16:07 Martes, 07 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-05-2011

INSATISFACCIÓN SEN DESÁNIMO

Editorial



O nacionalismo galego, nas actuais circunstancias, tiña como obxectivo conseguir nas eleccións municipais o mesmo número de votos que nas últimas eleccións autonómicas, conscientes de que estas marcaban sempre a cota máxima -así acontece nas series dos últimos 20 anos- só coa excepción das municipais de 2007 (co BNG no goberno galego desde 2005). Asemade, perseguía manter as actuais alcaldías e aumentalas. O resultado aproximouse nun caso: 261.513 votos fronte a 270.712 nas autonómicas de 2009. No outro, podemos dicir que se cumpriron as expectativas (o BNG pasou de 8 a 11 maiorías absolutas e de 9 a 12 relativas e atópase, neste momento, en disposición de ter a alcaldía en 30 concellos de todo o país). Onde está pois a carencia que impide considerar os resultados como aceptábeis, tendo que catalogalos de insuficientes e, mesmo, de preocupantes? Todos sabemos que para facer unha avaliación, hai que explicar con fundamento e coherencia a mesma. O fundamento e a coherencia comeza por comprobar se existen determinantes explicativas que actúan como causas coherentes e contrastábeis coa realidade. A continuación imos enumerar algunhas delas porque obxectivamente explican, malia non nos xustifiquen, algunhas carencias políticas, que derivan en resultados electorais, que temos que enfrontar.

En primeiro lugar, o nacionalismo só e capaz de superar a tensión bipartita PP-PSOE en cidades ou vilas onde a iniciativa política, a xestión, a capacidade organizativa e social, e a presenza pública nos coloca como polo desa tensión. Así acontece en Pontevedra, Carballo, Bueu, Allariz, Ribadeo, San Sadurniño, Moaña, Tomiño, Teo, Zas, etc. En segundo lugar, os gobernos bipartitos co alcalde do PSOE, sendo o nacionalismo minoría, por regra xeral, mesmo facendo boa xestión, non digamos se é errática, acaban provocando unha mingua da nosa representación institucional, a non ser que exista unha capacidade organizativa e de incidencia social, que só se dá en concellos pequenos e medianos, onde o resultado pode inclinarse ao noso favor. En terceiro lugar, as alianzas co PSOE, malia poderen ser en moitos casos inevitábeis para non favorecer gobernos do PP, teñen na actual situación, un problema de contaminación por mor das políticas antisociais do Goberno español, por moito que o nacionalismo galego estea nas súas antípodas, cunha posición frontal ás mesmas. En todo caso, a confusión social leva á consideración, inducida polo PP, de que votar BNG é o mesmo que votar PSOE. En cuarto lugar, no caso das cidades, facendo a salvedade a todos os efectos de Pontevedra, aos factores devanditos hai que engadir outros de carácter local, específicos en cada unha delas, que coadxuvaron a que o retroceso fose evidente: incapacidade para superar a división á hora de constituír candidaturas, algúns comportamentos equívocos, excesiva acomodación e falta de perfil en relación co socio durante o mandato, prioridade do traballo institucional sen correlato orgánico e social necesario, incapacidade para lograr que a sociedade se decatase e valorase as iniciativas e o papel, mesmo na oposición. Naturalmente, a baixada electoral nas cidades (en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago a suma total foi de 32.269 votos) foi fundamentalmente a que lastrou os resultados.

Atención especial merece o problema de determinados ámbitos rurais, sobre todo nas  provincias de Lugo e Ourense. Polo retroceso demográfico, polo avellentamento da poboación, pola pavorosa falta de traballo, e xa que logo, de poboación nova, cada vez é máis difícil erguer listas electorais e contar con organizacións locais vivas. A esta dificultade hai que sumar as presións desde as institucións locais e desde o caciquismo, particularmente do PP, intimidando ás persoas que se prestan a colaborar co nacionalismo. Esta debilidade explica o retroceso en moitos concellos rurais, que se agravou ademais especialmente na provincia de Ourense, coa perda da Xunta.

Este mapa electoral ofrece como se ve luces e sombras. Na provincia de Pontevedra os resultados en votos son maiores: (G2009: 95.827 e L2011: 97.621) e hai 3 concelleiros máis, pasándose do 17,21% ao 18,99%. Na provincia da Coruña o resultado en votos é lixeiramente inferior ao das autonómicas pero porcentualmente sóbese, pasando do 16,04% ao 16,90%. Na provincia de Lugo baixase do 14,83% ao 14,36% e no de Ourense  do 16,13% ao 14,53%. Como se ve, o peso do retroceso urbano e do rural máis en declive, son os factores determinantes de non termos acadado o obxectivo. Aínda así o BNG logra ascender notoriamente en 80 concellos; apenas hai modificacións en 45 e baixa en 190.

O nacionalismo galego está actuando inevitabelmente nunha sociedade en grave crise económica e ideolóxica, cun desprestixio xeralizado da política e unha frustración individual na xente moza que, afortunadamente, parece comezar a buscar formas de protesta social colectiva. É o noso reto lograr que esta frustración se canalice nunha auténtica oposición á globalización económica, política e cultural, da que o deseño e a política da Unión Europea é a concreción máis palpábel. O noso reto é atraer esta protesta social e colectiva á causa nacionalista. Todo o que haxa que rectificar para mellorar tamén os resultados electorais debémolo facer, comezando por consolidar a unidade do BNG, unha das ferramentas necesarias, para unha boa relación coa sociedade e a eficacia na defensa dunha liña política que ten como norte a existencia do pobo galego con vontade política, os intereses das clases populares do país e a opción a prol dun marco internacional fundamentado na igualdade dos pobos, no pacifismo e no antimilitarismo, isto é, no antiimperialismo. Estamos preocupados e insatisfeitos, mais temos un instrumento orgánico e institucional e unha base social con gran potencialidade e capacidade, como se ten demostrado con todas as mobilizacións populares ocorridas estes dous últimos anos no país.


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña