11:00 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2011

Se a casa cheira a rancio non é polos mobles de madeira nobre que contén (lingua, pensamento nacionalista, conciencia social, pacifismo, ecoloxía), senón polo pó que os cobre

Pódenos o pailanismo?

Valorar (35)

MARICA CAMPO



Pailán, paifoco, paduán, pailaroco, paiolo e paspán son palabras sinónimas que o dicionario define como  "adxectivo. Que presenta expresións, maneiras e modos pouco refinados". A min hai tempo que esta definición me resulta incompleta. Se cadra estou equivocada, mais preciso que alguén me explique como teriamos que chamar ás persoas que, aínda presentando expresións, maneiras e modos refinados, consideran que o propio, o que nos define como pobo, é sinónimo de atraso, de falta de modernidade. Pénsase que só esquecendo o pasado e semellando non ser o que  somos poderemos alcanzar a homologación cos outros, e que diso se trata. Hainos que mesmo estenden este pensamento ao eido literario e cultural e xulgan que defender os nosos clásicos, poño por caso Rosalía de Castro, é ser anticuados. Coidan que só ten valor o que vén de fóra ou o que se lle asemella. Estiman as cousas polo que teñen de novidade e non polo que achegan de coherencia e de verdade. Esquecen que só pasa polo cribo do tempo o que, ademais de novidade, ten calidade. Non teñen en conta que a novidade é só un dos atributos da creatividade, un entre moitos e non o máis importante. Algún profesor universitario coñezo ao que lle recomendaría o libro de Italo Calvino Por qué leer a los clásicos.

No eido da política este pensamento pailán fala de abrirse, cousa que sería moi atinada se significase exactamente iso, abrir portas e ventás para que entre aire novo. O problema é que hai quen entende que non é o aire anovador o que ten que entrar, senón os principios os que teñen que saír. E, amábeis lectoras e lectores, se a casa cheira a rancio non é polos mobles de madeira nobre que contén (lingua, pensamento nacionalista, conciencia social, pacifismo, ecoloxía), senón polo pó que os cobre,  debido case sempre á falta de uso. A ignorancia levou a moitas xentes a substituír magníficas mesas de carballo por outras de formica, sen dúbida máis modernas,  sen dúbida peores.

Non é esta unha chamada ao inmobilismo: claro que hai que innovar, crear outras expectativas, soñar un escenario en que Galiza represente un papel non secundario. Para iso teñamos en conta que, de darmos  por boas as palabras de Akira Kurosawa, crear é recordar. 

Recordar de onde vimos para saber a onde podemos chegar. Un estudo da nosa historia non falsificada levaranos a (re)coñecer que, lonxe do que nos teñen contado, a nosa non foi unha nación submisa e apoucada, senón todo o contrario, desde o Antigo Reino de Galiza até os nosos días. E tamén que foi o nacionalismo galego actual o que mellor diagnosticou  as doenzas do país, cousa imprescindíbel para lles poñer cura. A miúdo predicando no deserto, loitando contra o vento devastador do pensamento único. Os feitos van demostrando canto de profecía tiña a súa voz.

Imos renegar de todo isto ou, pola contra, daranos pulos para seguir na tarefa? Todo depende de que sexamos ou non uns pailáns.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña