11:20 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2011

Ou como "A cada porquiño lle chega o seu San Martiño"

Xustiza poética

Valorar (22)

MARICA CAMPO



Como saberán, a expresión "xustiza poética" foi empregada por Thomas Rymer na súa obra  The tragedies of the last age considered  (1678) para defender que unha obra literaria debería alentar o comportamento ético, a reflectir o triunfo do ben sobre o mal. Xa que na vida real non sempre se fai xustiza, a literatura tería a obriga de conseguila.

Vén isto a tergo da historia que vou relatar e que titulo así; mais, consonte o noso refraneiro, ben podería facelo baixo a epígrafe de "A cada porquiño lle chega o seu San Martiño".

Sucedeu nun concello galego que chamarei Terra Verde porque certamente o é. Xunto a unha natureza vizosa na que as árbores foráneas son anecdóticas, a historia deixou pegadas significativas a xeito de castros, igrexas románicas e outras xoias do pasado máis ou menos próximo. Podería ser, xa que logo, un polo de atracción turística para os amantes da paisaxe en estado puro e para os que gustan de ler o palimpsesto do percorrido humano sobre a nosa terra. Porén, en Terra Verde, desde hai máis de dúas décadas o único que medrou foi a vexetación e o soldo do alcalde.

El, o alcalde, é o protagonista desta historia que non lerá e, se por un casual o fixer, non se dará por aludido porque facelo sería recoñecer que se recoñece, valla a redundancia. O de ser protagonista abofé que non o colle sen experiencia. De feito, estorbáballe ter cerca a calquera que lle puidese facer sombra, mesmo que fose da súa corda. Facía seus, iso si, os triunfos de certos personaxes mediáticos aos que se arrimaba para querer mostrar que os seus  méritos tamén lle pertencían. Non se atribuía a construción de monumentos milenarios da zona porque a súa ignorancia non daba para tanto como a súa ousadía, mais o descubrimento si, malia que fosen coñecidos de vello.

Durante máis de dúas décadas o personaxe repartiu favores e castigos a partes iguais. Os favores, aos que tiña por seguros votantes, moitos dos cales lle entregaban, xunto coa liberdade, a perda de lealdade aos veciños cuxa defección lle transmitían. Os castigos, aos que non eran os seus incondicionais. Para estes, sobre todo se se atrevían a integrar unha lista contraria nas contendas electorais, facía xestións na empresa onde traballaban a fin de  que os despedisen. Folga dicir que non sempre conseguía os seus "loábeis" obxectivos. Isto reviste unha especial gravidade se se ten en conta que o tal alcalde fora activo sindicalista nunha fábrica de fóra de Galiza antes de traer os ósos e a mala uva de novo a ela. Nesta mesma liña inxírense anécdotas como a de acudir ao enterro dun home morto en plena xuventude para lle dar o pésame a unha autoridade, presente por mor da profesión do defunto, e ignorar á familia por non lle ser adepta.

Capítulo á parte  merece a súa actuación nun caso ligado á Memoria Histórica. A familia dun paseado na guerra acudiu a el coa intención de promover un acto de desagravio e instalar no seu recordo un cruceiro nun lugar público. Non os quixo recibir. Un sobriño do mártir, profesor universitario no estranxeiro, envioulle un ben documentado libro no que se narraba a vida e morte do que fora unha persoa boa e xenerosa, ao servizo do pobo, sen outro "pecado" que ser republicano. O alcalde devolveullo sen lelo sequera.

E podería encher moitas máis páxinas coas fazañas do personaxe.

O pasado 22 de maio, albízaras!,  este home perdeu a maioría absoluta. Desta volta non lle abondaron as coaccións exercidas sobre os residentes do xeriátrico da vila. Seica tivo que acudir a Garda Civil porque pretendía que votase unha anciá que non quería facelo. Disque o individuo caeu nun ataque de histeria despois de ver os resultados (os varóns tamén son histéricos malia a etimoloxía do termo), e botou fóra do recinto a propios e alleos.

Xa ven: na vida, aínda que sexa poucas veces, tamén se cumpre a xustiza poética. E, se conto isto, é para que non decaia o ánimo naqueles lugares onde aínda teñen alcaldes así. Por desgraza fican moitos porcos a agardar o seu San Martiño, mais chegaralles.


[03-06-2011 15:10] Marta Dacosta comentou:

Grazas Marica

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña