19:37 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-06-2011

O nacionalismo galego sempre estivo indignado e sempre estivo na loita por unha democracia real

Nós, as/os indignadas/os

Valorar (44)

DAVID PENA DÍAZ



Na última semana de campaña electoral, apenas uns días antes do 22M, xurdiu un fenómeno social que chamou a atención de medios de comunicación, analistas, sociólogos e organizacións políticas e sociais. Un fenómeno que, baseado no libro "Indignádevos" de S. Hessel, cambio momentáneamente a fisionomía dalgunhas prazas das capitais galegas ao berro de "Democracia real ya" (sic).

Após os primeiros momentos de sorpresa e certo, bastante, cepticismo -cando menos por parte de quen escribe este artigo, xa que non podemos obviar o feito de que o movemento dos indignados nacese nas vésperas dunhas eleccións, como tampouco podemos obviar a estraneza que causa que ese primeiro gran chamado de indignación, "Toma la calle", se faga precisamente, cando menos na Coruña, en español, isto é, na lingua do poder e dos privilexiados e non na "lingua proletaria" do noso Pobo, que diría Celso Emilio- cómpre agora reflexionar sobre o que todo este movemento significa.

Trátase dun amplo corpo onde se mesturan frustracións e inquedanzas diversas. Un movemento no que descansan xustas reivindicacións -como o da limitación do omnímodo poder da banca e dos mercados financeiros- mais no que tamén se encadra un sector de pensamento que fai do apoliticismo e da belixerancia ás organizacións políticas a súa única bandeira. Fago esta afirmación con coñecemento de causa pois en plena campaña electoral, na cidade da Coruña, un grupo de compañeiras do BNG foron increpadas por facer un reparto de información electoral ao carón da súa acampada.

Porén, este episodio non debe facernos ollar con receo a esta experiencia asociativa no seu conxunto. Antes ao contrario, son dos que cre que é labor do nacionalismo indagar nas causas da desafección, desafección que está tamén na orixe deste movemento, e saber explicar que o nacionalismo galego sempre estivo indignado e sempre estivo na loita por unha democracia real.

En efecto, non é unha afirmación gratuita dicir isto. Foi sempre a bandeira da Patria galega a bandeira das e dos indignados, como tamén foi sempre o galego o seu idioma. Non foi, acaso, NUNCA MÁIS unha maré de homes e mulleres indignados/as? Non é QUEREMOS GALEGO unha maré de homes e mulleres indignados/as? Non foi o movemento antinuclear de Xove -agora que volve ser actualidade o debate nuclear- unha reacción xenuinamente galega de indignación? Non é indignación convocar en solitario unha folga xeral contra a politica laboral do goberno español? E outro tanto podemos dicir da demanda de democracia real, democracia real que en Galiza era demandada en solitario polo nacionalismo galego cando, por exemplo, os seus deputados no Parlamento Galego eran expulsos por non xurar, con efectos retroactivos, fidelidade a unha Constitución Española que puña nos fusís dos militares a última palabra.

Cómprenos, porque tamén estamos indignados/as -e indignados/as de vello!- facermos un esforzo de empatía e comprensión mútua con todos aqueles sector desta nova experiencia que sexan ben intencionados e que realmente pretendan un cambio de modelo, sendo tamén conscientes que nese magma e baixo a fraseoloxía aparentemente rompedora atoparánse sectores funcionais para o sistema. Empatía e comprensión para que eses sectores acaben vendo no nacionalismo un aliado, para que a nosa indignación sexa a deles e a deles sexa a nosa.


1 2 3 4 seguinte

[13-06-2011 22:45] Brincadeiras teóricas comentou:

A Manteiro:
Por certo ningunha desas tres cousas nin fixo nin ten intencións de facer BNG e a UPG.
Con que levasen práticas de esquerda auténtica abondaría.
Hai que deixarse tamén de brincadeiras teóricas.

[13-06-2011 02:06] Manteiro comentou:

Pódese dicer que existen tres maneiras de provocar cambios substanciais no sistema capitalista que modifique ou incluso subvirta a correlacion de forzas entre a clase dominante e a explotada:

1. a toma do poder formal pola via institucional cun forte movimento de masas no que se apoia.
2. a folga xeral politica que paralise totalmente a producción, sempre que exista unha dirección politica revolucionaria.
3. a insurección popular armada.

Calquer outra cousa é andar a brincadeira e xogar ao rebelde sin causa.

[06-06-2011 22:59] Indignado para "Outro indignado" comentou:

Penso que con xente como "Outro indignado" non paga debater, porque parte de cousas non ditas e falsas. Xa se sabe cando non hai argumentos inventar cousas que di o contrario para descalificalo.
O indignado co sistema político e a clase política está tamén na parte que lle corresponde co nacionalismo galego. Pero claro algúns nacionalistas non recoñecen fallos e non queren rectificar nada por propios intereses corporativos. Así lles vai.
Ninguén falou nesta páxina de despedir aos traballadores do BNG e da CIG, pero si de limitar o número de anos que se pode ser liberado sindical. Deberían estar en 6.
Tamén é falso afirmar que se dixo que a CiG fixo mal convocando a folga xeral pola "contrarreforma" das pensións, senón o que se afirmouy é que non se pode montar unha ou dúas folgas so en clave electoral, como sabe todo o mundo que se fixo.
Estou totalmente en contra do PSOE,por iso me parrece que non só se pode convocar folgas en clave electoral senón para enfrontarse frontalmente ao PSOE e o seu neoliberalismo, cousa que non fixo a CIG até agora.
Critico ao nacionalismo galego pola súa falta de actualización á nova esquerda mundial antisistema. Así lle vai.
Está moi ben criticar para que todos espabilen, comezando polo que escriben aquí.

[06-06-2011 22:20] De novo te descubriches comentou:

Efectivamente, es o mesmo que cando lle contestan din que o queren "silenciar" ou "represaliar". Aínda que se ti es o voceiro da maioría da cidadanía, para que imos falar máis. Representas máis xente que o propio Feijóo entón que xa é dicir. Veña, deica o próximo "debate" que queiras abrir de "os políticos", "os partidos"...

1 2 3 4 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña