23:43 Venres, 15 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-03-2010

Este martes 16 de marzo, o acomplexado Feixóo traduciu ao español o "Alba de Groria" de Castelao para autoxustificar a súa deserción coa Galiza

Castelao asasinado no Parlamento galego

Valorar (35)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ


Parlamento de Galiza, 16 de marzo de 2010. Debate anual de política xeral. Para algúns de nós, debate sobre o estado da Nación. Comparecencia do Presidente da Xunta de Galiza (dúas horas) aproveitada para fixar unha nova, peculiar e pintoresca “doutrina galeguista”, que culminaba coa tradución ao español dun fragmento do “Alba de Groria”, discurso pronunciado polo patriota exiliado Daniel Castelao o Día da Patria Galega de 1948, publicado no número 463 de “A Nosa Terra” (xullo de 1948), e incorporado ao libro IV do Sempre en Galiza, segundo me confirma na mañá de hoxe a amiga e camarada Pilar García Negro.

Ollen o escándalo. O Presidente do Goberno galego traducindo ao español a Castelao nunha sesión formal do Parlamento de Galiza. Isto dío todo. Un Presidente “galego” reconvertido en asasino do legado e da obra de Castelao 60 anos após a súa morte. E todo isto, seica, no nome da liberdade e do galeguismo. Nobres e fermosos conceitos prostituidos por quen ten a obriga legal de defendelos. É o propio Castelao quen se revela e quen lle responde a este hipócrita, acomplexado, desprezábel e indigno Presidente:           

“Eu non cultivei endexamais a arte pola arte. A arte para min non foi máis que un elemento, un recurso, un meio de expresión. Co lapis ou a pluma só quixen ser intérprete fiel do meu povo, das súas dores e das súa esperanzas. Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra non ficaría nada dela.”
          

Xa pode ir agora Núñez Feixóo, el e a súa recua, outravolta, ao Panteón de Galegos Ilustres, e depositar flores no sartego do patriota de Rianxo. A desvergoña non ten limites para este fato de ruíns que conforman un goberno patético e infame, incompatíbel cos principios que defenderon até as últimas consecuencias nacionalistas como Castelao. Resulta incríbel que, 60 anos depois do falecemento do Irmán Daniel, haxa aínda quen, como Núñez Feixóo, asuma coa máxima obediencia as directrices que naquel entón (1950), e con motivo da súa morte, enviaba a franquista “Dirección General de Prensa”:


“Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: la noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán unicamente del fallecido sus carácterísticas de humorista, caricaturista y literato. Se podrá mencionar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la Misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro “Siempre en Galicia” ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.”           

No ano 2010 ao Presidente da Xunta non lle van abrir ningún expediente. Nin tampouco llo abrirían no 1950. Porque é fidel e servil criado desa mesma corrente de opinión que masacrou patriotas galegos naquela altura, e a mesma que hoxe persegue sen escrúpulos a existencia mesma do pobo galego con lingua e cultura de seu. Pobre Galiza, non te mereces gobernos nin presidentes mezquinos como os que padeces. Irmán Daniel, asasinado 60 anos despois da túa morte. Os seguidores da túa obra e do teu exemplo, os teus fillos, seguiremos adiante co teu legado. A loita continúa, Irmán.

1 2 seguinte

[22-03-2010 ] XOSE AUGUSTO GONZALEZ NAVARRO comentou:

ESE SEÑOR FREIJOO NON NOS REPRESENTA PARA NADA BEN, EU COMA OUTRO GALEGO DE MOITOS NA EMIGRACIÓN, SÍNTOME MOI DOÍDO POR ÉSTES PARVOS QUE NON REPRESENTAN BEN A GALIZA, MAIS ALÁ DE NON TER A MESMA IDEOLOXÍA POLITICA DE ELES, PENSO QUE NON MEREPRESENTA ESE SEÑOR FREIJOO, E TAMÉN QUE POIDEN APLAUDILO DEPOIS DISO, NON Ó ENTENDO. MOI BOA A PÁXINA, NOVAMENTE GRAZAS POR MANTERNOS EN CONTACTO COA NOSA TERRA. UNHA FORTE APERTA IRMANS DENDE A QUINTA: BOS AIRES.

[21-03-2010 ] sernad comentou:

Os romanos, con todo o seu imperio, tiveron que vir 3 veces pra conquistar o noso pobo despois de mais de 100anos; os mouros non deron entrado nas nosas terras pese a ocupar a peninsula durante seculos, incluso o cristianismo non foi quen dacabar ca nosa cultura paga; 500 anos de persecucion, de illamento, de difuminacion, de maltrato, etc. non puideron calar o noso pobo, quen carallo se creen estes agora pra pensar que poden acabar con nos?
Que segan os ataques, que sega o menosprezo, que segan as humillacions, a paciencia galega ten un limite que endexamais quixeran coñecer.
Denantes mortos ca escrabos!!!

[18-03-2010 ] Martina comentou:

Non teño palabras para expresar o que sinto, pero esta xente que sen dúbida sente unha especie de alerxia a todo o que signifique galego e Galicia, por qué non se vai a súa España querida dunha boa vez e nos deixa en paz.

[18-03-2010 ] marusía comentou:

Bateron en nós as FOP franquistas (Fuerzas de Orden Público), en Compostela , aquel 24 de Xuño do 1984 polo serán, cando quixeron "meter " o cadaleito do noso Patriota CASTELAO, maniobra que "manipulou a dereita franquista ( AP)", naquelentón, que ninsequer deixaron entar no Aeroporto pra "recebilo", "secuestraron" , "aldraxaron" , "asoballaron", que como digo, aquela tarde do 24 Xuño do 1984, "bateron" contra nós, que moitos de nós, quedamos mancados polas feridas producidas polas "porras" , daqueles "desertores da nosa cultura", por non dicir, do arado, pero o máis LAMENTÁBEL é , que xusto case, 26 anos despóis do acontecido , voltan a bater contra nós e a nosa Cultura, e mesmo "aldraxaron" e o que é máis grave, VIOLARON os textos de CASTELAO, na lingua que ÉL nunca aceptou como tal, pois ben, voltaron a " cargar" outra vez, as FOP ( pero desta foron , os Feixistas da Orde Pepeira ), iso sí, sen "porras", pero cas súas armas exemprares que son, a "Prepotenza " , " Xenreira" e a "Mentira", mágoa pois, que ainda teñámos que aturar , tres anos máis , só quédanos , o berro de , CASTELAO , a loita continua

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña