04:12 Mércores, 23 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-03-2010

Escolma do despilfarro e posibilidade de alternativas positivas

O malgasto do diñeiro público

Valorar (0)

MARTIÑO FIZ LÓPEZ LINDOSO



Vivimos en tempos da maior crise económica dende hai moitos anos. Saír da crise e volver ao crecemento económico é o obxectivo número un para reducir o paro de todos os gobernos estatais, autonómicos e municipais. Asistimos a unha aterradora falta de ideas políticas sobre desenvolvemento que se traducen: Dende a dereita do espectro político nunha mal entendida austeridade paralizante da sociedade, xunto coa reducción de impostos aos segmentos máis favorecidos. Namentras dende a socialdemocracia hai unha paixón pola obra pública despilfarradora baseada nun keynesianismo superficial e inútil. 

Sen embargo dende unha opción política máis progresista e ecoloxista podemos observar a diario o malgasto de cartos públicos en inútiles obras de cemento e formigón namentras se escatiman cartos noutros capítulos creadores de emprego e de beneficios sociais. Facilmente podemos observalos e elaborar alternativas.

Podemos comezar a preguntarnos porqué cando en periodos de crise nos que os salarios de funcionarios e pensionistas están conxelados por decisión política, sen embargo seguimos gastando miles de millóns de euros en obras públicas que acadan investimentos récord, pero que apenas producen emprego. En concreto referirémonos aos 3.200 millóns de euros que se van gastar, unicamente neste ano 2010 en Galiza, en completar algunha autovía e construir vías de alta velocidade. Non se trata de non investir en obras públicas pero si de preguntarse porqué non se reduce o ritmo desta construcción e se empregan os cartos por exemplo na criación de emprego en coidadores de persoas dependentes, residencias da terceira idade públicas, ou en dotar mellor aos servizos sanitarios existentes.

O inoperante Presidente da Xunta de Galiza anunciou recentemente a bombo e platillo o aumento de 28 millóns de euros en gasto social para o ano 2010. É dubidoso que estas cifras se correspondan coa realidade pero o certo é que unha pequena ralentización das obras públicas nun ano permitiría un notable incremento do emprego nos servizos sociais e na actividade económica derivada. Todo isto puidendo ser mantido durante varios anos e aínda sobrarían millóns de euros para outros capítulos.

Hai malgastos económicos moi reveladores como podemos ver no xornal El Correo Gallego do 15 de marzo do 2010: 23 deputados do PP e 5 do PSOE no parlamento galego cobran unha media de 4.000 euros anuais por asistir a plenos e comisións  municipais cando xa están cobrando un soldo do Parlamento. No BNG non hai ningún caso porque é incompatíbel a actividade municipal coa presenza no Parlamento.

Estes gastos superfluos supoñén aproximadamente 112.000 euros anuais en sobresoldos encabezados polo xa famoso deputado do PP, "Toñito de Allariz", quen confesou recentemente diante do pleno do parlamento que cobrou fraudulentamente dietas por desprazamento.

Na outra cara da moeda os maltratados gandeiros galegos dispoñen dun total de 60.000 euros anuais para paliar os danos ocasionados polo lobo no gando. A falta de inversión neste capítulo pode agravar as perdas económicas nalgunhas explotacións e ademais empeora significativamente a sensibilidade ambiental dun sector da poboación importante para a conservación da natureza. Gástanse cartos en cousas inútiles e escatímanse en beneficios sociais.

Pero claro é que todos estes gastos benefician a alguén concreto e non ao común da sociedade. Recentemente presentouse un proxecto de praia e paseo fluvial nas brañas do río Ulla pertencente á Rede Natura, no Concello de Dodro e moi preto de Padrón. O proxecto foi alegado polo BNG, que goberna en Dodro, e pola asociación ecoloxista ADEGA entre outros. O presuposto total da obra é de 2.1 millóns de euros. A afectación ao paxaro protexido escribenta das canaveiras fai que obra deba ser reformada para retirala do río.

Sorpresa é cando observamos que o 65% do presuposto, máis de 1.300.000 euros, son para construir un sendeiro de lousa na ribeira do río, sen embargo existen pistas perfectamente transitables un pouco máis alonxadas da beira. Aproveitar estas pistas como sendeiro peonil non tería apenas gasto. Ademais a Dirección Xeral de Costas neste proxecto denominado de "mellora ambiental" pretende gastar 7.000 euros máis en erixir un monolito conmemorativo. Eu pregúntome; A quen benefician estes gastos superfluos?. Porqué proliferan os pavimentos de lousa nas obras da DX de Costas?.

No Concello, con moi bo criterio, propoñen empregar os cartos do pavimentado nun pequeno centro de interpretación da natureza no que se informe aos visitantes do interese natural das brañas. Co presuposto do pavimento pódese construir o centro,  e empregar a varias persoas durante anos, para que manteñan o lugar e informen aos visitantes e, aínda sobran cartos.

Finalmente tamén hai que destacar que a inoperancia goberno da Xunta de Galiza é outra versión do malgasto. Consiste na austeridade selectiva, é dicir, reducción de gastos para todos menos para os colexios privados, a sanidade privada, a atención a maiores privada, etc. Esta forma de actuar paraliza a sociedade e fomenta a ineficiencia do gasto público. Despilfárranse cartos en proxectos inútiles que benefician sempre aos mesmos. O maior exemplo disto é o famoso Plan Eólico do Partido Popular que reduce o beneficio social a cambio de lucrar a empresas foráneas que extirpan os beneficios do país. Esta é unha forma peor para empregar os cartos públicos que o keynesianismo das obras públicas inútiles. Deste xeito é como se ralentiza o impulso da sociedade o que nos impide saír da crise.



Listaxe de ligazóns

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña