Que pasou o 22M
O resultado das pasadas eleccións municipais pon ao descuberto algunha das principais sombras do nacionalismo galego contemporáneo, pero tamén as luces e algunha pista de por onde -ao meu entender- deberían ir as cousas nos vindeiros anos.
Os números convenientemente torturados poden dicir case o que un queira. Sempre me arrepiou a tortura aínda que esta sexa co sistema decimal, polo que non torturarei agora ningunha táboa estatística. Simplemente quixera facer un comentario xeral a respecto do 22M. É evidente que non é un resultado bo en termos absolutos, pero estou convencido de que o tempo, a distancia e a posibilidade de ver máis alá do resultado no noso entorno máis inmediato, porán de manifesto que, atendendo ao contexto xeral e local, e postos en relación cos resultados obtidos polo nacionalismo galego na última década, estes resultados globalmente distan moito de ser ningunha caste de fiasco: máis de 260.000 galegos e galegas depositaron a papeleta do BNG nas urnas o pasado 22 de maio. Xa nos gustaría a nós que ese fose o noso chan electoral! Evidentemente non é así. Iso non quita que non vexamos que o BNG leva un proceso de descenso de apoios de xeito case que ininterrompido desde o ano 2001, que temos un grave problema nos ámbitos urbanos e nos núcleos rurais de pequeno tamaño e máis envellecidos; a dificultade para rendabilizar a nosa acción de goberno onde non ostentamos a Alcaldía e os danos colaterais (merecidos ou non) dos nosos cogobernos co PSOE; as nosas limitacións organizativas ou a nosa moi mellorábel introdución social en moitos ámbitos entre outros aspectos aos que Terra e Tempo xa facía referencia nun recente editorial. Agochar a cabeza para non ver o problema non faría outra cousa máis que agrandalo. O autoengano nunca pode levar a bo porto, pero a inxenuidade -en termos políticos- menos aínda.
Ao nacionalismo galego tócalle correr unha carreira de fondo, sen atallos e chea de atrancos non apta para impacientes, onde somos nós mesmos os que -non en poucas ocasións- nos metemos pedras nos zapatos. A historia do nacionalismo galego ao igual que a historia da nosa nación, non é un conto de fadas. Vivimos momentos moi complexos a todos os níveis e nos agardan tempos non menos difíciles. En ningún contexto, pero menos aínda neste, a resignación e o desánimo son unha resposta válida. Menos aínda un comportamento -voluntaria ou involuntariamente- infantil e cainita, que non estea á altura das circunstancias e que poida pór en xaque a existencia dunha alternativa nacionalista forte en Galiza.
A "indignación" -tan en boca de todo o mundo nestes meses- é unha condición necesaria, pero non suficiente na nosa relación individual con todo o que está a pasar no país e no mundo. Apliquémonos o conto con nós mesmos. Localizar e analizar os problemas do BNG é condición necesaria para superalos, pero non suficiente. A condición imprescindíbel que debe de acompañar é a vontade real de querer superalos.
Os estados de ánimo mudan e se fan mudar. Nós precisamos mudar o de moitos militantes, simpatizantes e votantes desde xa. O pesimismo e o desánimo son un luxo que o nacionalismo galego na actual conxuntura non se pode permitir. Non é momento de lamberse feridas nin de laiarse. Moito menos, de estratexias suicidas de "canto peor, mellor", porque desgrazadamente na maioría dos casos rematan nun "canto peor, peor"
E momento de reaccionar e actuar. Cada minuto e cada persoa contan. Entre outras cousas porque o mundo segue a xirar e non agarda por nós. En breve teremos unha nova "meta voante" da nosa particular "Volta": un máis que probábel adianto electoral das vindeiras Eleccións Xerais que serán determinantes para tentar marcar un punto de inflexión nos "axustes á baixa" que sofreo a tendencia de apoio ao nacionalismo galego na última década e iniciar un novo ciclo político de consolidación do apoio social ás teses do nacionalismo galego e aumento da nosa incidencia no plano electoral e social.
Non hai futuro para ningunha organización política en ningunha parte do mundo, que pretenda manter no tempo un cuestionamento permanente da súa propia existencia e que pretenda vivir nunha refundación permanente tras cada proceso electoral. O BNG é será sempre unha organización complexa, porque intrinsecamente a convivencia da diversidade ten máis arestas que a melodía mono-acorde de determinados partidos tradicionais e porque un funcionamento interno fondamente democrático, nada ten que ver cos "dedazos" e as "libretas azuis" doutras organizacións políticas. É comprensíbel, saudábel e inherente á formulación frontista do BNG, a existencia de tensións internas e debate ideolóxico político de conxuntura e de fondo, sempre e cando estas estén supeditadas ao denominador común: facer do Bloque Nacionalista Galego unha organización útil na defensa dos dereitos nacionais e socias do pobo galego.
Unidade
Hai moitos factores que interveñen nos procesos electorais sobre os que, por moito que quixeramos, non podemos actuar: o contexto económico e social xeral, a influencia da política española, a saúde política e actitude dos nosos adversarios, a nosa presenza nos medios de comunicación, etc. Sin embargo, hai outros que só dependen de nós, e de entre eses hai un que creo que é especialmente importante neste intre: a unidade.
A unidade do nacionalismo non é unha posibilidade: é o único camiño. A "unidade" non é palabra fetiche para facer brindes ao sol. Ou é sincera ou non é. A falta de unidade provoca desmobilización e apatía interna, pero tamén falta de credibilidade externa. En silencio ou berrando, non é admisíbel seguir desangrándose podendo aplicar torniquete.
Un clima construtivo, sincero e politicamente honesto e o contexto onde se deberían fraguar os grandes acordos que deberan rexer o futuro do nacionalismo galego na vindeira década.
É momento de demostrar altura de miras de que non conduce sempre con luces cortas, que sabe que hai que prender de, cando en cando, as largas. É tempo de restaurar a unidade baixo principios básicos de convivencia e compañeirismo, de respecto á pluralidade do nacionalismo e unha concepción plenamente democrática do funcionamento interno. Clarificación da liña política do BNG, corresponsabilización de todos e todas, responsabilidade e afección ao proxecto común, son elementos -ao meu xuízo- imprescindíbeis como pegamento real desa unidade.
Precisamos músculo, porque se aveciñan combates difíciles e transcendentais: a recentralización competencial do estado, a privatización de servizos públicos esenciais como as pensións, o ensino, sanidade ou servizos sociais; a desregulación do mercado laboral, a recorte de dereitos laborais e sociais, a nova emigración e a precarización aínda maior do traballo no país; as consecuencias do desplome demográfico e ataques aos nosos sectores produtivos básicos; a concentración financeira de tipo oligopolista en catro grandes corporacións financeiras e as consecuencias da desaparición das caixas de aforro; a involución xeral en materia cultural e lingüística á que agora se lle sumarán importantes concellos e deputacións provinciais son algúns dos envites aos que teremos que facer fronte no curto prazo.
Avecíñase unha longa noite de PPedra para a que debemos estar preparados/as como organización e como País. Galiza é unha nación que vai ter que encarar eses debates cunha evidente falta de autoestima, acentuada -entre outros- polo problema demográfico e económico actuais, que precisa da autoorganización da súa sociedade mediante organizacións propias, ademais de para defender os seus dereitos inherentes, para redobrar a confianza dos galegos e galegas en nós mesmos, na nosa capacidade como pobo. Ese traballo ou o fai o BNG, ou simplemente non se fará.
Hai futuro
O título que encabeza estas palabras foi o lema co que o Bloque Nacionalista Galego se apresentou ás pasadas Eleccións Municipais do 22 de maio. Gustei do lema para a campaña e hoxe gosto máis del para a post-campaña.
Hai futuro, porque temos razón e se algo ten demostrado o ser humano ao longo da historia da humanidade é que razón acompañada de corazón ten sido capaz de derrubar as torres máis altas. Somos milleiros as e os nacionalistas, que mantemos intacta a nosa vontade de continuar con traballo e ilusión o que milleiros de compatriotas comprometidos con Galiza comezaron antes ca nós. Con unión, traballo e coherencia na defensa das conviccións e valores que historicamente representou o nacionalismo galego, Galiza sempre terá futuro. Sóbranme pois, moitos dos 140 carácteres do meu particular tweet-conclusión do que lles quería dicir: @obloque hai futuro.
[09-06-2011 10:35] Stalis comentou:
Amigo Xavier, sería necesario un estudo sociolóxico para cuantificar, certo, mais para facer unha análise cualitativa non é preciso.
O BNG desde hai 20 anos podese considerar unha forza plural que emite unha mensaxe política buscando a maioría social, ben, pois esta ainda que teoricamente tería uns mesmos intereses obxectivos, ten visións contradictorias do que desexa e do que cre que precisa.
Compartimos logo base electoral con todos, con PP e PSOE, segundo eleccións e territorios, segundo ámbitos sociais, urbanos ou rurais. Xa que logo unha mesma mensaxe dada provoca efectos contradictorios, e obriganos a tentar dar discursos políticos matizados segundo o interlocutor para o convencer de que os seus intereses coinciden cos nosos.
E complexo e complicado porque a sociedade galega mudou moito nestes 20 anos, a segmentación, a desgaleguización acelerada, a desconfianza na política, o desleixo do colectivo, froito todo en grande medida do crecemento económico, fai que @s votantes de hai 20 anos sexan moi diferentes, con valores moi diferentes.
Poderiamos dividir a nosa base electoral entre aquela que compartimos con PP e PSOE, é dicir persoas que votan sempre e algunha vez no votaron, con estas tesmo que seguir o método clásico, o que nos serviu nos serve e nos votaran ou non en función de o que nós fagamos máis tamén das circunstancias dos outros.
Existe outra parte que son os que nunca votarían a PP e PSOE, con eses o método é radicalmente diferente, internamente é heteroxéneo, galeguistaacionlista ou non, galego falante ou non, eco ou non.... este é o segmento máis crítico con nós, mási dinámico, e a cal temos que atender mais de xeito radicalmente diferente ao primeiro, non hai métedo, fai miles de accións illadas e unha cuestión fundamental, teñen que vernos, temos que parecer, non só ser, transformadores.
E un terceiro grupo tamén heteroxéneo, son os despolitizados, que se consideran fora da política que nin lles ocupa nin votan, porque neles cuallou o discurso da dereita do apoliticismo, e desconfian e fuxen de todo o que cheire a partido , sexa cal fór e non queren nin escoitar porque consideran a todos os partidos iguais, e ao BNG a pata necesaria para que haxa bipartidismo PPSOE, este son os máis dificiles....
O panorama é complicado, porque temos que chegar a todos estes, e requiren mensaxes e discursos contradictorios, ou eliximos a quen achegarnos (inicialmente).
Só hai unha condición incial que permitirá que podamos ter algún éxito: a inflexión na dinámica interna, o retorno a confianza interna e eliminacións dos comportamentos sectarios, o recoñecemento de tod@s, para poder volver a poñer aos mellores e máis validos independentemente de onde sexan.
[08-06-2011 21:58] Ronaldinho de Moraes comentou:
Eu como votante eterno do BNG podo dicirvos que antes andaba dándolle a lata a amigos e familiares para que votaran no BNG, mesmo facía certo carrexo ben entendido. Agora xa non o fago. Falta lider con proxección, hai división interna, hai sectarismo, hai mal rollo, hai certa indefinición...
A miña receta. Auténtica Unidade, xeneroso Patriotismo, grandes doses de Progresimo, e traballo, moito traballo. En realidade o de sempre, sermos os bos e xenerosos.
Esa receta foi aplicada con grande éxito en moitos concellos. Menos liortas falsamente ideolóxicas e mais xenerosidade.
[07-06-2011 11:53] Xavier Carriba comentou:
Rubén, recoñezo a boa vontade das túas palabras, mais penso que é lóxico que compañeiros e compañeiras non vexan neste resultado signos de recuperación. De feito mirando a organización desde fora a realidade e que non se ve recuperación ningunha se non mais ben o que parece e que a perda de votos continúa.
Tamén aconteceu a perda de votos no concello onde fuches candidato, despois dunha reñida confrontación interna. Conflicto que aconteceu en varios lugares do país. É normal que ante uns resultados tan pouco óptimos as persoas cuestionen a liña política e os candidatos, xa que dentro da diversidade do BNG sempre hai diferentes opcións a man, tanto de persoas como de ideas, que poden parecer a solución ao problema.
A unidade pode ser efectivamente un valor pero seguramente non o verá así aquel que vexa na unidade unha impostura xa que a liña política deixa de representalo ao pasar do multicolor a un aburrido monocromo, moi lonxano das súas aspiracións. No contexto do BNG a únidade ten un significado moi complexo, o BNG representa mellor ao corpo social porque é multicolor como o corpo social, pero debemos entender esa maneira nova de facer política lonxana das visións únicas e dogmáticas e que debe de asumir a contradicción e a revisión contante como ventaxas e non como dificultades. Creo que aquelas persoas que provimos de intentos de construir unha praxe política "científica" non deberiamos ter medo a revisar o que faga falla, nun contexto tan diverso e dinámico como a sociedade actual. A acción non está reñida coa reflexión e un debate non ten porque ser unha guerra, pero ninguén pode aspirar a ter sempre a razón. Curiosamente a partir de que alguén se empeñou en ter sempre a razón e darlle unha cor monocroma parece que as cousas comezaron a ir a peor para a nosa organización.
De todas maneiras o teu artigo e todas as declaracións que se fixeron, non contestan a unha pregunta que creo importante: Por que unha persoa que votou ao BNG deixou de facelo nestas eleccións? Eu estou disposto a asumir unha cota estraordinaria para financiar un estudo sociolóxico para obter esta resposta. Máis que ir a unha asemblea para que cada grupo me interpreta a opinión dos nosos votantes, gustaríame coñecela de primeira man, e sobretodo a opinión de aqueles que deixaron de votarnos os últimos 10 anos.
Unha aperta
[07-06-2011 10:43] eu comentou:
Unión e altura de miras. Non hai máis que falar. Totalmente de acordo Rubén.
Os campos marcados con* son obrigatorios.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.