03:28 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-06-2011

O euro é unha soga que afoga aos povos de Europa

Secuestrar a Grecia para rescatar a banca

Valorar (55)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



O terremoto da crise devasta as periferias e aos povos de Europa poren o seu epicentro situase na mesma xenética do proxecto europeo e do núcleo de poder que o dirixe. Unha restruturación da débeda pública, xa non digamos o impago, por parte dos estados periféricos da Eurozona, provocaría a quebra de boa parte do sistema financeiro de Alemaña e Francia así como o estrangulamento de boa parte dos sectores económicos dirixidos actualmente a exportación. É lóxico entón que os capaces da oligarquía na rexión, isto é a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional, veñan de aprobar un novo crédito para Grecia e preparar novos fondos para Irlanda e Portugal. En definitiva tratase de secuestrar a Grecia para rescatar á banca.

A débeda grega situase arredor dos 500.000 millóns de Euros, a metade privada e a outra metade pública. Só un 19% desta última é propiedade de entidades financeiras helenas, correspondéndolle a titularidade de preto do 60%(136.858 millóns de Euros) á banca francesa e alemana, sen esquecer o risco asumido polas entidades de crédito portuguesas que teñen investidos o 5% do PIB do país veciño en bonos gregos. Así as cousas unha refinanciación ou unha quita da débeda non só implicaría perdas directas para a banca que ten débeda soberana en euros, ou a desvalorización dos activos da mesma e a conseguinte rebaixa da cualificación crediticia, ou o aumento das dificultades de financiación senón que desestabilizaría ao conxunto do sistema financeiro internacional como consecuencia da súa particular prima de risco fixados nos CDS a maior parte delas empaquetados en produtos derivados. Non había discrepancias entre Merkel e Sarkozy, simplemente puxeron en escena unha comedia para consumo interno da cidadanía alemán, á hora de acordar o novo crédito posto que os intereses converxían, nin tampouco tiveron nunca intención de axudar a Grecia, unicamente movíaos a intención de evitar o colapso dos sistemas financeiros do seus estados.

Os Planos de Axuste non só implican un empobrecemento xeneralizado das maiorías sociais ou a destrución do tecido produtivo propio senón que se demostran incapaces de conseguir os obxectivos que din perseguir. Os prestamos europeos e do FMI con altos intereses que impoñen recortes do gasto público para reducir o déficit conducen a diminución da actividade económica, alongando a recesión cun elevado desemprego que reduce as rendas e o consumo e, por conseguinte, reduce os ingresos públicos aumentando o déficit, porque o sistema fiscal fórono moldeando, ao servizo das esixencias do capital. E ante este deterioro, os bancos que mercan débeda grega, por poñer un exemplo, esixen maiores intereses, o que supón un maior custo que a súa vez incrementa o déficit público e a necesidade de máis prestamos. Entendamos, este é o circulo vicioso, no que se move o capital en busca da rentabilidade, algo que vai ser alimentado co novo préstamo a Grecia de 95.000 millóns de Euros. Non sexamos inxenuos, toda esta mecánica forma parte dunha deliberada política de clase, que como xa se ten acreditado noutros estados sometidos as terapias do FMI, aspira a redistribuír a factura da crise garantindo o lucro dos sectores oligárquicos e facendo recaer as consecuencias da mesma as clases populares.

A situación a que ten chegado Grecia e outros estados da periferia Europea, podía ter sido amortiguada en parte cunha política diferente por parte dos mandatarios europeos e tamén helenos. No caso grego, o executivo está en condicións de obrigar a restruturar a débeda á banca, só a negativa do goberno grego a non pagar ou a propoñer unha quita parcial da mesma, como se fixo en Arxentina, dadas as enormes perdas que tería que enfrontar o sistema financeiro internacional, obrigaría aos acredores a modificar as condicións de pago. Sen entrar na orixe da débeda soberana, as políticas fiscais regresivas e os rescates bancarios, debemos referir o escandaloso das políticas do BCE que presta a banca diñeiro ao interese do 1% para que merque débeda grega ao 9%.Mais non sexamos inxenuos, o euro é unha soga que afoga aos povos de Europa, non habendo máis alternativa para enfrontar a actual crise, que a ruptura coa moeda única e o rescate por parte dos Estados das súas competencias en materia de política monetaria. Competencias monetarias, para restaurar a capacidade de compra dos seus cidadáns, incentivar a actividade económica e restaurar o tecido produtivo no seu marco de decisión, pola vía da devaluación. Competencias monetarias, isto é a capacidade de emitir moeda, o que permitiría aos estados cubrir as súas necesidades de financiación, sen ter que acudir aos mercados financeiros. Competencias monetarias, tamén, para definir unha política fiscal progresiva... o resto milongas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña