07:54 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-08-2011

Non chega con buscar as causas da destrución ambiental do medio mariño ou da desaparición do sector produtivo primario, hai que buscar as solucións

Sector primario no mar, crise e recoleción sostible

Valorar (6)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ



Mentres a crise ecolóxica era xa evidente hai ben tempo, a ollos de toda a poboación mundial, a crise económica agochábase baixo enmarañadas gráficas estatísticas, grises e enganosas para a maior parte da poboación, e, parelamente, evidenciábase unha enorme crise de modelos sociais.

Todas estas situacións mencionadas foron debidas á mercantilización universal e á deshumanización das sociedades que impón o capitalismo depredador e expansivo.

Hai moitos remedios a aplicar, hai moitas posibles solucións, hai mesmo moitos gurús que pregoan e profetizan, mais, moitas veces, a solución está á beira da man  e non somos quen de vela. Apunto a penas unhas ideas a respecto da incorporación ao mercado laboral, aos niveis de poder e ás estruturas de funcionamento socioeconómico de persoas con outro xeito de facer as cousas que permita cambios de rumbo de cara ao mantemento do sector primario mariño e a un novo xeito de produción sustentable.

Sectores sociais renovados

Logo de tantos séculos de desinformación, a educación ambiental posta en marcha polo movemento ecoloxista dende os anos oitenta e a súa incorporación aos niveis educativos, aínda insuficiente, debería permitir una visión diferencial do uso e xestión dos recursos naturais, independentemente da cuestión económica. Resulta moi difícil valorar esta afirmación mais hai indicadores que poden permitirnos unha posición optimista, como a concienciación ambiental e a mobilización social, a posta en marcha de entidades de defensa do medio locais ou con obxectivos puntuais, ou mesmo a difusión entre os máis cativos de conceptos tan complexos como a conservación da natureza, a preocupación social polas especies protexidas, a esixencia da recuperación dos animais silvestres feridos ou mesmo a oposición á agresión animal (touradas, tortura, etc.). Todo isto cómpre amplialo e canalizalo axeitadamente, pois reflicte o sentir colectivo en resposta á agresión ambiental.

Sectores sensibles a prol dun novo xeito de produción

A maioría do sector produtivo mariño de idade recoñece o afán depredador e falto de sensibilidade na súa vida laboral. Agora, xubilados ou desenvolvendo outro oficio entoan un mea culpa estéril. Mais hai unha parte deste sector produtivo, que ten outra visión, son as mulleres. A incorporación da muller no sector primario, a pesar de tímida, imprime outro xeito de ver as cousas e, o que é o máis importante, outro xeito de actuar.

Recentemente editouse o vídeo UN MAR DE MULLERES, realizado pola fotógrafa Paula Pérez, producido por Luz Santos e no que colaboraron a escritora Marta Dacosta e a cantante Uxía Senlle, elas fixeron deixar de ser transparentes ás mulleres do sector produtivo mariño que traballan dende Cangas a A Guarda. Nesta obra podemos escoitar por boca das propias protagonistas o seu facer e a súa visión do seu xeito de produción, facendo un diagnóstico e un deseño de actuación de futuro axeitado e sustentable, entre outras cousas manifestan:

- A esixencia de estudos científicos para coñecer o ciclo vital das anémonas e non esgotar o produto cunha sobreexplotación non sostíbel como sucedeu co ourizo.

- A necesidade de contar cunhas augas limpas para desenvolver a explotación do recurso, como indica unha politiqueira de Arcade, especialmente sensibilizada coa deterioración provocada por unha construción abusiva e non respectuosa.

- En xeral, a necesidade de respectar os ciclos vitais dos recursos e procurar a súa subsistencia de cara ao futuro.

Sen ser conscientes desta cuestión, tanto os sectores sociais renovados como os sensibles a prol dun novo xeito de produción explican e promoven un dos principios básicos de sustentabilidade ecolóxica: a recolección sostible, definido como aquel no que as taxas de recolección dos recursos renovables son menores ou  iguais ás taxas de rexeneración. Algo moi sinxelo, mais que simplemente non se aplica, por rutina, porque sempre foi así ou porque o mar é moi xeneroso e sempre dá.

E para que este principio sexa equilibrado hai que ter conta do estado de degradación do medio que reduce a capacidade de rexeneración natural, algo ao que tamén elas demostraron ser sensíbeis.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña