15:49 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-03-2010

O incipiente sistema público de servizos sociais, impulsado polo BNG desde o Goberno galego na pasada lexislatura, foi bombardeado unha e outra vez polos misís neoliberais dos mesmos que nos trouxeron a crise

Pacto polo anovamento demográfico de Galiza?

Valorar (9)

ROSANA PÉREZ FERNÁNDEZ


Os gobernos, con isto da crise, anuncian, día sí día tamén, plans de choque: Fronte ao desemprego, contra o déficit público, contra a morosidade, para a reforma do sistema financeiro, para apoiar o agro, para atraer aos inversores, para apoiar a empresa familiar ... E nisto, o presidente da Xunta e a conselleira de Traballo e Benestar presentan o seu propio: O Plan de Actuación Social 2010-2013. O proxecto prevé investir 2.000 millóns de euros, a creación de 10.000 postos de traballo anuais, a inserción laboral de 4.900 persoas discapacitadas e a súa aposta estrela ... ¡O fomento da natalidade!.

Disque os gobernos, con isto da crise, teñen unha morea de frontes abertas: O paro, o pago das prestacións sociais, o peche de pequenas empresas, os impostos, a subida do ive, o déficit público, a reestruturación do sistema financeiro, a reforma laboral, a das pensións ... e até o Xacobeo, que xa non é o que era.

O anuncio, feito coa grandilocuencia habitual, é, no estrito sentido da palabra, sinxelamente incríbel. O debate do estado da nación en sede parlamentar e un primeiro ano de goberno baleiro de resultados obrigan a facer novos anuncios deste teor: Pura e dura propaganda gubernamental á vista do retroceso galopante dos servizos públicos no noso país.

Até o de agora o neo-PP de Feixóo só soubo poñer en práctica medidas dirixidas a facer pagar aos sectores máis débiles da sociedade todas as facturas da crise económica. O incipiente sistema público de servizos sociais impulsado polo BNG desde o goberno da Xunta na pasada lexislatura, imprescindíbel para garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades, foi bombardeado unha e outra vez polos misís neoliberais dos mesmos que nos trouxeron a crise.

¡O fomento da natalidade!. Nada máis, nin nada menos. É impensábel siquera sin dispoñer das infraestruturas públicas necesarias para favorecer o acceso das mulleres ao mundo laboral. Non se trata só, neste caso, de pór en marcha medidas económicas ou incentivos fiscais, tamén importantes, como alicientes para ter fillos. Trátase de manter e ampliar toda unha rede de servizos públicos que den cobertura á conciliación real da vida familiar, laboral e persoal. E sin embargo, até o día de hoxe, o novo goberno do PP todo o que fixo nesta materia foi destruír, desfacer, destripar, desvalorizar...desprezar.

Despois dun ano 14 centros de día, xa preparados para atender ás persoas maiores, seguen pechados, coa espada da privatización e da merma da calidade do servizo enriba. Tamén un ano levan sin cobrar as mulleres maltratadas que accederán ao salario da liberdade. O Consorcio Galego de Benestar, única fórmula para garantir a prestación dos servizos sociais a toda a poboación, sobre todo no rural, decide unilateralmente externalizar concesións a empresas ou entidades privadas. Seica así deixará de ser un "instrumento partidista".

Podemos seguir citando exemplos das novedosísimas "medidas de fomento da natalidade" impulsadas polo PP dende a súa chegada á Xunta: O desmantelamento dos servizos públicos de información ás mulleres en 70 concellos; dos 7 centros Quérote, de asesoramento afectivo-sexual para a mocidade que atenderan, desde mediados do 2006, a 30.000 mozas e mozos galegos; o despido de 61 traballadoras das oficinas de I+B que cometeran o desatino de desenvolver o plan de igualdade, o de apoio ás familias, á infancia e á adolescencia e o de inclusión social; a desaparición do orzamento para a creación de novas galescolas ...

En realidade Sr. Feixóo, todas estas medidas xa se inauguraran case ao principio da lexislatura: ¿Non  lembra aquela primeira prestándolle o seu apoio acérrimo á iniciativa ultraconservadora da Fundación Red Madre para limitar o dereito das galegas a decidir sobre o seu embarazo?, ¿o apoio económico, con cartos públicos, aos que atentan contra os dereitos das mulleres?. 

Os mesmos autores do primeiro recorte de pensións, rectificado posteriormente, dun goberno democrático, do Plan de Austeridade de 144 millóns de euros ou do Plan Contra a Crise de máis de 1.100 millóns, asinan agora estoutro Plan.

O Plan de Actuación Social 2010-2013 non ten prazos nin orzamento... É só un anuncio, un título que vai servir para o mesmo que o do 8 de marzo ("Máis igualdade moito mellor"), para vestir con globos de cores aos conselleiros... E para avergoñar a todo un país.

[29-03-2010 ] serea comentou:

Moi bo artigo, Rosana. Noraboa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña