do presidente da xunta delimitou ao seu gusto o mapa comarcal cometendo, dende o meu punto vista, graves erros na conformación das comarcas galegas por supeditar criterios obxectivos ao interese partidista.

A idea xeral non era de todo mala posto que a comarcalización do país ten máis sentido que as tan discutidas hoxe Deputacións.

Pero para que a comarca funcione como tal debemos dotala de competencias políticas e administrativas amais de orzamento pero sobre todo revisar o estado de gastos das infraestruturas creadas ad hoc para darlle soporte ás comarcas que nunca cumpriron a súa función e si foron un verdadeiro comecartos para nós.

Na intención de Precedo estaba a creación de Centros Comarcais, centros físicos de información (sobre todo turística) para achegar a Administración aos cidadáns.Para iso facíase necesario a contratación de persoal:"as promotoras e os promotores" encargadas do mantemento e da actividade do centro.

Até aí podemos discutir o grao de necesidade dos centros ou do persoal pero polo menos tiñan un obxectivo, unha misión. Non contentos con isto crean as      Fundacións Comarcais, e de verdade que sempre que intento explicar o que eran non atopo aínda a explicación coherente que debería ter incluso despois de ter cursado o mestrado de Precedo.

En fin, as Fundacións eran oficinas nos centros comarcais onde traballaban os xerentes, e agora a pregunta obrigada: que facían os xerentes? E a resposta é :pois depende do caso habíaos que traballaban e habíaos que non facían absolutamente nada.

E quen pagaba isto. Todos nós. Por suposto non vou falar do sistema de acceso porque daría para máis artigos, xa que na maioría dos casos eran xente de confianza do Partido Popular que con sorte informaba da existencia do IGAPE e que sobre todo informaban das bondades do alcalde de turno.

Houbo máis, tamén investiron cartos nos puntos de información multimedia que seguen aparcados nos centros, crearon o CETADEC, unha rede de axentes de emprego que non sabería definir canto tempo durou....

En fin, creouse un complexo sistema administrativo de carácter territorial que non funcionaba por diversos motivos un deles, a falta de promoción dos propios centros en grande medida derivado pola pouca claridade na definición das funcións.

Daquela cando se entrou na consellaría unha das primeiras cuestións que se puxo en marcha era a reestruturación dos Centros Comarcais dándolle máis funcións o persoal a idea era que funcionasen como oficinas de Agader no rural, o que tiña bastante lóxica deste xeito o desenvolvemento rural achegaríase máis o territorio e estaría menos nos despachos. Hoxe todo está parado por exemplo, no caso da A Estrada, falábase do traslado da oficina da extensión agraria a unha das dependencias no centro que está sen nada. A oficina amoblouse e habilitouse pero sigue baleira, os técnicos da extensión agraria seguen na antiga oficina, por que temos dous locais ? Supoño que austeridade consistirá niso.

Pero que ía a pasar coas fundacións? A resposta era clara disolución. Pasou o 1 de marzo e chegou Feijoó I "O Austero" e dixo:" nada de gastos superfluos imos facer o que non fixeron os malgastadores dos nacionalistas.... imos  disolvelas"

E que fixeron integrar aos xerentes na consellaría coas mesmas condicións e por certo sen funcións definidas, por suposto esta integración tivo lugar en verán e en silencio, sen que os medios se fixeran eco desta colocación.

Para min a pregunta é clara porque lle chaman austeridade e aforro cando o que fan en realidade é cambialos de localización.

Onde está o aforro? Nas oficinas que deixaron baleiras nos despachos das fundacións comarcais?

O tema das fundación sempre pasou desapercibido para moitos por non ser tan vistoso como outros, pero realmente creo que debemos de facer a reflexión  do gasto que supuxo para todos a herdanza de Precedo.

Unha vez que non podemos, desafortunadamente retroceder no tempo, o que si podemos e darlle funcións e aproveitalo ... pero en vez diso que fai Feijoó o que fai e lanzar un titular aos medios e despois enganar a toda a cidadanía para colocalos en diferentes administracións .

Esa é a política de Feijoo ...! moito ruído pero pouca efectividade ...!


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña