14:23 Xoves, 21 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-03-2010

Unha volta máis de torca para que os salarios galegos se consoliden como os máis baixos do Estado, así como as pensións futuras

Confrontación e mobilización fronte o pacto social e as novas contrarreformas laborais

Valorar (14)

PAULO CARRIL VÁZQUEZ


Manifestación do metal en Vigo

Levamos asistindo estas últimas semanas a discursos e iniciativas do Goberno español cara a aprobación dun novo pacto social de trascendentais consecuencias económicas, sociais e laborais.

Desde os chamados Pactos da Moncloa de outubro de 1977 e os Acordos contidos nos mesmos, o Programa de Saneamento e Reforma Económica, até o mesmo día de hoxe, vivemos  unha sucesión constante e repetitiva de intensas e profundas reformas laborais, da seguridade social, de grandes reconversións de sectores produtivos claves da nosa economía, privatizacións de empresas e servizos públicos, de acordos de desregulación e flexibilidades nos direitos laborais e salariais, de consolidación de lacras crónicas de emigración, desemprego, e precariedade laboral.

Estabelecidos estes Pactos da Moncloa, o chamado dialogo social, a concertación social vai sendo unha constante ao tempo do proceso de desmantelamento da loita sindical, da confrontación de clase, desmobilización, pasando a prevalecer a  unión de intereses de todos e todas, plasmadas atraves  dos Gobernos de turno, Patronal e organizacións sindicais españolas.

Consolidación dun modelo sindical obsesivamente españolista e centralista, cunha práctica antidemocrática, de cúpulas sindicais, corrupto e burocratizado.

Temos que enmarcar na lóxica do diálogo social as manifestacións de UGT e CC.OO contra a reforma das pensións anunciada polo Goberno. A pantomima de manifestación como coartada para manter apariencia de confrontación. Abonda con escoitar os discursos daquel día, o maior reproche é  "Zapatero, así non".

Na urxencia e necesidade de trazar novas extrateias de cooperación para reflotar o sistema, no fanático obxetivo de recuperar a economía, pero submetida á  doutrina  neoliberal, situase o anuncio dunha nova reforma laboral  e da seguridade social , como a elementos urxentes e fundamentais para afrontar esta crise.

Os primeiros resultados destas cooperacións están á vista, o pasado 9 de febreiro asínase (publicado no BOE do dia 22 de febreiro) un Acordo de Contención Salarial.

De novo a Patronal, UGT e CCOO, xurden como  salvadores supremos,  declarando que  este Acordo constituese "nun elemento dinamizador da economía española para abordar os problemas actuais e mellorar a competitividade e o emprego no futuro cercano e que ademais, pretende xerar confianza á poboación, na liña de mellorar os seus niveis de consumo e inversión".

Reincidece na política de emprobrecimento dos salarios, aproban un acordo a tres anos con incrementos máximos do 1% neste ano, 1,5% no 2011 e 2,5% para o 2012. Ademais, non se fixa revisión salarial cada ano de vixencia deste Acordo. Unha volta máis de torca para que os salarios galegos se consoliden como os máis baixos do Estado, asi como as pensións futuras.

Asisitimos a un novo Acordo no que as clases populares  soportan os efectos máis dramáticos desta crise. Mais o diálogo social non fica só nisto, no Manifesto deste Acordo anuncian novas negociacións e futuros acordos, e días despois aplauden con entusiasmo as liñas de actuación do Presidente do Goberno para a súa discusión cos interlocutores sociais no marco do diálogo social.

Plásmase neste documento do Goberno español históricas e desexadas reformas demandas de vello pola Patronal: abaratamento do despedimento  cos conseguintes cambios nas modalidades de contratación a tempo completo e tempo parcial, programa de actuacións para o emprego xuvenil con chamadas a favorecer os escravistas contratos para a formación, consolidación e ampliación das axencias privadas de colocación e das Empresas de Traballo Temporal, reforzo da centralización da negociación colectiva e apertura de medidas encamiñadas á  facilitar as empresas reducir os cadros de persoal, aplicar mobilidades funcionais e xeográficas, extensións das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profisionais no control da saúde dos e das traballadoras acompañados de actuacións públicas de reducir a prolongación das Incapacidades Temporais, etc.   

Noutro ámbito anúncianse, de forma complementar, reformas en materia de Seguridade Social, no camiño de avanzar nas xa iniciadas cos Pactos Sociais do 1996 e  continuados cos do 2006.  Lembremos dúas graves reformas da Seguridade Social, que separaron as fontes de financiamento, ampliaron de 8 a 15 anos o período de cálculo da pensión, que abriron a porta aos plans privados de pensións, mudaron negativamente a regulación das incapacidades e das pensións de viudedade, aumentaron a 15 anos efectivos de cotización para causar direito a pensión de xubilación, recurtes no aceso á xubilación a tempo parcial, etc.

Mentres todos este anuncios van tomando forma, non se toma medida algunha  para ter control público do sector financieiro, apróbanse novas medidas fiscais que incrementan os impostos indirectos, non se dispoñen actuacións para criar unha banca pública que garanta a canalización de recursos á economia produtiva, e o desemprego e a exclusión van en aumento.

Temos por diante unha dura situación que afrontar,  serán de novo desde  as mesas de dialogo social onde se pretendan acometer novos retrocesos socias, falsas solucións, onde se pretenderán impor novas resignacións e frustracións a sectores da clase traballadora.

Este panorama demanda de moita clarificación, de ir demonstrando que as alternativas do nacionalismo son reais, verificábeis, que hai solucións á crise, mais non existirán na realidade senón provocamos a confrontación, a loita obreira, o combate e a mobilización social, a intensa axitación social.  

Só asi poderemos resistir mellor e abrir unha diferente saída á crise que sente as bases dunha  economía produtiva e dun modelo social máis xusto, con direito a un posto de traballo na Nosa Terra.


[16-03-2010 ] Eu comentou:

Efectivamente temos que insistir en que o que pretenden facer non é unha reforma laboral, senón unha CONTRArreforma. Significa volver atrás nos dereitos adquiridos pola clase traballadora con moito esforzo e ao longo de moitos anos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña