17:22 Luns, 23 de Novembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-08-2011

O pensamento, a palabra e a obra toda de Otero non se pode comprender sen a presenza na súa infancia do universo trasalbés

Don Ramón de Trasalba

Valorar (9)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Pazo de Trasalba


Agora que sabe o vento a mazá e madrugan os montes envolveitos en néboas vaporosas, regreso, máis unha vez, a Trasalba, e de súpeto atópome escoitando a palabra forte e torrencial de don Ramón nas tardes case outonais, a carón da araucaria aínda en pé, que seu pai plantara cando el naceu, e véxome con el e con dona Fita camiñando polos paseos emparrados, entre as viñas cargadas de acios de maduras uvas, ou saboreando o viño novo e as castañas asadas na ampla solaina de pedra, alí onde o pai, don Enrique Otero Sotelo, médico, culto e liberal, amigo e defensor de Curros, pasaba consulta ás humildes xentes de San Pedro de Trasalba e dos arredores sen un patacón lles cobrar e dándolles remedios caseiros para que non gastasen na botica o que nin sequera tiñan para pan e para vestir aos fillos.

A don Ramón cómpre evocalo sempre no marco trasalbés, entre os Chaos de Amoeiro e a ribeira, no universo da casa grande de Cima de Vila, -a casa petrucial dos Sotelo, que non é pazo e non debemos confundir co pazo dos fidalgos que alí habitaron. A Trasalba chega o neno subindo a cabalo, no colo do pai, desde Santa Cruz. Pouco a pouco vai descubrindo todo aquel inmenso mundo vexetal. Os seus ollos beben a paisaxe, percibindo non só a beleza das súas facianas, senón tamén o seu íntimo latexo, os seus segredos e o seu misterio. O neno contempla conmovido a Serra Martiñá e a Madanela, o Faro de Avión e o Coto de Novelle, o val do Miño e o Barbantiño, os limoeiros e as laranxeiras do xardín, o buxo que en abril está precioso, as nabeiras e o centeo, os soutos próximos á casa, os piñeiros da encosta de Santa Cruz de Arrabaldo, as vides que se estenden pendente abaixo cara á ribeira, os vellos camiños da aldea, os merlos nas cereixas, o trigo que axiña dará pan, os pombiños do pombal, as pingas do tellado caendo no granito, o ciprés, a roseira...O neno está feliz, marabillado. O seu gozo é pleno: "Fermoso afundírese na erba enxoita, escoller as fabas, sentir os melros, papar claudias...".  

Trasalba: verde lus
nas pupilas de pedra,
e un vento nos agros
e nas vidas. Trasalba,
tristeira e lucidía frol
da ialba.

Trasalba revélalle a don Ramón a grandeza da terra. O seu vencello á paisaxe faise cada vez  máis profundo e máis íntimo. O seu sangue sente os ritmos da natureza. A vida invade de novo o seu corpo e o seu espírito cando os cómaros reverdecen e abrollan os pexegueiros. A comuñón do home coa terra é perfecta. Non é un simple coñecemento visual do cosmos, é a emoción diante da paisaxe, o sentimento da terra: "Pódome pór triste ou ledo con soio abrir as fiestras pola mañán: é unha cousa máis forte que a miña vontade: podo chorar diante da natureza. Isto sábeno moi ben os campesiños. Eu sentinme sempre campesiño. A terra somos nós; vive, medra, esmorece con nós e nós con ela".

Das catro estacións, don Ramón ten unha especial preferencia polo outono. O señor de Trasalba ama emocionado o tempo da vendima, os días de orballo, de calma e sol morno, os días que hai que recoller as mazás e gardalas amorosamente no faiado, sobre a palla, os días de camiñar de vagariño entre as peras da compota que caeron co vento e os castiñeiros cargados de ourizos. Ama don Ramón esas tardes sereas nas que aínda se busca o frescor das árbores e nas que nos invade a melancolía e unha certa soidade. Ama as cores ouridouradas da paisaxe, as espigas de millo enristradas e penduradas no corredor, a raiola de sol á tardiña, a fragrancia da terra recén arada...As súas cartas aos amigos de aquí e de acolá son o outono mesmo: "Hoxe saíu para a súa casa sempre lembrada da Rosaleda -dille nunha carta a García-Sabell- o vello tributo das castañas trasalbesas, pro ten que me perdoar. Iste ano os vellos petrucios do souto de Cima de Vila se non portaron ben. Non sorriron como dinantes ceibando os ourizos. E as castañas son pequeneiras e pouco graciosas no gosto. Pro non hai iste outono outra cousa".

Aí, na bocarribeira, entre as pétreas paredes do pazo, entre móbeis antigos feitos polos mellores mestres artesáns das madeiras nobres e andeis ateigados de libros de Proust e de Rilke, de Baudelaire e de Verlaine, de Chateaubriand e de Balzac, de Rosalía e do Pai Feixóo, aí, a carón do reloxo de péndulo, do braseiro e do mapa de Fontán, o neno escoita sen perder detalle as vellas historias que lle conta mamá Vicenta, historias que falan de señores e criados, da fartura que noutrora había nas casas grandes, de fidalgos que un día abandonaron a terra e colleron o camiño da cidade...E mentres o neno escoita entusiasmado á avoa, nos cristais da fiestra bate un vento tolo e a auga fría do nordés e un resplandor de lóstrego que encolle o corazón.

O pensamento, o torrente verbal e a obra toda de don Ramón non se pode comprender sen a presenza do universo de Trasalba na súa nenez. A súa actitude perante a vida, a súa íntima relación coa terra, a súa paixón polo mundo campesiño, a súa literatura e a súa entrega a Galiza, todo iso ten unha mesma e profunda raíz: Trasalba. E Trasalba será tamén o seu mellor refuxio nos días máis duros e dolorosos da súa vida. O exilio de don Ramón ten un nome: Trasalba. Aí escribiu O Libro dos Amigos, que é un libro de compromiso co nacionalismo e de homenaxe aos que sufriron a barbarie. E a Trasalba voltará de novo tras a súa xubilación na cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago. E por iso don Ramón Otero Pedrayo será sempre para nós don Ramón de Trasalba. Non poderemos nunca evocar a don Ramón sen a súa amada terra de Trasalba, nunca.

Medos e eu chegamos á tardiña a Cima de Vila. Alí, cos brazos abertos, recíbenos don Ramón, que nos pregunta, de primeiras, polo señorito da Reboraina, "Moitas veces o tiven no meu colo nos días de Compostela! Era o principiño da Rosaleda!", dinos o señor de Trasalba ao tempo que nos convida a probar o xamón e o viño da casa, e deseguido pregúntanos xa polo Manuel María, polo Novoneyra, polo Ferrín, polo Bautista... "Aqueles mozos de Brais Pinto facíanme sentir novo coma eles cando eu tiña setenta anos e con todos eles fun inmensamente feliz". E fálanos tamén don Ramón "daquel rapaz do Carballiño, si, o Felipe Senén, que vén por aquí ás veces. Escribinlle hai algún tempo unha carta e díxenlle que endexamais desconfíe do porvir do espírito e que pense na grandeza de ser galego dos bos e xenerosos. Sei ben que o Felipe é dos que levan a Galiza no corazón. Créanme, faime feliz a xente moza que me vén visitar a miúdo e na que vexo como viven e medran con novos pulos as vellas ideas que nós defendemos noutro tempo". E, como non!, don Ramón pregúntanos por aquel crego de Teixido que tan ben os recibiu cando aló foron de pelerinaxe el,  don Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. E haberá tempo aínda, antes de entrar na boca da noite, para falarmos de Compostela, dos seus paseos nocturnos pola cidade despois de cear, "ás veces cun frío que deixaba a un teso", dos parladoiros na Rosaleda, na casa de Domingo García-Sabell, e das tertulias do Café Español, na rúa do Vilar. "Alí botei os oito anos máis ledos da miña vida, alí, en Compostela. Non os esquecerei nunca", e pronuncia don Ramón esas palabras atravesado pola nostalxia dos tempos idos e pola máis viva emoción.

O señor de Trasalba sabe ben da soidade e das ruínas e non deixa de sufrir pola morte do agro que tanto amou, polo soño imposíbel: "A min gostaríame unha Galiza grande e campesiña, cos seus fillos na terra, vencellados á terra, vivindo pra a terra; gostaríame unha grande república campesiña pra o meu país, verdecida, nova, agromando como a primaveira". Don Ramón séntese vello, triste, doutro tempo. Cos latexos do corazón deixou definitivamente o coñac e o café. Agora anda polos oitenta e oito anos e só bebe auga e un tinto no xantar. "Atópome sombrizo, derrubado. Soio me consoa e me ergue o amor dos amigos como vostedes. Non sofro de doenza coñecida. Mais asegún decía Pedro Simón Abril, tradocindo unha frase latina, "la vejez es en sí harta enfermedad".  Na súa lembranza  están sempre Fita e dona Eladia, e Domingo e Paco del Riego, e están tamén os mozos dos que tan preto se sente ("¡Eles chegarán onde nós non fomos cecais dignos de chegar!"), e están os amigos todos da súa época: Bóveda, Anxel Casal, Risco, Cuevillas, Paz Andrade... e, naturalmente, Castelao: "Moitas veces el quedaba no meu hotel, que era un hotel á inglesa, moderno, moi belido, coa muller, pro nunca quería dormir alí, el quería voltar ao seu cuartiño, á súa pequena habitación... Era unha cousa triste que moitas veces me desgarraba o corazón ver a Castelao e Virxinia aquelas noites de frío, aquelas noites de vento, ese vento pampero que fai temblar os reflectores, e marchaban caladiños, collidiños, el xa moi cangado, os dous polas rúas solitarias cruzando rúas e rúas en percura da súa casa. Alí nos despedimos o 5 de setembre de 1947. Apertei contra o meu peito por derradeira vez o corpo xa levián de Castelao. Era unha rúa calquera de Bos Aires, non lonxe do porto... Castelao non quixo sufrir o trance de ollar alonxarse o barco, aquel barco que me trouxo de novo a Galiza e que nos separou para sempre... Os dous fundímonos nunha aperta aínda máis longa e forte que a do noso reencontro. Foi a derradeira aperta. Despois veu a morte de Castelao". E don Ramón Otero Pedrayo segue a falarnos emocionado daqueles lonxanos días con Daniel e Virxinia en Bos Aires.

Cae a noite e moi ao lonxe contemplamos as luces de Listanco, de Maside, de Cea. "Perdoen, meus queridos amigos, a tristura deste vello. Mollen outro biscoito nese viño branco do Val de Verín e fáganme o favor: quédense en Trasalba. Se teñen a caridade de escoitarme, seguiremos a falar mañá na solaina da casa".


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña