08:59 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-06-2011

Isaac Díaz Pardo púxolle cor ás mesmas atrocidades que Castelao denunciou nas súas estampas da guerra

Os rostros do horror na pintura de Giotto, Goya e Díaz Pardo

Valorar (5)

MANUEL LÓPEZ FOXO


Isaac Díaz (os afogados)


Na catedral de Mondoñedo, ademais da fermosísima pintura sobre cobre que se conserva na sancristía gótica, na que figura un grupo de músicos con laúde, óboe e pandeireta, sempre nos chamaron a atención os frescos alusivos á Degolación dos inocentes que se poden ver sobre as paredes do lado da epístola e do evanxeo. Esta representación pictórica da matanza que levaron a cabo os soldados do rei Herodes atopámola moitos anos despois na visita que fixemos á capela dos Scrovegni, na cidade de Padua, e non lles minto se lles digo que este fresco de Giotto deixounos impactados para sempre polo forte dramatismo que expresa a escena. O realismo e o horror que Giotto plasmou nesta pintura conmoveunos de verdade e mesmo nos marabillou máis que o grande e espectacular Xuízo Final, que ocupa un espazo de setenta e cinco metros cadrados, ou que o grandioso teito da capela, con máis de setecentas estrelas.

Giotto di Bondone xa era un dos nosos artistas máis amados desde que contemplamos a marabilla gótica do Campanile e a súa obra pictórica nos Uffizi e nas igrexas florentinas de Santa María Novella, Santa Croce e Ognissanti. Mais ningún crucifixo seu sobre táboa nin pintura súa sobre parede nos causou tanta emoción como A matanza dos inocentes da capela dos Scrovegni. Non tivemos aínda a oportunidade de poder ver as Historias bíblicas da basílica superior de Asís, pero creo que non nos entusiasmarán máis que ese fresco de Padua no que o pintor expresou toda a desesperación, o horror e a dor das nais daqueles nenos que pagan coa súa vida o terror do rei Herodes. Non hai ningún outro fresco na historia universal da pintura que supere a tensión dramática e a denuncia da violencia que atopamos nesta escena que nos deixou Giotto na capela dos Scrovegni.

Goya será outro dos xenios da arte preocupado pola barbarie, a guerra ou a loucura, até o punto de converterse nunha testemuña dos horrores, nun cronista das atrocidades e da brutalidade da que é capaz o ser humano, nun militante activo contra a violencia. O pincel de Goya é implacábel despois de contemplar cos seus propios ollos os fusilamentos na montaña  do Príncipe Pío. O 3 de maio en Madrid que podemos ver no Museo do Prado é unha obra mestra que representa como ningunha outra pintura o horror da guerra. Fronte ao pelotón de execución, formado por soldados que carecen de rostro e actúan como unha máquina de matar, destaca no centro do cadro a dignidade das vítimas inocentes expresada a través dunha personaxe de camisa branca e brazos alzados como un poderoso berro contra aquel acto irracional e salvaxe. Dentro do extraordinario realismo que posúe o lenzo impacta tamén en nós o home que fica no chan entre un regueiro de sangue. O artista, máis que inmortalizar un tráxico feito histórico, o que pretende é denunciar os horrores da guerra, igual que fará Picasso co Guernica un século máis tarde. Outro rostro do horror que nos deixou Goya foi o coñecidísimo óleo Saturno devorando a un fillo, obra capital da historia da arte figurativa europea, que algúns críticos interpretan como unha alegoría do Santo Oficio ou do poder do absolutismo de Fernando VII.

Seguramente cunha certa influencia do Goya que pintou os fusilamentos do 3 de maio, temos na pintura galega Os afogados de Isaac Díaz Pardo, unha obra que nos conmove profundamente e nos transmite cunha extraordinaria forza expresiva a traxedia da morte. Aínda que o cadro ten por título Os afogados e aínda que recolle varios elementos mariños, na nosa humilde opinión o título podería moi ben ter sido Os fusilados, igual que a representación do lenzo de Díaz Pardo que forma parte da colección da Deputación da Coruña ten máis a ver cun mitin que cun discurso. Mais un e outro cadro (Os afogados e O discurso, datados os dous en 1946) foron pintados polo autor nos anos inmediatamente posteriores á Guerra Civil e poñerlle a eses dous lenzos outros títulos é posíbel que fora naquel momento motivo suficiente para que tamén fusilaran ao artista.

Díaz Pardo, fillo do escenógrafo Camilo Díaz Baliño, fusilado nos primeiros días do 36, fórmase en Compostela no ambiente artístico e intelectual do galeguismo, e tras a morte do pai, e ante a imposibilidade de facerse arquitecto, realiza estudos na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Posteriormente viaxa a Italia e coñece os museos de Roma, Siena e Florencia, unha experiencia que terá unha influencia decisiva na súa obra pictórica. Tanto a traxedia da Guerra Civil como a pintura que el contempla e estuda no Museo do Prado e nas pinacotecas italianas están moi presentes neste lenzo que titulou Os afogados. A composición clásica do cadro lévanos directamente a Goya, a Tintoretto ou a Miguel Anxo e o sangue que vemos no lenzo trasládanos claramente ao 36. Díaz Pardo, nunha escena de luz e de penumbra, ponlle cor ás mesmas atrocidades que Castelao plasma e denuncia uns anos antes nas súas coñecidas estampas da guerra, recollidas nos álbums Galicia Mártir e Atila en Galicia.

Está claro que un artista como Isaac Díaz Pardo, co seu pensamento político, coa súa preocupación social e coa súa vivencia persoal, non podía acabar sendo un pintor de retratos da burguesía coruñesa e menos aínda un pintor do Valle dos Caídos ao servizo da ditadura. Antes diso preferiu abandonar os pinceis, aínda que nesa decisión puido ser tamén determinante a admiración que el sentía polo seu grande amigo Luís Seoane, un artista radicalmente diferente a Díaz Pardo na súa expresión plástica. Fora polo que fora, Isaac deixou a pintura xusto cando empezaba a ser un artista recoñecido dentro e fóra do país, mais fíxoo tras entregarnos obras tan extraordinarias e de tan profundo dramatismo como o cadro pintado en homenaxe aos fusilados, un lenzo que naceu seguramente da súa propia dor pola tráxica morte do pai e de tantos outros homes ametrallados nas cunetas do país naqueles días de violencia e terror do verán do 36 e tamén da súa indignación e a súa carraxe pola represión e a barbarie que sufriron durante un longo tempo moitas mulleres galegas, entre elas a súa propia nai, Antonia Pardo Martínez, e súa irmá, que viviu o terríbel momento de recoller o corpo do pai, paseado unhas horas antes en Palas de Rei. Esa é a verdadeira traxedia humana que aparece no cadro que Isaac Díaz Pardo titulou Os afogados, no que nos estremece sobre todo o rostro do home que xace morto no chan, cos ollos invadidos polo horror e cun tiro na cabeza.


[24-06-2011 10:40] Ceive comentou:

Marabillosa a obra pictórica de D. Isac Diaz Pardo. Fai pouco tempo tiven o pracer de vela, nunha exposición antolóxica na sala da Casa da Parra, e coincido co autor do artigo, en que perdemos un grande pintor.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña