00:44 Xoves, 09 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-08-2011

Co filme O documento iniciamos unha serie de entregas para o coñecemento e divulgación do patrimonio audiovisual galego e de novas obras

Unha canle para o cinema e audiovisual galegos

Valorar (17)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez



Terra e Tempo vén de abrir ao voso dispor unha canle para o coñecemento e divulgación do cinema e audiovisual galegos. Este impulso configúrase como un servizo on line para visualizar obras que configuran o noso patrimonio audiovisual así como novas creacións.

Terra e Tempo
abre unha ferramenta para que novas e novos creadoras poidan divulgar as súas obras. Mais a construción do futuro precisa do coñecemento da nosa historia, polo que esta canle tratará de recuperar e ofertar a visualización de filmes importantes na configuración da cinematografía galega, obras con frecuencia relegadas ao esquecemento. Trátase por tanto dunha iniciativa que consideramos precisa, aínda máis no contexto de desatención do sector do audiovisual polas institucións así coma o imposto feche de importantes iniciativas coma puido ser flocos.tv, ferramenta para  a divulgación do noso cinema. 

Deste xeito, comezamos pondo ao voso dispor o filme O documento, obra do director Enrique Rodríguez Baixeras rodada en Ribadeo no 1974.

Trátase dunha curtametraxe que durante décadas se considerou perdida, unha das primeiras obras en galego, nun momento en que era impensábel que no noso país e na nosa lingua se puidese realizar cinema. Este filme xorde dunha adaptación literaria á pantalla do conto con mesmo título presente en A lus do candil, do escritor Ánxel Fole.

Baixeras (Ribadeo, 1953) introduciuse no cinema a raíz do seu interese pola fotografía e da man do cineasta Xosé Ernesto Díaz Noriega, co que aprendeu as artes cinematográficas no Cine club amateur da Coruña.

Pronto comezou a realizar curtametraxes que asinou como ENROBA (acrónimo do seu nome e apelidos) e xunto a outros creadores dos 70 dirixiu varios títulos coma A morte do Mariscal (8mm, 1973, adaptación libre sobre o Marechal Pardo de Cela), O documento (16mm, 1974) ou O Cadaleito (35mm, 1976). Asegura o director que inicialmente movíase cunha intención de crear un cinema galego e en galego, "todas as miñas obras exceptuando a primeira son en galego". Pero na dirección de O cadaleito a idea amósase máis madura, coa intencionalidade de dotar a Galiza dunha industria cinematográfica propia (con obras rodadas en formato profesional e industrial, na nosa lingua, da nosa cultura e dirixidas a conxunto do público galego). 

Fotograma do filme de Baixeras "O cadaleito"

En xaneiro do 1975 O documento exhibiuse nas III Xornadas de Cine de Ourense, mais o Tribunal de Orden Público ordenou o secuestro dos filmes presentados. O gobernador civil abandonara a sala tras a proxección nas Xornadas de A Tola (Miguel Gato, 1974), unha alegoría da Galiza baixo o dominio franquista.

Baixeras foi detido e interrogado polo seu filme, que unicamente cometera o delito de ser en galego. Finalmente recuperou a película en moi mal estado, pero o filme conseguiu sobrevivir a partir do copión, é dicir, do positivo empregado na montaxe da película. 

O documento exhibiuse despois das Xornadas en Foz e en Lugo no ano 1997, con motivo da dedicatoria a Ánxel Fole do Día das Letras Galegas. Tras a súa exhibición en Ribadeo no mes pasado, ponse ao voso dispor na rede este filme clave do cinema propio, para o seu coñecemento e difusión.


[19-08-2011 01:52] A Bouza de Coia, Vigo. comentou:

Moitos parabéns pola vosa iniciativa. Unha oportunidade extraordinaria de achegarnos a documentos audiovisuais históricas e actuais. Un saúdo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña