13:49 Venres, 19 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-08-2011

Un curto percorrido pola guerras armadas polos pistoleiros de Occidente

Diso que nos move e nos conmove

Valorar (24)

LOIS DIÉGUEZ



Das últimas afrontas do terrorismo dos estados occidentais contra a soberanía dos países que non se axeonllan ante os seus mandatos e intereses, producen  un especial calafrío os casos da invasión de Libia e a intromisión directa nas revoltas sirias. Precisamente dous países que mantiveron sempre un enfrontamento cos EE.UU.  e unha postura non dependente destes a respecto de Israel e Palestina. Eran, por lembralo nesta chea de acontecementos que nos acaban por ocultar a razón primordial dos sucesos, os rebeldes claros, practicamente únicos. E para iso se montou a algarabía das protestas escuras que seguen a invadir os países musulmáns. Había que sometelos fose como fose, e facelo de xeito distinto ao xa clásico, definido pola campaña previa de demonización dos seus representantes e despois o ataque directo e pola brava. O novo estilo era pillar desprevidas as masas críticas occidentais e presentar a invasión como unha súpeta revolta popular dos súbditos contra os seus tiranos.

Mais o primeiro que chama a atención é non ver os rostros dos rebeldes destes países que agora mesmo se chegan a recoñecer como os seus únicos representantes, fronte ás institucións propias. Quen son eles? De onde saen? Que historia hai detrás das súas actividades? Quen lle entrega as armas e quen os asesora e capitanea? A Gadafi bombardéase un día si e outro tamén e non se dá rematado con el. Os terroristas de occidente roubáronlle os cartos, agora o petróleo, e poñen aos que alentan como únicos representantes lexítimos. Pódese ser máis sanguinario e cruel, máis tirano? E se analizamos a prensa "libre" diso que se deu en chamar as democracias informando de todo isto, a conclusión non pode ser máis arrepiante: mentiras, manipulacións, propaganda... todo menos presentar a outra cara da moeda. Ouvimos algunha vez en toda esta macabra historia algún representante dos invadidos explicando a súa postura? Por que só falan os invasores?

Siria... Centos de mortos asasinados polo seu presidente Bachar el Asad. Nada menos que en Hama, esa cidade tristemente célebre polas revoltas dos Irmáns Musulmáns do ano 1982. Non son estes precisamente pombiñas, e integristas defensores dunha república islámica pasan agora en occidente por uns anxiños que loitan pola democracia. A nosa gloriosa prensa libre e democrática chegou a dicir estes días que en Hama se manifestaron 500.000 persoas, cando a cidade non pasa dos 370.000 habitantes. Non é xusto defender actitudes e actos de represión, idubidabelmente, pero é mais grave aceptar a morte de milleiros de persoas cada día nestes desafortunados países, sentado comodamente no sofá, e obviando que se fai para roubarlles o petróleo e para poñer un títere que se someta aos pistoleiros de occidente. Hama... unha das cidades máis conservadoras de Siria na que o habitual é ver as mulleres aprisionadas nos seus velos e vestidos negros, mesmo controlando os fillos nas ribeiras do Orontes e perto do luxoso hotel Cham Palace polo que andamos uns días coa sensación de pisar un cemiterio onde milleiros de persoas foran soterradas ou masacradas en 1982.

Basta de mentiras, hipocrisías e manipulacións montadas por eses mercados que agora, en plena desfeita económica e social, son máis amos que nunca, representados directa e submisamente polos presidentes que nós eliximos en ma hora. A democracia morreu noviña hai anos e non podemos permitir esta farsa de seguir presumindo como se realmente gozásemos de liberdade e variada e libre información. A guerra que leva o imperialismo contra a soberanía dos países ricos en materias primas cobizadas por occidente, non pode ser aceptada por unha mente de noso, porque facelo sería o mesmo que poñernos ao nivel dos asasinos. Non hai en Siria, Libia, Palestina, Exipto... guerras civís; son as guerras que producen as grandes potencias, principalmente os repetidos gobernos dos EE.UU., Inglaterra e Francia... que no seu día camparon polo mundo levando alí a miseria e a tortura. E os criados destes, que tamén queren lamber o que caia e a custo do que sexa, como esa España hoxe de Zapatero, onte de Aznar, metida na merda até o pescozo.

Incide en nós, na Galiza, esta perigosa mentalidade de pistoleiros a facer xustiza na casa dos demais. Incide porque tamén nós, a distinto nivel, sufrimos cada día a imposibilidade de querermos ser o que nos pete. A nosa soberanía coa que se comercia en Bruxelas para que a miseria engorde no noso agro e nas xa debilitadas fábricas, no noso mar vendido e subastado arreo. É hora xa de que vexamos os tanques e avións da morte cando botan a súa carga en calquera dos países masacrados para sentir ao mesmo tempo as gadoupas dos mercados arrasando a riqueza e a cultura grandes que construímos desde sempre con dificultade e enxeño. Porque o conflito ten a  mesma raíz: a imposibilidade de gobernar o que nos pertence. E se os que nos cremos máis conscientes da situación, non o vemos e non saltamos á rúa cada vez que se produce un ataque destas características, o futuro non será precisamente feliz. Comecemos por clamar desde os minúsculos currunchos da liberdade, que os presidentes asasinos de occidente deben ser xulgados polo Tribunal Penal Internacional. Entre outras cousas porque así veriamos que ese Tribunal só se fixo -salvadas as excepcións- para xulgar aos que non se someten aos criterios dos imperios. E que o chamado solemnemente  Imperio da Xustiza ten o campo perfectamente limitado. E despois, sigamos; sigamos este longo camiño contra os imperios que iniciamos hai xa ben anos. Mais iso si, máis unidos, máis creativos e mellor organizados. E por riba de todo, humanizados.


[10-08-2011 15:40] FINA SENRA comentou:

Canta razon tes ,grazas a xente coma ti nos enteramos da realidade e non das mentiras que nos contan.
Grazas por abrirnos os ollos
Fina

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña