05:26 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-03-2010

A Xunta presenta un Plan de Ordenación do Litoral que en vez de ordenar o litoral céntrase máis nas zonas interiores dos concellos costeiros

O POL que cambia según as conveniencias

Valorar (11)

ROCÍO GARRIDO CARAMÉS


Sanxenxo


Unha das cousas que nos caracteriza como pobo é sen dúbida  a nosa costa, dende as Rías Altas cos seus impresionantes acantilados ata as Rías Baixas coas numerosas praias de areas brancas. Pero parece que as singularidades da nosa costa esquécenselle o PP o desenrolar un Plan de Ordenación do Litoral.

Este plan que debería ser acollido cos brazos abertos por todos aqueles que pensamos que o litoral hai que protexelo, hai que conservalo e sobre todo evitar que se converta nun fiel reflexo da costa mediterránea, onde  prima a construción antes que o medio ambiente e a conservación da natureza, converteuse nun plan totalmente caciquil e fora de contexto da realidade da nosa costa.

Pero a realidade mostrou que este plan foi improvisado  e presentado as presas, xa que en maio remata a aplicación da coñecida como "lei dos 500 m", en xaneiro presentáronnos un plan onde faltaban datos e incluían a cartografía do litoral.

Esta cartografía resultou ser un conxunto de mapas de coloriñas, xa que non son mapas cartográficos, mapas que conteñen numerosos erros e sobre todo moi difíciles de interpretar ata para os mais avidos técnicos expertos na materia. Pero estes mapas cambian co transcurso dos días, xa que última modificación data do 15 deste mes e por obra e arte é maxia o que antes era un corredor ecolóxico aparece pintado nunha nova cor: a branca.

A confusión deste plan ven xa dada no seu propio nome xa que falan de protexer o litoral pero non contaron que as proteccións chegan até os 4 quilómetros da costa, coa escusa da existencia dun regato pintaron un corredor ecolóxico. Pero esquecéronse en moitos casos de aplicar a protección costeira en zonas de menos de 200 metros da costa permitindo así a consolidación de urbanizacións ideadas  a pé de praia.

Non podemos esquecer que este plan se atopa en fase de consultas nos concellos, concellos que envían as súas suxestións que pouco a pouco van cambiando según o interese do propio concello ou da persoa que ideou esta suxestión, en moitos casos corresponden a grandes promotores do solo, construtores con intereses nos solos urbanizabéis existentes na costa e como non os especuladores que gozan de información privilexiada. E todo isto se traduce nos escurantismo que rodea a este plan, no que os concellos gobernados polo PP non ofrecen a información os seus veciños pero si que programan visitas a consellería con grupos de empresarios.

Pero o gran prexudicado neste plan como sempre vai ser o pequeno propietario dunha leira que de repente  de estar considerada como urbanizabel pasa a ter unha protección de mellora ambiental e paisaxística. Este propietario coñecerá as consecuencias deste plan cando inocentemente vaia solicitar unha licenza para calquera tipo de obras. Non se coñecen as disposicións transitorias nin o tempo de aplicación desta nova norma.

Desaparecen núcleos tradicionais, cualifican terreos de cultivo como si fosen bosques mentres onde realmente hai un bosque o deixan libre de protección agochado baixo a formula de "ámbito de ordenación" e permitindo a libre construción que  as normas urbanísticas municipais permitan, ólleas o mapa e logo de descifrar o color  vas mirar o seu significado e remitirte o artigo 3 que mais adiante se contradice no artigo 6.1.   Protexen pequenos regatos que hoxe en día se atopan canalizados e   regatos que se  atopan a máis de 3 km da costa e que se usan para o regadío das pequenas leiras que o  rodean, acaso os redactores descoñecen que  o noso país e coñecido como o país dos mil ríos e das mil fontes.

Por iso mais que protexer o litoral o que protexe son os intereses privados dos de sempre en prexuízo dos galegos, e sobre todo en prexuízo dunha costa que seguiran enchéndoa de formigón a base de especulación e as costas  da realidade socioeconómica e medio ambiental que debería gozar o noso país.

E para exemplo temos o caso de Sanxenxo; concello coñecido polas numerosas urbanizacións proxectadas na costa que grazas a este plan seguiran adiante, mentres das 535 hectáreas a protexer so 120 se atopan na franxa dos 500m.

Protexer si, pero non a calquera prezo.  Ordenar si, pero baseandose en criterios reais, preservando a identidade do pobo galego asentado na costa e sobre todo ordenar e protexer con consenso, non mediante a aplicación de normas sacadas da manga para así pagar favores e sen seguridade xurídica deixando nun limbo legal os pequenos propietarios.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña