12:55 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-08-2011

Que ninguén agarde polos grupos de asalto doutros tempos. Os novos fascistas gastan garavata e terno

O ovo da serpe

Valorar (18)

BIEITO ALONSO FERNÁNDEZ


David Carradine nunha escena de "O ovo da serpe" de Ingmar Bergman


En 1977, o director de cine sueco Ingmar Bergman virou na súa habitual produción de corte existencialista e presentou unha fita que, sen abandonar algúns dos elementos fundacionais do seu discurso cinematográfico, abría camiño nun asunto sempre discutido: o caldo de cultivo no que se alimentou o fascismo.  O que alí se contaba, no ambiente do Berlín decadente do período de entreguerras, era unha historia terrible: o encanallamento dunha sociedade que, irremediablemente, ofrecíalle toda a súa quentura e o seu amparo á serpe que habería de devorala. Nove anos despois da estrea do filme foi asasinado nunha rua de Estocolmo o antigo primeiro ministro sueco Olof Palme. Aínda é hoxe o día no que o crime segue arquivado na categoría de casos sen resolver. Aparentemente, non existe unha relación directa entre os dous feitos pero a sinxela intuición advirte da presenza dun fío que os une e nos avisa dunha novidade funesta: o ovo que deu vida á barbarie do nazismo e do fascismo volveu chocar. Transmutado en novas formas, pero tan brutal e implacable como o que froreceu coa lentura dos mortos da Grande Guerra. Quizais por iso, o asasinato de Palme que fora percibido daquela como un sinal desconcertante acade agora, pasados os anos, un significado máis preciso, máis comprensible. Porque Oslo, outra vez o paradiso nórdico trastocado,  aparécenos de súpeto como a coda dramática, alucinada, pero nada improvisada, do que xa se anticipou en 1986.

Para cando un asasino descoñecido matou ao histórico líder socialdemócrata, por boa parte de Europa e polos Estados Unidos xa abrollaba con forza o discurso neoliberal. Apoiados nas teses de pensadores como Friedrich Hayek ou Raymond Aron, que paradoxalmente foran absolutamente marxinais entre 1945 e 1975,  os fundamentalistas do liberalismo foron gañando espazo ideolóxico, e político, da man dos éxitos electorais de dirixentes como Margaret Thatcher ou Ronald Reagan. Foi neses anos cando se sementou a base dun pensamento tan simplista como efectivo que culpaba ao Estado de todos os males sociais e patrocinaba a liberdade individual como paradigma do progreso e do benestar. Porén, o que por entón semellaba unha excepción propia dos países anglosaxóns acabou por transformarse nunha fervenza de pensamento que foi atropelando e liquidando por moita parte do mundo aos voluntariosos defensores da prioridade do público, do colectivo. A implosión dos estados do "socialismo real" non fixo máis que asentar a certidume de que ese mesmo mundo non tiña máis que un camiño: o que ditase o capital.

Pero o discurso neoliberal precisaba, para hexemonizarse, dunha ameaza, dun enimigo diabólico que o lexitimase. E afogado o comunismo, o novo Maëlstrom pasou a ser o islamismo. O preludio dese novo combate foron as teses (elaboradas, sen maior escándalo, pola propia CIA) que alertaban sobre o choque de civilizacións que se aveciñaba. Intelectuais orgánicos como Samuel Huntington fixeron un bo labor nesa operación de desentullo. Logo, só houbo que agardar pola froita madura. As guerras do Golfo, a guerra de Afganistán, os atentados do 11-S ou do 14-M foron chanzos na ofensiva político-ideolóxica contra do maligno, articulados ao redor de novos líderes que clamaban con crudeza pola "limpeza civilizadora" (non é dos menos sobranceiros, José María Aznar e a súa cohorte da FAES) e amplificados por unha poderosísima rede comunicadora da que o grupo Murdoch tan só é unha expresión refinada. Marcada a axenda non houbo máis que esperar a que impregnase acaidamente o debate político e cultural de Occidente. Nesa miasma de pensamento único, excluinte, xenófobo e, por que non, totalitario é xustamente na que se nutre o redivivo ovo da serpe.

É o fascismo o que chama outravolta á porta. Non ven embandeirado en grandes estandartes, non precisa de grandes concentracións de masas e non se articula con disciplinados partidos únicos. Os tempos son outros. Son pequenos núcleos  que se agariman a través da rede global, de Internet e das redes sociais, que comparten consignas, simplezas ideolóxicas e tamén... instrumentos de destrución. Grupos que reviven ao abeiro da crise económica e da devastación ideolóxica dos seus contrarios e que contan con moitos máis recursos, económicos e políticos, dos que se puidera sospeitar. Grupos que se acubillan nun renacido fundamentalismo relixioso de base cristiá e que esparexen medios de comunicación cos que trasladan aos seus fieis as mentiras mil veces repetidas.

Que ninguén agarde polos grupos de asalto doutros tempos. Os novos fascistas gastan garavata e terno, atemorizan coa invasión dos pobos salvaxes do sur e, moi educadamente, matan con bombas e fusil aos que non atenden a boa nova. Saben, como hai oitenta anos, que unha parte da sociedade pode, por agora, non xustificar os seus métodos pero que comunga de cheo cos seus argumentos infames. Por iso, tan importante como combater aos fanatizados é desmontar e neutralizar as ideas (e as propostas) dos seus indutores.


[22-08-2011 21:47] lola comentou:

Clavado! ë simplesmente aterrador ver como nos manipulan e non so tragamos se non que, bendecimolos por riba... A quen non mate a fame matarao a tristura que a impotencia xenera. Un pracer leelo. ëxitos o 20N!

[19-08-2011 03:23] raúl comentou:

Un artigo ben atinado, Bieito. Eis o ovo da serpe, por si alguén non ten reparado nel, petando na porta da nosa sociedade. Un bo artigo, repito. Grazas.

[17-08-2011 20:06] kekek comentou:

A última película de Haneke, vai un pouco neste senso. A cinta branca, chámase... Bo artigo

[17-08-2011 13:28] Xan comentou:

Pois si, o artigo ten toda a razón. Por desgraza, o "novo" feixismo é algo que se olla vir dende hai anos. E o dos grupos de asalto eu non os descarto en absoluto; se non combatemos eses ovos, logo han aparecer mesmo entre nós.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña