12:07 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-03-2010

O Conselleiro Samuel Juárez non é quen de asumir as súas reponsabilidades e ter un proxecto agrario de futuro

A xubilación do noso agro

Valorar (5)

XURXO ÁLVAREZ PÉREZ


Hortoescola de A Mezquita no ano 2008

Estes días, está no candeleiro o debate das xubilacións, que se o goberno do PSOE quere aumentar a idade até os 67 anos, que se temos que facer plans de pensión, etc. Menos mal que aínda non nos queren quitar a Xubilación por incapacidade, pois en según que profesións é difícil atopar quen chegue os 65 anos en condicións de defender o seu traballo, aínda que hai quen nunca estivo capacitado, e sería moi recomendábel darlle a invalidez absoluta por non poder realizar as súas funcións. No caso dos labregos e labregas temos un que o merece, e teno ben gañado, neste artigo vou tratar de demostrar a condición de invalidez do señor Samuel Juárez, que quén é? pois non é otro, mais que o señor conselleiro do Medio Rural, abonda con resumir a política desta consellaría no último mes, para decatarse do seu grao de invalidez.

Este dirixente político, encargado de orientar e definir as políticas agro-gandeiras para o noso País está actuando de xeito totalmente agresivo contra dos nosos intereses. Empeñado en botar abaixo todos os logros acadados co anterior goberno nacionalista na consellaría do medio rural, o señor Juárez non ten ningún reparo en paralizar certas medidas estruturais xa en funcionamento.

Quixera citar algúns exemplos prácticos:

1º.- Ten paralizados a maior parte dos proxectos das unidades de xestión forestal (UXFOR) destinadas a promover o aproveitamento, de forma comunitaria, dos montes abandoados, e mentres dura a "parálise" seguiremos a ter un monte improdutivo que nun futuro curto voltará a ser pasto do lume.

2º.- O Banco de terras de Galiza, (BANTEGAL), destinado a promover o arrendamento de terras de cultivo en situación de abandono, medida moi atinada sobor de todo para a gandeiria, xa que incidía positivamente no abaratamento dos custos de produción (recoñecido polo propio conselleiro nun discurso na coperativa Feiraco), tamén segue "paralizado" no caixón.

3º.- O sector lácteo está a atravesar un momento delicado polos altos custos de produción (debido a necesidade da compra de insumos), e con baixos ingresos (pola caída dos prezos do leite). As explotacións están a piques da creba económica, e sae o señor conselleiro púbicamente dicindo que as partes (produtores e industria) teñen que achegarse para acadar o contrato homologado. Pero que fai o máximo responsábel? pois en lugar de traballar polo "achegamento" o señor conselleiro danos "consellos", graciñas pero para eso non o precisamos, pode seguir coa sua "parálise".

4º.- O sector de vacún de carne, leva anos subsistindo coas axudas estabelecidas pola UE para compensar as caídas dos prezos (na explotación, non no mercado). Na anterior lexislatura o nacionalismo puxo en marcha medidas para compensar a difícil situación económica das explotacións de carne de vacún: coas axudas a razas autóctonas, e o contrato de explotación sustentábel, nestes días a  consellaría reduciu de xeito considerábel as contías, destinando a razas autóctonas 1,5 millóns de euros menos, e una redución de 5 millóns de euros para as explotacións sustentábeis.

5º.- Na comarca da Limia, chove sobre mollado, e nunca mellor dito, pois veñen de declarar a maior parte dos terreos destinados a produción da pataca como zona de protección de aves (ZEPA), incumplindo una promesa electoral, e un acordo do parlamento galego (a proposta do BNG) que foi aprobado por unanimidade, no cal se facía referencia a que se negociaría coas partes afectadas antes da declaración de zona como ZEPA. Logo veu o temporal que destruiu a colleita de cereal de inverno, máis de medio millón de euros de perda, sen contar os destrozos nas naves de almacenamento de maquinaria e patacas onde os donos destas teñen que facer garda (ao mellor estilo do "oeste" americano) para que non os rouben. Ante esta situación nas terras da Limia, o señor conselleiro, onde está? Segue a parálise!. Polo que eu puiden saber, na Limia o PP está máis preocupado polo futuro alcalde de Xinzo (se baltarista ou feixoista) que polos problemas dos deus veciños e veciñas.

Se diante desta situación de "parálise", na que o futuro do noso agro se ve seriamente comprometido, o señor Samuel Juárez non é quen de asumir as súas reponsabilidades e liderar un proxecto de futuro, haberá que solicitarlle a xubilación anticipada por incapacidade, pois pedille a dimisión sería tempo perdido...

[19-03-2010 ] Medios comentou:

Na escola diciannos na asignatura de economía, quenn pais con un sector primario moi desenvolvido, lease con moita man de obra unha porcentaxe elevada da renda nacional, era un pais subdesenvolvido. Coido que esta teima por contraer o sector productivo e desenvolver o sector servizos (non o industrial) das economías capitalistas, estamos vendo a onde nos levou. Pero o que está claro e que quen leva o timón agora mesmo segue una despolítica que vai na mesma linea. Co Camarada Alfredo Suarez Canal á fronte da consellería, parecemos recobrar esperanza de que a tendencia se invertise e que recobrásemos a cordura ao apostar por un sector sólido, competitivo (por moito que se empeñen en demostrar o contrario), e por dignificar un sector estrátexico para fixar a poboación e aumentar a taxa de natalidade en un pais con crecemento vexetativo nulo e enormes desigualdades territoriais.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal