12:52 Mércores, 10 de Agosto de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-07-2011

Se o modelo de participación política perfilado no século XIX é intocable á altura do XXI, algo vai mal (non, moi mal)

Algo vai mal

Valorar (10)

BIEITO ALONSO FERNÁNDEZ


Mirador do Paseo da Ferradura (Santiago)


Esoutro día lín unha columna do moi prezado tocaio, Bieito Iglesias. Nela, arrenegaba da análise política nestes días do verán. Prefería, explicaba, perder o tempo na contemplación do lance vital entre un merlo e unha gata cincenta. É unha incitación moi suxerente pero vouna aparcar polo de agora. Porque quero falar dun libro ben quentiño, da autoría do historiador británico Tony Judt. Os seus editores titulárono por estes pagos coa frase que encabeza este artigo, imaxino que aínda conmocionados por todos os avatares económicos e sociais dos últimos tempos. Non agarden por un ensaio requintado, estenso (e denso) porque non se trata diso. É un conxunto de pequenos comentarios, relativamente enfiados, que teñen como punto común a percepción de que este modelo social está nas derradeiras boqueadas. Neles, Judt deita opinións sobre a crise económica, a desfeita ecolóxica e, un tema recorrente na súa traxectoria, sobre a agonía da esquerda. Dí, de feito, que a esquerda de hoxe carece de ideoloxía, for a esquerda máis "radical" ou aquela que sempre se identificou coa socialdemocracia. Na súa opinión, a desaparición do "socialismo real", ou do comunismo se se prefire, foi unha coitelada mortal para aqueles que se reclaman marxistas (¡que dicir dos leninistas!) pero, ao tempo, tamén apagou a coartada socialdemócrata de presentarse como a variante democrática e mesmo liberal da esquerda ultramontana. É, non teño dúbidas, un asunto complexo pero non semella, visto o que acontece polo mundo, que se poida desbotar sen máis a tese da inanición ideolóxica.

Porén, hai outro apuntamento que me parece moito máis actual: o alonxamento persistente dunha parte da cidadanía occidental a respecto da participación política. Judt, por razóns obvias (faleceu en 2010) non coñeceu o movemento do 15M pero xa advertía do que calificaba como a "insoportable levidade da política" e alertaba, de paso, contra o desmantelamento de todo aquelo que cheiraba a público e do déficit democrático que atravesa as sociedades contemporáneas. Algunhas das súas críticas, curiosamente, apareceron reflectidas nos cartaces e faixas que enarbolaron moitos dos que se identificaron co movemento dos "indignados". Así foi como os políticos, que non a política, ben fose en canto estruturas partidarias ou ben como individuos que protagonizaban o debate público acabaron por seren identificados como parte do problema social (e non como a solución) e iso, máis alá de manipulacións puntuais, revela un inequívoco descontento de fondo que non ten, na miña opinión, tanto que ver coas características persoais dos dirixentes políticos de hoxe (aos que, por certo, Judt alcuma en xeral de mediocres) como co previsible esgotamento dun determinado modelo de participación política.

A estas alturas, semella que o sistema baseado na existencia de partidos de masas está en crise terminal. O artefacto construído a cabalo dos séculos XIX e XX, que permitiu a incorporación e o protagonismo na actividade política das clases medias e dos sectores populares, e que ofreceu un avance incuestionable en relación aos grupos de notables que monopolizaron o poder político logo do trunfo das revolucións liberais, aparece agora mesmo como unha codia resesa, pechada ao diálogo fluído e aberto con amplas capas da sociedade. Pódense buscar as teorías conspirativas que mellor agraden, pero o certo é que moita xente (e moita dela, nova) aborrece do actual modelo político e non ve nos actuais partidos máis que estruturas de poder viradas cara a perpetuación de castas e intereses particulares. Inxusto para algúns. Non hai máis que ver a perplexidade dos parlamentarios do BNG cando recibiron insultos e apupos dos indignados ás portas do pazo do Hórreo. Na idea deses deputados e deputadas que alí penaron, se algo caracteriza ao BNG é que se trata dunha organización "non homologable". Non homologable? É evidente que o discurso do nacionalismo é un tantiño bipolar pero non penso que haxa persoa neste país que teña aos nacionalistas por compatriotas non homologables. Por máis que algúns alimenten a inxenuidade de que con catro consignas xa está gañada a rareza. O BNG está, a estas alturas, tan homologado como o que máis e, xustamente, só o seu carácter de forza soberanista podería situalo fóra da tal homologación, cando menos no que se refire á articulación do modelo territorial do Estado. E a propósito dese alonxamento entre cidadanía e partidos tan só un pequeno apuntamento. Non hai tanto que Izquierda Unida de Extremadura acordou facilitar a chegada do Partido Popular á presidencia da Junta. É máis que probable que o incremento nos sufraxios da coalición se deba á fuga de antigos votantes do PSOE fartos da prepotencia e do ensimismamento desa organización. Pero dubido moito que tales votantes aceptaran de bo grao favorecer ao PP. En todo caso, obviamente, eles non foron consultados. A resolución, como é sabido, correspondeulle á reducida  militancia de Izquierda Unida. Digo eu que será por iso, para corrixir o desfase, que o Partido Socialista francés acordou abrir a participación nas súas primarias presidenciais a todos aqueles simpatizantes que pagasen un euro.

E para rematar. Se o modelo de participación política perfilado no século XIX é intocable á altura do XXI, algo vai mal (non, moi mal) e, por suposto, o detalle ten moi pouco de dialéctico. Non hai tanto que a maioría do BNG apostou pola eficacia (ver, as asembleas por delegados) en prexuízo da participación aberta. Non sei se é moi alentador, pero homologable por suposto que sí o é. E iso tamén o sabe certa cidadanía. Por certo, a gata acabou por papar ao inxel merliño.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña