12:40 Domingo, 08 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-08-2011

O paquebote esmaltado (cartografías da cultura)

A verdadeira historia de serea e tritón

Valorar (11)

CARLOS NEGRO


Ana Fernández, Concelleira de Cultura do Concello da Coruña nunha recente exposición


A tarde era perfecta como o corte publicitario dun anuncio do paraíso.

O mar e o ceo, un nordés suave, as crianzas a construíren castelos de area xusto no límite que sinala a marea.

E logo, sobre unha única toalla co rostro de Bob Esponxa, eles dous.

Poñamos que ela se chamaba Uxía; el, se cadra, Alberte.

Poñamos que habitaban nesa idade en que os sorrisos aínda refulxen nacarados como cunchas e os ollos faíscan como espellos recíprocos.

Pasaron horas sen se separar un segundo, cos seus labios a se perseguiren como peixes eléctricos, coas bocas a recitaren xuntas esas confidencias que só gardan sentido cando os poucos anos non deron tempo a trabar cos dentes desencantos e amarguras.

Semellaban fermosos, independentes, libres. E, naquel serán de agosto, ningún recuncho do universo resultaba máis fascinante para eles dous que o rectángulo de tea que nese intre compartían.

Logo, de súpeto, serea e tritón, mergullaron sen medo nas frías correntes da ría de Noia.

Nadaron, brincaron, deixáronse levar polo antollo das ondas.

Ao emerxeren da auga, os seus corpos resplandecían, húmidos e sorrintes.

E cruzaron o areal, de regreso á toalla, moi perto de onde alguén coma min, observador á espreita, agardaba.

Tiven a sorte de escoitar durante uns segundos o aloumiño das súas voces, un intervalo de conversa que se foi diluíndo no coro de sons do conxunto da praia.

E souben que namoriscaban nese galego salgado das rías, con cadencia de nasa no interior dos fonemas.

E nun intre en que a inocencia quixo ser máis poderosa que o escepticismo, cheguei a ter fe na música das esferas, na harmonía das galaxias e no porvir deste estraño lugar ao norte do Miño. E sorrín cara dentro, coma un pícaro cunha lambetada na boca, engaiolado pola natural galeguidade de Uxía e Alberte.

Aínda seguiron ata o luscofusco deitados na toalla, mesmo cando xa a maior parte dos bañistas emprenderan o ritual da recollida para regresaren ao acubillo dos vehículos.

Decidín deixar de axexalos, un chisco arrepentido dunha curiosidade que podería lindar coa impertinencia.

Para aproveitar as derradeiras raiolas de sol, abrín as páxinas do xornal ao chou, con máis nugalla que afán de lectura.

E os ollos, case sen querer, pousaron sobre un titular que non consentía a indiferenza:

A edil de Cultura da Coruña, Ana Fernández, declara que a programación cultural da cidade, durante a anterior etapa de goberno, atendeu a cousas "demasiado gallegas."

Non fun quen de seguir adiante: as esferas deixaron de gardar harmonía, os planetas todos perderon a órbita e a este improvisado cronista entráronlle gañas de se botar de cabeza á auga por ver se petaba cunha rocha ben dura que anubrase o seu entendemento.

E, sen saber por que, sentín mágoa por Uxía e Alberte. E desexei que nunca tivesen que aturar, se algún día pousaban a toalla nos areais de Riazor, miradas de esguello por se amaren con atlántico seseo.

E deume en cavilar que nin Uxía nin Alberte merecen ser gobernados por persoas que non entenden nin queren entender nin deixar tampouco que ninguén entenda.

E fuxín da praia, co corazón soterrado na area e o xornal reciclado en barco de papel.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña