11:56 Domingo, 08 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-06-2011

O paquebote esmaltado (cartografías da cultura)

@ escritor@ no labirinto: do devezo ao desleixo

Valorar (13)

CARLOS NEGRO



Contempla o teu rostro: posúes oficio e imaxinación abonda; dominas códigos temáticos e estruturas narrativas, detectas con olfacto de sabuxo asuntos suxestivos que permiten o deseño dunha trama atraínte para un público heteroxéneo, conflitos e tensións que van conformando, con eficaz profesionalidade, ese microcosmos de palabras denominado texto literario.

Posúes tamén esas calidades externas á propia obra que resultan acaídas para se mergullar nos procelosos océanos do mercado editorial: vontade de triúnfo, perseveranza no esforzo e certa habilidade para petares no momento xusto nas portas oportunas, sen recibir en troques unha puñada de indiferenza nos fociños.

Por suposto, hai tempo que xa non concibes o exercicio literario con función patriótica nin con ánimo experimental; interésache, antes que nada, resultar accesíbel a un amplo espectro de lectoras e lectores, de todos os ámbitos e idades, co obxectivo de obter un recoñecemento público que se poida medir non só polo respecto do gremio, senón sobre todo polo agarimo do público; interésache, con todo dereito, degustar o doce caramelo do éxito, o zucre que lle presta bo sabor á autoestima.

Con ese obxectivo preséntaste decote aos premios literarios; ás veces, mesmo con certo frenesí compulsivo, non dubidas en probar sorte de modo simultáneo en diferentes certames, con textos que alancan de convocatoria en convocatoria e de xurado en xurado; e se fai falta, es quen de apostar varios inéditos á mesma carta, para aumentares as probabilidades de que a fortuna che resulte propicia. E se o tribunal académico ignora a presenza dos teus textos, sempre se lle pode suxerir con discreta elegancia que ti pasabas por alí, por se acaso non se decatara.

Deste xeito, e non sen mérito, vas perfilando un currículo prolífico dentro da minúscula república das letras galegas: hai uns meses dabas ao prelo unha novela de posguerra, hoxe un conto infantil, máis adiante quizais unha serie detectivesca, antonte un relato histórico, se cadra nun futuro próximo algún poema solto nunha escolma colectiva... e tamén que non falten o blog literario e as mensaxes no Twitter. Porque a cabeza non para e hai que comunicalo todo, cada día, cada hora, a cada pouco.

Mais, ás veces, cegad@ polo ouropel desa febre tan común denominada vaidade, e que de súpeto nos fai medrar unha cuarta diante dos espellos, tendes a esquecer, así como quen non quere a cousa, dous pequenos detalles que actúan de termómetro acerca da saúde estética dos textos que ofreces ao xuízo público.

O primeiro ten que ver co esmero lingüístico, entendido como o proceso de depuración da materia orgánica da lingua, ata lograr transformala nunha peza de ourive, nunha trabe de ouro que sosteña a encarnadura do estilo. Se cadra por iso, algúns lectores de padal delicado padecen con tristura as eivas evidentes de certos textos que semellan escritos a lume de carozo, presuntamente en galego, mais cun cheiro sospeitoso a tradutor automático, a idiolecto que emite brillos de falsa moeda. Textos que reducen o estilo, no mellor dos casos, a unha melodía de ritmo monocorde, e no peor, a unha máscara que agocha o alento íntimo dun castelán mal disimulado.

O segundo ten que ver coa paciencia creativa, entendida como esa consciencia que nos van dando os anos de que a xenialidade resulta un don moi escaso, que case nunca está da nosa parte; se cadra por iso as mellores obras literarias adoitan ser un prato cociñado a lume lento, sen présas nin prazos, ata que cada palabra acada o punto de cocción que marca a diferenza entre o apresuramento e a exactitude. Unha actitude de autoesixencia que o escritor Juan Ramón Jiménez transformou en fulxente aforismo: "Ningún día... sin borrar una línea y sin romper un papel." *

Ningún día sen nos lembrar de que máis alá do recoñecemento público, tan lícito como fugaz, escintila na sombra a profunda honestidade da obra ben feita e mellor rematada. Ou como tamén deixou escrito o poeta de Moguer: "En nuestra obra puede quedar algo que no hayamos visto, nada que no hayamos mirado."*

Este, e non outro, vén sendo desde sempre o angosto camiño que conduce á excelencia literaria... Non si?

* Obras de Juan Ramón Jiménez; Río arriba, selección de aforismos, recopilación e prólogo de Juan Varo Zafra, Visor Libros, Madrid, 2007.
 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña