23:36 Venres, 14 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-05-2011

OS IRMANDIÑOS “… unha vez foi o trebón”, é o nome do último traballo musical de A Quenlla

Unha vez foi o trebón

Valorar (7)

RUBÉN ARAMBURU MOLET



Non trato aquí das eleccións aos concellos, aínda que o encabezamento é suxestivo. OS IRMANDIÑOS "... unha vez foi o trebón", é o nome do último traballo musical de A Quenlla, que seguro coñecedes. O disco nace dun soño e dun paseo no festival de Pardiñas. Manuel María coméntalles a Mini e Mero que sería bo musicar os poemas sobre a revolta irmandiña compostos para a peza dramática que leva o mesmo nome, "...unha vez foi o trebón". O Manuel soñaba cunha gran xira por todo o país coa intención de afortalar a autoestima do noso pobo. Mini e Mero acolleron con entusiasmo a proposta e comezaron a musicar  os poemas.

Hai un ano  A Quenlla presentou  o Disco no festival de Pardiñas. Cederon todos os dereitos e a distribución a "Irmandade Manuel María da Terra Chá". Mágoa que este disco non mereceu consideración nin apoio económico dos administradores da cultura da Xunta. Desde a presentación, A Quenlla, e
sempre na súa vocación por facer patria, percorre cada recuncho onde os
chaman para amosar este soño do Manuel.

O disco é potente. Afastase un pouco dos ritmos tradicionais de A Quenlla, incorporando sons case medievais e trobadorescos, xunto a himnos de marcha e loita que evocan con fermosura a revolta dos irmáns da Galiza fronte a algo tan actual coma a suba de impostos aos máis febles e o enriquecemento inmoral dos señores do capital. Nestes días vemos prazas ateigadas de mocidade berrando, alporizada contra aqueles que lles queren roubar os soños e a vida. E non será un renacer irmandiño?

Foi no século XVI, de fames, pestes e guerras, cando polas vilas de Galiza comezou a revolta contra dos abusos, da escravitude, a violencia exercida por uns poucos para manter o seu estatus e poder. Nacen as Irmandades, asemblearias, democráticas. Manuel María convoca nos seus poemas os sentimentos daquelas xentes, que penso non deixan de ser os nosos: a carraxe pola inxustiza, pola imposición desde fóra; a rebeldía; o soño dunha patria propia e liberada e tamén a traizón, a covardía, a vinganza, o desencanto...Polos poemas desfilan raposeiros como os Andrade, os Sarmientos, os Lemos, Moscosos; os vendidos Pedro Madruga, Diego de Lemos, Osorio; os heroes e resistentes coma Lanzós e Roi Xordo e os mártires da Almáciga.

O sábado de reflexión electoral, á noitiña, Mini e Mero actúan na casa do Pobo de Beluso ante un cento de persoas. Ninguén lles tapa a boca, móvense desde a autoridade moral da coherencia. Ao remate a xente en pé, emocionada, entusiasmada. E coma profetas que saben do deserto recordáronos que Galiza, cal Penélope agardando a Ulises, tece e destece na súa historia: "Un paso adiante e outro atrás, Galiza..." cantan o fermoso poema de Xosé María Díaz Castro, quizais previndo outro trebón, desta vez desolador e traizoeiro.

Hai no disco un poema especial, con xeito de ladaíña, dedicado a Nuno Pérez de Andrade, o Mao. É un dos que máis gosto. En cada estrofa o Mao recibe un cualificativo: mestura de raposo e de marrao, verdugo de Galiza, inimigo da vida e do amor, carniceiro do pobo traballador...e o coro contesta: Maldito sexas, sementador de odios e pelexas! Dun tempo a esta parte recreo o poema substituíndo o nome de Nuno Pérez por outros máis actuais, que non menos ruíns...e non noto a diferenza.

Oxalá que o proxecto do Manuel, de recuperar a representación de "...unha vez foi o trebón" acompañada da música de A Quenlla, e percorrendo todo o país sexa pronto unha realidade.

Temos que apoiar esta aventura, e presentar o traballo de A Quenlla en cada concello e comarca. Se alguén non o coñece, pode ir mañá mesmo  as 20,30 no Círculo das Artes de Lugo onde xunto cun grupo de mozos que representarán a obra de Manuel María, A Quenlla porá a música, e tamén o próximo 19 de xuño, domingo, estarán na Coruña, no salón de Portas Ártabras, ás 19,00h.

Non sei se estamos ante unha nova longa noite de pedra para o país, para a súa lingua e cultura, para os seus traballadores...sexa o que for, debemos recuperar o canto, aínda que clandestino na noite, vaia prendendo labaradas no corazón. Oxalá argallemos un novo exército popular das irmandades capaz de botar abaixo os castelos e torres que impiden o andar libre do noso pobo:

O pobo sacudiu os vellos xugos
e puido así acadar a súa vitoria
ó sentirse xa ceibe dos verdugos
comezou a facer a propia historia

O exército popular dos irmandiños

trougo espranzas de luz e redención
eran froles as pedras dos camiños
e o rumor popular era canción(...)


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal