13:26 Venres, 19 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-09-2011

Durante moito tempo a HISTORIA limitouse a unha primeira cuestión descritiva da evolución política das civilizacións humanas

A historia ambiental: unha historia de historias

Valorar (6)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Durante moito tempo a HISTORIA limitouse a unha primeira cuestión descritiva da evolución política das civilizacións humanas.

Nela debullábase a orixe e a consolidación do estado-nación, ficando constancia do resultado das pugnas sempre polos vencedores. Así, as teses da maior parte dos historiadores non só eran descritivas, senón que tamén explicativas e xustificativas do estatus quo. Mais logo xurdiron outras cuestións que tamén se referían a outros aspectos da vida: economía e sociedade, que tamén pasaron a ser historia. De aí que a segunda cuestión histórica foi o relatorio da historia económica, resultado das novas relacións do poder e da revolución industrial do século XIX.

Xurde unha terceira cuestión histórica, é a historia socio-cultural, resultado do desenvolvemento e mercantilización da vida social. Mais, esta historia deixou de ser loa do capitalismo, e, ao igual que a cuarta cuestión histórica, ou historia ambiental, pasou a criticalo. Isto foi debido a que as dúas primeiras historias, a política e a económica, estaban organizadas por intereses verticais, de arriba abaixo, mentres que as dúas seguintes historias, a socio-cultural e a ambiental, estaban organizadas por intereses horizontais das xentes populares e escrita polos movementos sociais como resposta á opresión.

É por iso que a maior parte de nós concibimos a HISTORIA dun xeito reducionista, e así trataron de explicárnolo na maioría dos nosos tramos educativos, mais en realidade componse dun crebacabezas de historias parciais das sociedades humanas, dun conxunto de historia de historias.

O obxecto que se propón coa historia ambiental é o de tratar de ser historia política, económica, social e cultural, etc., nunha visión máis ampla e máis incluínte, nun proceso de negación e de reconstitución permanente. Canto máis sexa vista a historia ambiental como a historia do traballo, da propiedade, da explotación e da loita social, maiores serán as probabilidades dun futuro sustentable, equitativo e socialmente xusto. Deste xeito trato de abordar os temas históricos mariños e sobre a caza da balea en Galiza dende hai tempo.

A historia ambiental trata de representar o estudo das relacións entre a especie humana co seu arredor, ou contorna, e o traballo representa a mediación entre a cultura humana e a natureza. Trata de comprender como e por que o ambiente dun lugar chegou a ser como é actualmente, estúdanse os cambios nas actividades humanas e na economía da natureza, mais non illados, senón como resultante das súas interaccións. A historia humana e a natural son dúas caras dun mesmo proceso, están estreitamente relacionadas e modifícanse mutuamente.

O cambio nos medios de produción ao logo da historia condicionaron a propia historia económica e ambiental dos lugares. A caza da balea na época medieval, fundamentalmente feudal, caracterízase polo xeito servil do traballo que produciu patróns particulares do uso da terra e da propiedade, de explotación do medio e de mudanza ecolóxica. Os servos eran forzados a traballar para producir excedentes cos que manter a unha aristocracia terratenente e a unha superestrutura feudal. Foi unha das actividades que serviu de base produtiva para o capitalismo incipiente.

A novidade que nos aporta esta análise da historia é a perspectiva que nos presenta diante da fraxilidade dos ecosistemas planetarios, un sistema complexo que aporta recursos para a sobrevivencia humana e das súas sociedades, contextualizando nun tempo determinado a interacción dos elementos naturais e os socioeconómicos e culturais.

Esta foi a miña modesta aportación no encontro da UIMP en Ortigueira: unha aproximación á bioloxía, conservación e ameazas sobre os cetáceos de Galicia, coa finalidade de imprimir multidisciplinariedade na análise científica dos feitos acontecidos na historia da obtención de recursos e no impacto ambiental que as actividades humanas xeraron historicamente no noso país.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña