03:37 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-06-2011

Neste mundo tan confuso e globalizado, a peor cegueira é a alimentada nos pobos periféricos polo deseño globalizador

Cegueira inducida

Valorar (38)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Castelao (cegos)


Un artigo de Moisés Naín, "EEUU: tres puntos ciegos" (El País, 29, maio, 2011), referíase a problemas que non afloran na conversa dos estadounidenses por vergoña, dor ou por non vérenlles solución: o fraudulento gasto militar, o debilitante xigantismo de Walt Street e a sorpresa hispana. É algo así como os medos que aboian do inconsciente, sen que se lles permita xogar plenamente na conciencia, e menos na disposición práctica. Teño cavilado moitas veces nos puntos cegos, nos problemas reais, que non ocupan lugar na conversa dos galegos e das galegas. Sen dúbida existen, están, pero faise, actúase, como se non existisen. No noso caso, non sei se é por vergoña, dor ou considerárense irresolúbeis. Máis ben ten a ver coa ignorancia cultivada, o atordamento orquestrado, a mala conciencia ou a simple acomodación aconflitiva. Este descoñecer ou non querer saber, esta desviación da cavilación, esta negación, afastan os focos da nosa realidade. Fica así esvaecido o nosos rostro real, impedindo detectar as nosas deficiencias e inconsecuencias, único camiño para podermos mudar, de verdade, a nosa situación.

Un dos problemas que está, pero se obvia, é a asunción, sen ambigüidades, da nosa identidade colectiva, non só no plano exclusivamente lingüístico e cultural, senón como unha identificación práctica da nosa condición de galegos e galegas. Prefírese unha acomodaticia convivencia ideal que se resolve, na vida cotiá, nunha total submisión aos deseños da españolidade. A nosa condición de galegos e galegas fica deste xeito reducida ao gastronómico e ao sentimentalismo familiar. Certo que, cando desde o poder se fixo unha agresión directa, sen ambigüidades, tamén no plano discursivo, non digamos no práctico, contra un signo distintivo da nosa identidade, como a lingua, querendo acelerar o proceso de destrución e negación, houbo unha reacción colectiva que excedeu os ámbitos dos confesos. Unha reacción inesperada para os que deseñaron o plan que pretende que o sentimento de españolidade na Galiza sexa non só dominante senón exclusivo e excluínte. Outro problema do que se foxe, vinculado tamén ao noso papel na España, é o das consecuencias para nós da integración do Estado español na Unión Europea. Evidentemente son catastróficas, mais non se quere pensar nelas e menos tirar algunha conclusión práctica, como se estivésemos no mellor e único dos mundos posíbeis.

Porén, destes problemas, derívanse cuestións de grande transcendencia práctica. Por exemplo, a forma de encarar as relacións con Portugal, a nosa forma de estarmos no mundo, a consideración da nosa lingua non como unha pexa senón como unha oportunidade, a capacidade para pensar por nós mesmos e con absoluta independencia da ignorancia cultivada e do atordamento orquestrado, asumindo a defensa dos nosos intereses como pobo...Seríamos conscientes, e consecuentes, da inviabilidade dunha sociedade, como tal, se se prescinde da agricultura, ou se se vai aminorando até o raquitismo a súa capacidade de producir.

Un terceiro punto cego, asumido con ignorancia inducida e cultivada, como verdade que non admite discusión, é a idea da nosa incapacidade financeira ou fiscal: ese tópico, que case ninguén ousa discutir, de que estamos subsidiados ou mantidos desde fóra, grazas á solidariedade de España. Non pode nin debe haber debate ao respecto. A incapacidade, lémbrasenos, é case conxénita. Mesmo fica choida a análise de, se noutro marco e con outra función ou papel, o país tería capacidade por si...Non é difícil de entender que, con esta renuncia a pensar por nós sobre problemas determinantes, cunha cegueira tan rechamante perante á realidade que nos circunda, mesmamente se vaia cavando máis fondo a nosa total falta de memoria histórica como pobo, a desinformación e descoñecemento a mantenta que se nos vai inoculando sobre nós mesmos. Galiza vai desaparecendo da historia como pobo, como entidade de seu, específica, cunha existencia anterior, diferente á de España, tal e como hoxe a coñecemos.

A opinión pública americana está desorientada, narcotizada, por unha política exterior agresiva que se enuncia no seu ben. Tamén por censuras sobre si mesma dos poderes que a aferrollan, e polos medos que transmiten. A nosa está desorientada e anulada por focos de atención sobre realidades externas ou problemas importados e menores que se viven como propios e prioritarios. Alí pode haber silencio e tabú cómplice ou non. Aquí hai, desorientación e despego, desviar a vista, dos nosos problemas cruciais. Unha especie de alienación que nos fai inexistentes para nós mesmos. Practicamos, con soberbia suicida, dentro dun individualismo extremo, como un catecismo aprendido, o exercicio da solidariedade con todos, menos con nós mesmos.

Se nos EEUU viven co síndrome da autodefensa continua contra imaxinarios inimigos externos, nós vivimos en perpetua deixación da nosa responsabilidade colectiva, mirando todo o que vén de fóra como a verdade, o maná, o inevitábel, o rumbo a seguir...o único merecente de conversa, a permitida e a incentivada...Porén, habería que cavilar algo máis sobre quen se fai cargo deste país, sobre que política resulta a única que nos coloca no mapa, a única efectiva para mudar a nosa situación, a que se confronta con estes nosos puntos cegos e intenta tirar algunha consecuencia práctica...Si, si, precisamente neste mundo tan confuso e globalizado, a peor cegueira é a alimentada nos pobos periféricos polo deseño globalizador. E Galiza, cómpre non esquecelo, é periferia do sistema, cunha xa dilatada experiencia histórica do que significa.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña