06:09 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-03-2010

Pouco ten a ver esta progresía coa que noutros tempos defendía a ampliación das liberdades públicas

A esquerda fíxose progre. R.I.P.

Valorar (136)

BAUTISTA ÁLVAREZ



¡Tempos aqueles! Tempos aqueles cando a esquerda era o reverso da dereita. A esquerda dos escravos que loitaban por tronzar as cadeas, por darlles de comer aos que non tiñan pan. Para ela estaba claro que o mundo se dividía entre servos e señores, e que a confrontación social estaba entre amos e criados. Ben sabía que pouco importa mudar de roupa, se debaixo dela fica sempre a mesma mona, e que para redimir o mundo hai que comezar por transformar a base.

Agora fíxose progre. Pouco ten a ver esta progresía coa que noutros tempos defendía a ampliación das liberdades públicas. ¡As liberdades! Pouco terán de públicas cando ao rico lle permiten escoller entre un leito de plumas ou de la, mentres o pobre ten que durmir na campía ou debaixo dunha ponte. O pensamento burgués resolveu de maneira axiomática a contradición aparente. A contradición que subxace entre a ponte do servo e a cama do señor. Quen dorme á intemperie non é por reprimido. Ou é por folgazán ou por unha eiva conxénita, coma a neno que naceu co tangaraño. Así apanda a natureza e os malos espíritos coas culpas do sistema.

Esta é a interpretación da liberdade preferida polo país que lle adicou unha estatua. Agás para niño de paxaros ou lecer de turistas, para pouco máis serve esta dama de ferro de duascentas toneladas. O presidente Gover tivo o acerto de situala a grande altura e ollando cara o mar, non fose caer na tentación de utilizar o facho que leva aceso na man dereita para porlle lume a Wall Street. Pois ben, ese país, sen pontes dabondo para dar pousada aos seus eivados, vai levar a democracia -a golpe de balazos- a Irak e Afaganistán, após de rematar con éxito a misión civilizadora en Indochina. Autoproclamado redentor dos pobos, pensa que a única semente de liberdade está monumento erixido na insuíña de Bedloe en Nova York.

E cando foi a Vietnam de misioneiro, para esconxurar a selva con bombas de napalm, aquela esquerda, a que non fora aínda tocada polo tangaraño pequeño burgués da progresía, saíu á rúa e dirixiu o seu dedo acusador contra o imperialismo ianqui. Agora anda ocupada con noutras cousas. En acabar co Sida, para que os negriños de África non teñan que escoller entre morrer doentes ou de fame. En darlles auga aos que non teñen pan que levar á boca. En integrar dócil e mansamente dentro do sistema os que o sistema previamente marxinou. Non sae á rúa en manifestación, pero adorna as lapelas con elegantes lazos de cores nas efemérides escolleitas para lavar conciencias. Tamén participa, gabanciosa de ser ben criada, hipócritamente compunxida, nas exequias que o poder organiza para honrar os defuntos que enviou para matar. Mortos que foron vítimas da crueldade terrorista, xa que caeron derrubados por balas que non pasaron pola pía bautismal do invasor. As bombas deste, purificadas no santuario imperialista, non son armas letais. É auga bendita que o ceo envía para redimir infieis. Os cruzados de hoxe profesan o mesmo credo que no medievo defendían os guerreiros acaudillados, entre outros, polo duque de Lorena. Daquela, as ansias redentoras de Occidente deveceron, dalgunha maneira, cando Colón atopou camiños novos para chegar ás riquezas do oriente asiático. ¿Acougará agora cando os pozos do Golfo Pérsico deixen de xurrar petróleo?

Antes, a esquerda europea mobilizábase cando os USA facían as guerras unha a unha. Agora a progresía permanece calma cando as fai a pares. Primeiro baixou o puño, para agachar a cabeza deseguido. Substituíu a ideoloxía proletaria polos fetiches que puxeron de moda os teóricos burgueses. Non está mal que se pelexe a gratuidade da pilula anticonceptiva, pero semella unha provocación  se esquecemos os que remexen no caldeiro de lixo á procura de produtos caducados para alimentarse. Non estou a falar dunha favela brasileira. Pasemos calqueira noite polos colectores  que hai ás portas dos supermercados de por aquí. A educación sexual obrigatoria, os obradoiros de masturbación, a min lémbrame aos vomitorios nos que os patricios romanos trousaban o seu fastío. Para educación, a que imparten os maleducados contertulios da televisión.

Cantos pensionistas, a maioría con pagas inferiores aos catrocentos euros, teñen que aboar facturas arrepiantes para repor a dentadura ou curar unha enfermidade ocular. A preocupación da esquerda, da esquerda, da esquerda que os burgueses consideran obsoleta, está nos ollos e nos dentes. A progresía de agora dá preferencia de paso -¡manda truco!- aos trasplantes de sexo na sanidade pública. Por se faltase algo, o país que está a desangrarse pola agonía dos sectores produtivos, aínda ten o humor de organizar exposicións eróticas. Pobres si, pero orgullosos da nosa riqueza progresista.

O sistema atopou a maneira de protexerse, desviando a rebeldía por carreiros que non conducen a ningures. Por exemplo, promovendo ONGs, que dun tempo para acá inzan tanto coma a grama. Veñen sendo o sucedáneo daquelas aristocráticas damas da caridade, que presidían todas  as mesas petitorias. ¡Que sería destas damas se non houbese pobres para desfacerse dos farrapos xa excluídos pola moda! Terían que matar o tempo no espello ou xogando ao bridge. Os labregos morren ás veces dun simple andazo. Os aristócratas, cando non poden saír de caza, dunha epidemia de aburrimento. Teño unha sincera consideración polo ecoloxismo. Amóscame, con todo, que sexan valedores de animais e non de proletarios. Ou que no Parlamento Europeo os Verdes se alien coa dereita -de cor azul- para poñer morado o vermello réxime de Cuba. Por certo, ¿por onde andan os ecoloxistas españois cando na pel de touro se celebran as touradas?

A progresía de hoxe ven sendo a filla ideolóxica daquela gauche divine que non tardou en trocar a revolución pola business. Farda moito falar de progreso e democracia, xa que serve para ocultar as inclinacións reaccionarias dalgunhas organizacións políticas. Coma ese partido, hai pouco destetado, dirixido por unha fémina que ousou televisar a xenofobia que España sente por Galiza. Para min non merece outro respeto que mostrarlle a miña digitus impudicus, pois coido que lle compre para tapar algún buraco necesitado. A súa torpeza consistiu en erixirse portavoz da xenreira que sempre nos tiveron os hispanos. A que puxeron en verso os Lope de Vega, Quevedo, Tirso de Molina, Calderón e Góngora. Ou sexa as máis floridas plumas do século de ouro. A que incorporou a RAE cando define o xentilicio. Contra iso non hai reprobacións que sirvan. Galiza imporá respeto -dixo Castelao- cando sexa capaz de declararse independente. Como fixeron en Kosovo. "Galicia non debes chamarte nunca española..." laiábase a nosa dignidade nos versos de Rosalía. Eu concreto o meu parecer no seguinte siloxismo en bárbara. Premisa maior: a xenofobia consiste na aversión ou hostilidade aos estranxeiros. Premisa menor: en España está xeralizada a xenofobia con Galiza. Ergo: os galegos somos estranxeiros en España. Vede a nosa condición nacional científicamente razoada pola lóxica escolástica.

Son consciente de que este artigo pode enfurruñar a esquerdistas de boa fe, a sinceros nacionalistas, que nalgún momento se deixaron engaiolar polo reclamo da progresía. Pídolles excusas. Ben sei que caeron por incautos, non por desviación ideolóxica. Son fumadores pasivos do opio co que o sistema fumigou a sociedade. Están a tempo de curarse. Se toman en consideración o meu consello, a experiencia serviralles de vacina, fará que madurezan para sacudirmos o xugo do pasado e derrubarmos entre todos a prisión na que seguimos engaiolados.


1 2 3 4 5 6 seguinte

[31-05-2010 17:22] Xabier comentou:

Guau... Todo encaixa neste artigo! Ata a foto é de 1917, máis ou menos...

O que está desaxustada é a sociedade actual. Pero iso é un detalle do que podemos prescindir. En realidade nunca nos interesou o que pensaba a sociedade.

[21-04-2010 ] Ceive comentou:

A esquerda actual deixase engaiolar polas directrices dos "grandes pensadores" de periódicos da caste de EL PAIS. Grande pensamento o seu; Bautista

[02-04-2010 ] politicamente incorrecto comentou:

Sigo dicindo que habia moito tempo que non lia un artigo tan clarificador. E insisto en que algunhas persoas que critican este artigo, só se fixan nunha frase, máis ou menos afortunada, e esquecen o resto do artigo. Unha pena que haxa tan pouca capacidade para lelo e, sobre todo, comprendelo en toda a súa amplitude. Cuanto progre solto. Saúdos

[31-03-2010 ] Filipe Diez comentou:

Chámame poderosamente a atención que os comentarios críticos co artigo de Bautista Álvarez se refiran case exclsuivamente ao bochornoso comentario machista incluído na súa parte dinal. E sorpréndeme porque, ao lado desde "desliz", Bautista Álvarez deixa deslizar no artigo outros trazos non menos rechamantes dun autorretrato ideolóxico simplemente deprimente. Vexamos:

- Represión moral mesclada con demagoxia: "o país que está a desangrarse pola agonía dos sectores produtivos, aínda ten o humor de organizar exposicións eróticas".

- Ignorancia mesclada con soberba a respecto da potencialidade das novas formas de participación política: "ONGs, que (...) veñen sendo o sucedáneo daquelas aristocráticas damas da caridade que presidían todas as mesas petitorias".

- Exaltación groseira e maleducada da dominación machista: "[Rosa Díez] non merece outro respeto que mostrarlle a miña [sic] digitus impudicus, pois coido que lle compre para tapar algún buraco necesitado".

E despois de todo iso, aínda se permite o luxo de perdoarnos a vida ás persoas que loitamos por unha esquerda plural, non dogmática, profundamente transformadora e capaz de alcanzar a hexemonía social: di de nós que somos "esquerdistas de boa fe, sinceros nacionalistas, que nalgún momento se deixaron engaiolar polo reclamo da progresía, (...) que caeron por incautos, non por desviación ideolóxica, (...) fumadores pasivos do opio co que o sistema fumigou a sociedade."

Pois mal que lle pese ao autor, algúns seguiremos inmunes ao opio do sistema sen por iso beber vodka de garrafón caducado, mentres destilamos novas fórmulas capaces de embriagar a sociedade de liberdade.

Por certo, nas favelas brasileiras as persoas non buscan comida no lixo. É o que ten falar de oídas.

Saúdos a todas(os).

1 2 3 4 5 6 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña